miércoles, 30 de noviembre de 2011

Pedregal X.

Comezos do s. XVIII.

Máis arriba, no artigo de Pedregal IV, falamos dos veciños do lugar que eran cofrades en Ortoño de San Roque e San Antonio, ala polo ano 1696.

En novembro de 1708, o censo feito daquela cóntanos que había oito veciños, ou sexa oito casas na aldea. A primeira era a de Juan de Paramos, casado con María Turreira dende 1677. É labrador, de feito é foreiro da familia Llorente, e ten catro fillos solteiros vivindo con el. Os seguintes son Antonio e Ygnacio Martínez, quizais irmáns, viven en cada súa casa, casados e con catro fillos. Son labradores pero ademais son tecedores, como moitos outros veciños da comarca. Tecen liño, un dos cultivos máis frecuentes despois dos cereais con que se alimentan e pagan os foros.

Foto: http://cvc.cervantes.es/img/santiago/Paseo/041.jpg

Tamén era labrador e tecedor, no Pedregal, Juan de Sar, casado dende 1665 con Dominga de Roxido. Non teñen fillos vivindo con eles o que non indica que non os tiveran, quizais casaran e vivan cos seus consortes.

Os catro veciños restantes traballan a terra pero non son tecedores. Son Domingo Míguez, viudo de Juana Vidal, que parece que vive só. Pedro Fernández casado pero sen fillos vivindo con el. Elena de Gosende, viuda de Alberte Vidal, e vive cos seus catro fillos pequenos. E por último María de Lens viuda pobre.

Estes son os veciños do Pedregal a primeiros do s. XVIII, e son os ascendentes das familias do lugar que chegaron ata hoxe. Hai unha parte do Pedregal que hoxe se coñece que antigamente era un lugar propio co nome de Sisto. Aquel era un lugar máis pequeno que o Pedregal pero sen embargo en 1708 tiña case o dobre de veciños.

domingo, 27 de noviembre de 2011

Padrón de 1708

Neste ano 2011, como cada dez anos, realizase un novo censo da poboación. Estas averiguacións resultan moi interesantes para coñecer moitos datos relativos os habitantes dun territorio, e que despois se empregan para tomar decisións en moitos eidos. Téñense feito moitos censos dende antigo para coñecer o territorio os seus habitantes e sobre todo canto poderían pagar de impostos.


Tamén a Igrexa fixo as súas averiguacións ó longo do tempo. O arquivo parroquial, como xa temos visto, conten datos para a historia demográfica da parroquia. Estes son as listas de cofrades de San Antonio de Padua e San Roque, os cales datan de finais do s. XVII.
Sen embargo, esta é unha fonte que se pode considerar parcial. Os cofrades están obrigados a unhas certas tasas anuais que quizais foran privativas para todos os veciños. De xeito que o extracto máis humilde poida que non se consigne. Sen embargo no Arquivo Histórico Universitario conservase un padrón de veciños de todo o arcebispado de Santiago feito en 1708. Este tipo de padróns que se facían periodicamente, eran averiguacións promovidas por motivos fiscais. Hai que ter en conta que en aqueles tempos discorría a Guerra de Sucesión Española, un conflito a escala Europea e de larga duración, no que se ía moito gasto do estado.
A averiguación mandada facer polo gobernador do Reino de Galicia, facíase por xurisdicións e parroquias. Deste forma Ortoño foi censada en dúas xurisdicións, en Altamira e na Maía.
No caso da Maía engadíronselle a Ortoño as dúas casas que pertencían a esta xurisdición no lugar de Eirapedriña da parroquia veciña de Bugallido. Sen embargo omítese a do lugar de Framán que tamén pertencía a Maía.

Mariscal Villars liderando la carga francesa durante la batalla de Denain. Bataille de Denain de Jean Alaux (1839)
En 1708 varios veciños de Ortoño, servían ó Rey en Castela e outros lugares, na denominada Guerra de Sucesión, como nos indica o censo de 1708.


O padrón soamente da os nomes dos veciños, ou sexa dos cabeza de familia de cada casa ou fogo. Dos demais membros da unidade familiar, menciónaos sen dicir os seus nomes. Fala de cal é a ocupación de cada familia e en canto se tasa a súa renda. Empregase como medida desta, a cantidade de terra que labra. Porque en Ortoño, en principio non se consignan máis que labradores. Non se fala de ningún fidalgo, xa que si os hai teñen a súa residencia fora da parroquia. A terra, por tanto, era a ocupación maioritaria de todos os veciños, é máis, era a razón da súa veciñanza, pero aínda así hai outras ocupacións das que se supón que non aportan moito a renda familiar.
Iremos mostrando pouco a pouco estes novos, aínda que vellos, datos.

domingo, 20 de noviembre de 2011

Libro de fundacións XXIX

Vixésimo novena fundación


17 de febreiro de 1709.



Elena de Gosende, morto seu home, Alberte Vidal do Pedregal acordase dos deberes que este tiña cos seus defuntos e dispúxose a cumprilos. No inverno de 1709 institúe e funda unha misa perpetua por San Xoán de xuño, a intención de Juan Vidal da Condomiña, tío tamén defunto de seu marido defunto, que había xa seis anos que a deixara en testamento ó tempo da súa morte.

Esta fundación esta relacionada ca familia Vidal, unha das máis antigas do lugar do Pedregal. Familiares seus aparecen na fundación XXVI, que son os Gronso, e desta volta tamén os vemos emparentados cos Vilacoba-Castrigo, do lugar de Castrigo, que tamén os tratamos en outras fundacións.

lunes, 14 de noviembre de 2011

Libro de fundacións XXX

Trigesima fundación.

4 de abril de 1683.

Un veciño de Castrigo, D. Domingo Otero e Lago que chegara a ser cura párroco de Santa María de Cuiña e San Esteban de Vivente, no actual concello de Oza dos Ríos, volve a súa terra. Este era un dos sete irmáns fillos de María de Lago. María estivera casada con Bieito de Castrigo e Sanmamed, do cal tivera por fillo a Gregorio de Castrigo e Sanmamed. Enviudou nova en 1615 e casou en segundas nupcias con Domingo Douteiro co que tivo seis fillos máis entre os que se atopaba don Domingo. Estes son os ascendentes das familias do lugar de Castrigo que o longo do tempo foron mudando os apelidos e multiplicándose. Aínda así durante o s. XVII houbo diferencias entre os bens de María de Lago entre os Outeiro e Gregorio de Castrigo e os seus descendentes.








Don Domingo ven a cumprir cos derradeiros desexos de seu irmán Alonso. Hipoteca varios bens para fundar cinco misas perpetuas. Tres na octaba de San Xoán, outra por Santa Cruz e outra por Nosa Señora da O.

A máis das veces non é posible coñecer moito das persoas antes da metade do s. XVII por mor da falta de documentación. Sen embargo, neste caso a través dos expedientes de Sagradas Ordenes coñecemos a súa partida de bautismo:

 
En veinte de octubre de mill y seis cientos y veinte años bautisse yo antº gomes de parapar rector de san Juº de ortoño un hijo a domingos de Otero y a mª de lago su muger llamase Domingos fueron padrinos Rº Giradles y Lucia de adoufe vecinos de Sª Mª de los Angeles y lo firmo Antº Gomez el qual rotulo lei a los testigos de atrás y dixeron era el propio por estaren algunos de los presentes

jueves, 3 de noviembre de 2011

Pedregal IX

A cartografía dos seus dominios.



Longo foi o traballo para dar hoxe aquí, a forma e extensións aproximadas dos antigos dominios neste lugar. Para iso empregamos a documentación antiga que puidemos ver, e que moitos veciños gardan nas súas casas, ademais de outra que se atopa nos arquivos públicos.
Pranos dos lugares de Pedregal e Sisto, da parroquia de Ortoño, divididos segundo os dominios que os poseían.

Deste xeito e como xa temos contado, atopamos o conde de Altamira como o maior posuidor de terra no lugar. Máis do noventa por cento de todo, incluídas as casas cas súas eiras e cortes, eran do seu estado. Pero polo medio aparecen certos agros e fincas de outros dominios.

Así o Agro dos Paramos, nome que recibe da familia que o traballaba, era do dominio dos Llorente, ou sexa do marques de Astariz. Tamén lle pertencían outras dúas propiedades entre as casas do Pedregal e o Soutiño. Tiña tamén outra boa finca en Móntelle de Abaixo e unha estreita en Chavían, que logo atravesaríaa a estrada Santiago-Noia no s. XIX.

O outro marques, o de Leis, o que era corsario, tiña un cadro no paraxe chamado Brea e outra leira estreita en Chavian, un pouco máis cara o leste da do Llorente. Neste mesmo paraxe de Chavian tiñan tamén sendas fincas o Cabildo de Santiago, a Fabrica da Igrexa de Ortoño e o Mosteiro compostelán de Santo Domingo de Bonaval.

Nos veciños lugares de Bertamiráns e Casal repítense estes dominios e outros que veremos cando falemos deles.

Estes pequenos dominios aínda que titulados, non deixaba de ser minúsculas excepcións dentro do estado de Altamira. Temos encontrado foros feitos polos administradores e tesoureiros do conde a favor do marques de Leis, que evidencian que o corsario era tamén un tributario da grandeza de España que era o conde. Porque a dicir verdade, no s. XVIII concedéronse moitos títulos nobiliarios, pero xa non se podían comparar cas casas e liñaxes que se titularan había dous ou máis séculos, como era o caso dos Ossorio de Moscoso.