Longo foi o traballo para dar hoxe aquí, a forma e extensións aproximadas dos antigos dominios neste lugar. Para iso empregamos a documentación antiga que puidemos ver, e que moitos veciños gardan nas súas casas, ademais de outra que se atopa nos arquivos públicos.
Pranos dos lugares de Pedregal e Sisto, da parroquia de Ortoño, divididos segundo os dominios que os poseían. |
Deste xeito e como xa temos contado, atopamos o conde de Altamira como o maior posuidor de terra no lugar. Máis do noventa por cento de todo, incluídas as casas cas súas eiras e cortes, eran do seu estado. Pero polo medio aparecen certos agros e fincas de outros dominios.
Así o Agro dos Paramos, nome que recibe da familia que o traballaba, era do dominio dos Llorente, ou sexa do marques de Astariz. Tamén lle pertencían outras dúas propiedades entre as casas do Pedregal e o Soutiño. Tiña tamén outra boa finca en Móntelle de Abaixo e unha estreita en Chavían, que logo atravesaríaa a estrada Santiago-Noia no s. XIX.
O outro marques, o de Leis, o que era corsario, tiña un cadro no paraxe chamado Brea e outra leira estreita en Chavian, un pouco máis cara o leste da do Llorente. Neste mesmo paraxe de Chavian tiñan tamén sendas fincas o Cabildo de Santiago, a Fabrica da Igrexa de Ortoño e o Mosteiro compostelán de Santo Domingo de Bonaval.
Nos veciños lugares de Bertamiráns e Casal repítense estes dominios e outros que veremos cando falemos deles.
Estes pequenos dominios aínda que titulados, non deixaba de ser minúsculas excepcións dentro do estado de Altamira. Temos encontrado foros feitos polos administradores e tesoureiros do conde a favor do marques de Leis, que evidencian que o corsario era tamén un tributario da grandeza de España que era o conde. Porque a dicir verdade, no s. XVIII concedéronse moitos títulos nobiliarios, pero xa non se podían comparar cas casas e liñaxes que se titularan había dous ou máis séculos, como era o caso dos Ossorio de Moscoso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario