viernes, 17 de febrero de 2012

Padrón de 1708, II.





Demografía de Ortoño a primeiros do s. XVIII.

Noutros artigos fixeramos unha aproximación á evolución demográfica de Ortoño. Así viramos que cara 1696 propuxeramos uns 120 veciños e cara unhas 480 persoas vivindo na parroquia. Tiraramos esta conclusión extrapolando os datos da xa famosa lista de cofrades de San Roque e San Antonio. Agora sabemos que ademais de faltar un lugar, sobraba outro que non era da parroquia. Pero fora erros que podíanse compensar, o dato non debía estar moi lonxe, e logo o veremos.
A seguinte cata demográfica sacáramola do catastro do Marques da Ensenada, a mediados do século. Daquela tiñamos contabilizado uns 153 veciños e uns 612 habitantes. Eran datos que continuaban o ascenso continuo da poboación de unha forma moderada.
Sen embargo as fontes manexadas non eran moi finas nin exaustivas. Todo o contrario dun censo ou padrón, como o feito en 1708, do que xa falamos. Neste tipo de documento consígnanse todos os habitantes, aínda que non todos os seus nomes. Tampouco aparecen neste censo o estado eclesiástico, o que tampouco supón unha grande representación. Así temos en conxunto e por lugares todos os habitantes e moitos datos máis que resultan curiosos e interesantes.
Pois ben, en Ortoño en 1708 había 157 veciños ou familias. E en total contábanse 681 habitantes, o que supoñía unha media de 4,33 membros por unidade familiar. Ademais tiña a parroquia por aquel entón 142 matrimonios, 10 viúvas e 5 viuvos. Todos os demais, uns 382 correspondían case exclusivamente a nenos e xóvenes solteiros. Practicamente todos mantiñan lazos familiares, soamente había 4 criados que servían en catro casas.

http://historiandoando.files.wordpress.com/2011/05/floridablanca1.jpg
Floridablanca,  mandou facer o censo de 1787, do que aínda non temos datos.


En canto as ocupacións, a meirande parte eran labradores. Estes sumaban 113, aínda que os demais tamén alternaban o cultivo da terra con outras ocupacións. Así seguíanlles en número os teceláns que posuían terra tamén. Estes eran 20. Había ademais outros catro que parece que soamente tecían e non labraban unha porción de bens representativa. Este oficio daba saída a importante produción de liño da zona, pero soia ser unha profesión humilde. Isto indícanos a clase media baixa dentro da poboación de Ortoño, xa que os máis acomodados eran os que  soamente se adicaban a labrar a terra.
Había tamén catro canteiros, que seguramente traballaban regularmente nas obras da nova igrexa parroquial. Seguíalles en número dous xornaleiros, que se trasladaban a Castela todos os anos a traballar.
As profesións que seguen, complementadas tamén co cultivo de algunha leira son todas xa persoais. Había un tratante de aceite de balea, outro de pescado, outro de sal, que lle chamaban o saleiro. Outro surtía de tabaco os estancos, outro era ferreiro. Había un carpinteiro, e por último un barbeiro de navalla que tamén facía algo de carpintería e traballaba unhas fincas que tiña. Tiña naquel entón a parroquia 5 pobres, un de eles de solemnidade, o cal tamén instruíra na mendicidade os seus 7 fillos.
Vemos como a poboación de Ortoño medra moito a cabalo dos s. XVII e XVIII, pois pasa de 480 posibles habitantes en 1696 a 681 en 1708. Estes últimos censados. E en realidade así debeu ser, xa que ó rematar en ese mesmo ano de 1708 a nova igrexa, o visitador manda agrandala, o que indica que o proxecto quedara pequeno respecto o aumento da poboación.
Sen embargo en medio século escaso, o número de habitantes contraese algo, pasando a uns posibles 612 cara 1752. Este cambio, podería ser debido as penurias e fames que asolaron o s. XVIII. Así mesmo constatamos cara a década dos 20  e os 30 unha grande mortaldade infantil nos libros parroquiais. Parece ser que a primeira metade do s. XVIII foi moi dura o que mermou o número de poboadores da parroquia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario