domingo, 29 de mayo de 2011

Concordias III

Ano 1681, media parroquia de Ortoño ponse de acordo.

Actualmente, a maior parte das actuacións sobre o territorio e as infraestructuras son promovidas polas administracións publicas, e en menor medida por persoas ou entes privados. Públicas ou privadas todas deben cumprir con unha serie de requisitos técnicos e administrativos para a súa realización.


Anque estes procesos teñen exposicións publicas, moitas veces a maior parte dos cidadáns asiste impasible a súa realización, sen tentar participar nin dar a súa opinión. Non era así en absoluto no pasado, en que moitas empresas das que chegaron ata hoxe os seus restos, máis ou menos conservados, foron feitas, xa non soamente ca participación dos veciños, senón partindo deles e nunca sen todos os afectados. Estas empresas foron a expresión palpable da posta de acordo dos nosos devanceiros en moitos temas.

Hoxe a penas temos conciencia de moitas concordias que chegaron a posibilitar facer moitas actuacións sobre o territorio que o foron cambiando pouco a pouco e facéndoo singular. Traemos desta volta unha moi interesante sobre a creación da presa da Condomiña para conducir auga do río Sar para regar.

Como temos dito no século XVII en Galicia é o tempo da introducción do millo americano ou groso como aquí se chamou, para diferencialo de outro cereal que pasou a chamarse millo miúdo. Este cultivo dábase ben en terreos fondos ou con rega esporádica. Deste xeito en moitas partes empezouse a regar terras que antes non se facía, necesitando para iso crear novas infraestructuras para o trasporte, moitas veces, de grandes cantidades de auga.

En Ortoño, rico en terras fértiles, tamén lle chegou a hora de buscar e ensaiar formulas para ter mellores colleitas, habida conta do aumento da poboación e por tanto das necesidades de recoller máis productos agropecuarios para subsistir e pagar as rendas. Deste xeito, a tensión fora aumentando e a mediados do século xa houbera problemas por mor da auga. En 1666 os veciños de Maguxe tiveron que chegar en apelación ata a Real Audiencia porque os de Guimaráns e Mourigade roubábanlles as augas de rega dos seus agros lindantes ca parroquia de Bugallido.
A coñecida casa do Castro. Detras dela esta esta o denominado monte do Castro por onde sairia a presa de auga e tamén os muiños dos que moitos anos despois lle habian pertencer a esta casa dos Martínez Viojo.

Ante este panorama xurdiu unha idea, quizais de forma individual que ó provocar en principio un problema dou posteriormente o inicio para un proxecto moi ambicioso. Cara o principio da década dos 80 do XVII, alguén, comezou a cavar unha presa nova para extraer auga dos muíños do Castro, sitos ó pe do castro de Ortoño, na beira esquerda do río Sar, de onde se nutren de auga. Soamente puido avanzar uns poucos “codos”, xa que foi paralizada inmediatamente polos levadores dos muíños, que viñan xa de preitear por eles, e tamén posuidores do monte do Castro que vían lesionados os seus dereitos.
Ponte reconstruida sobre o río Sar onde estaba a antiga ó pe da aldea.

Pero, despois do incidente, déronse conta da interesante idea de regar unha grande extensión de terra na que todos tiñan leiras e agros, referímonos ó conxunto das agras que van dende a Condomiña ata o Rianxo, onde agora esta a E.D.A.R dos actuais concellos de Ames e Brión. Este proxecto afectaba a máis de 50 persoas e ós seus futuros herdeiros, xa que estaba chamado a permanecer no tempo para sempre.

A idea era sacar do río Sar unha presa ou canalización de auga, a máis grande posible e a maior altura posible, e traela a través das partes máis altas dos lugares da Condomiña, Punxeiras altas e Baixas e as Cortes para dende ela regar todo o térreno que quedase ata o río Sar. Para iso había que chegar a acordo cos posuidores dos muíños do Castro de onde se sacaba a auga, e cos veciños de Lapido, xa que o monte do castro estaba nos lugares de Lapido e Maguxe. Igualmente cos veciños da Condomiña, Punxeiras Altas e Baixas e cos do lugar das Cortes.

Estableceuse que unha sexta parte do caudal quedase para regar a o agro da Ribeira no lugar da Condomiña, que esta ó norte do “camiño real” que ía de Santiago a Noia, que ven sendo a actual estrada das catro aldeas a Bertamiráns. Pasado ó camiño real cara o sur, a presa debía dividirse en tres. A metade do caudal en unha que fose para as Cortes sen sacarlle nada polo camiño. A outra metade dividirase en dúas, unha de un tercio para as terras das Punxeiras Baixas ata o río, e os outros dous tercios para as Punxeiras Altas buscando o itinerario máis alto posible. Da auga que viña para as Cortes unha quinta parte enteiramente era para regar os agros chamados da Ribeira e pertencentes o lugar de Ortoño.

O acordo pensaba en todo. Como había posibilidade de derrube da terra nas beiras do río e este problema agravaríase ó regar, buscouse a forma de que todos os beneficiarios da auga acudisen a reparar os estragos a un deles na súa leira. Os posuidores dos muíños dóeselles un prorrateo do tempo de moenda, incluíndo este problema particular deles no acordo xeral. Os veciños perxudicados pola entrada da presa nos seus terreos, sobre todo os do monte foron indemnizados polos que se beneficiaron da rega con rendas anuais de varios ferrados centeo. Ó mesmo os veciños de Lapido, xa non por ser invadidos senón por levarlle a auga do río cando esta pasa polo seu lugar recibiron renda perpetuas do uso e paso da presa.

A palabra presa aplicada ó rego de conducción ten o seu xeito. Non se trataba simplemente dun rego, máis ou menos ancho ou fondo, senón dunha presa, xa que empresaba a auga no río e tamén ó longo do traxecto por onde a levaba, de forma que se mantivese o máis elevada posible. A súa construcción e mantemento posterior foi sempre a de reforzar a parede que a separaba do lado baixo do terreo por onde discorría.

viernes, 27 de mayo de 2011

O libro de fundacións XXI

En 1669, ano da renovación de moitas obrigas respecto as fundacións antigas, tamén se fai esta que impuxo María de Casaldoeiro.

A María xa lle morrera o home, Juan Pérez, cando impón ante Antonio López Rocha, notario da Maía, unha obriga polo seu defunto sogro, Juan Pérez, o vello.

Parece que esta familia debeu vivir no lugar de Cortes, anque non tiñamos noticias do apelido Pérez no lugar antes do s. XIX. Pero a sucesión de apelidos de outras persoas delata a súa ubicación. Así María Pachona debeu ser dunha familia moi vinculada ó dito lugar, xa que aínda se conserva o topónimo “Agro dos Pachóns” entre outras cousas.






Deste xeito chegamos o grupo que a principios do s. XIX se encarga de pagar esta misa de fundación. Así atopamos a practicamente todos os veciños do lugar daquela época. Aquí refléxase un feito interesante que se dou na nosa terra ata ben entrado o s. XX. A excepción dos caseiros e outras xentes que foron chegando da “montaña”, ou sexa de outras comarcas interiores, a practica totalidade dos veciños de un lugar non soamente estaban emparentados todos en distinto grao, se non que eran todos, de unha forma ou de outra descendentes de aqueles primeiros poboadores do s. XV.
Pódese facer a proba. Coller un lugar ou aldea, e identificar as casas de sempre, nas que había xente hai tres xeracións e investigar as súas orixes xenealoxías. Invariablemente en uns 300 ou 400 anos para atrás teremos reducido eses solares xa vellos a un só. Fixémolo co lugar das Cortes e anque non chegamos a completar a unificación familiar, si descubrimos ós vínculos entre distintas casas e familias das que semellaba non haber ningunha relación.

domingo, 22 de mayo de 2011

Os cargos públicos no antigo réxime II

Con respecto ó poder xudicial e de orden público temos como cargo máis elevado o de xustiza, xuíz ou meriño da xurisdición. Este era nomeado directamente polo dominio que exercía o seu señorío sobre a terra, fora o conde en Altamira ou o arcebispo na Maía. O mesmo pasaba ca fe pública. Os escribáns de número de cada xurisdición era nomeados polo dominio, pero en contraposición ós xuíces, o cargo podía perpetuarse na familia de pais a fillos, como temos constatado en ambas xurisdicións. Respecto o cargo de xuíz os seus deberes eran os de coñecer en todas as causas civís e criminais na dita xurisdición, de forma que conservase ós seus veciños nos seus usos e costumes e regalías. Para iso debía concorrer dous días a semana a facer audiencia, e máis si fora necesario, no lugar acostumado que no caso do condado era a fortaleza de Altamira en Brión. Tamén nomeaba un tenente para xurisdición de Barcala, xa que o cargo de Meriño levaba as dúas xurisdicións. A súa vez o meriño - xuíz nomeaba un intendente ou delegado seu en cada parroquia, chamado mordomo pedáneo. As súas atribucións estaban conferidas ós lugares da parroquia que pertencían a xurisdición. Estes, pódese dicir, que seguiron pervivindo despois dos señoríos, pero con outro nome, o de alcaldes pedáneos, no s. XIX, e aínda hoxe aínda se poderían recoñecer na figura dos concellais, ou case máis ben nos xuíces de paz.

Os seus deberes era os de gardar a orden publica principalmente. Tiñan o deber de mandar manter os cerres dos agros, compoñer os camiños e as pontes de xeito que as vías de comunicación estivesen francas. Debían tamén impedir a entrada de outros escribáns ou persoas con poder de tribunais na xurisdición sen permiso do meriño, e manter os prezos dos produtos da terra segundo os varemos provinciais a fin de controlar a especulación. Por último, tamén debían velar lo cumprimento e pago de todas as rendas que o condado tiña nos lugares da dita xurisdición.

Adro de Santa María dos Ánxeles, a antiga Santa María de Perros, onde se elixían anualmente os rexidores de Altamira e a Maía.  http://imgpe.trivago.com/uploadimages/67/84/6784253_l.jpeg


O mesmo ocorría cos lugares con respecto a súa representación. Así nos s. XVI o XVIII os moradores foreiros do señor recoñecíanse ca palabra voz. Son vasalos que se xuntaban no Alqueidón, unha vez ó ano para elixir procurador xeral e rexedores da xurisdición. A súa función era moi importante, xa que dan corpo a terra do señor, sostendo a economía do seu estado, apeando os seus lugares e mantendo os usos e costumes, moitos deles recordados nos foros. Nese período de tempo poderíase recoñecer nos denominados cabezaleiros ou cabezas de foro. Son os encargados de xestionar a recollida de todas as fraccións de renda do foro dun lugar, e na súa casa soían gardar os instrumentos e prorrateos ou repartos de renda, ós cales concorrían os seus veciños para solucionar desavenencias e malos entendidos. Nas súas persoas ademais pagaban a lutuosa do lugar, a que contribuían os demais moradores na mesma proporción que a renda do foro. No s. XIX tamén se lles ha de coñecer como celadores, e exercen as mesma funcións que o mordomo parroquial nos seus determinados lugares. Este tipo de cargo público, por chamarlle así, estivo vixente tradicionalmente ata ben entrado o s. XX.

Pero como houbese un poder xudicial e de orden público xerarquizado dende o meriño da xurisdición ata chegar a un representante por lugar, tamén se podería dicir que había unha representación da xurisdición enteira no rexemento elixido polos vasalos ou moradores dos lugares. Este estaba composto por varios veciños que se propoñían e se votaban en asemblea no adro de Santa María dos Ánxeles, como temos dito. O seu cargo era por un ano prorrogable. Elixíanse tres por Altamira e un pola Maía que entraba dentro das parroquias nas que a de Altamira estaba tamén presente, ou sexa os dous Bastavales, Ánxeles, Ortoño e as catro casas de Eirapedriña e unha de Framán na parroquia de Bugallido. As súas obrigas eran as de asistir a todas as xuntas e consellos, velar e administrar os repartimentos de alcabalas e outras derramas sen fraude para os habitantes das súas xurisdicións.

Había tamén outro oficio que tiña unha gran fama naquela época e era o de procurador xeral da xurisdición. Elixíase ó tempo dos rexedores e como aqueles era valedoiro por un ano e prorrogable. As súas atribucións eran parecidas as de un valedor dos vasalos pois ó xurar o cargo comprometíase a buscar o ben público, a defender ós seus veciños e gardar os usos e costumes loables, defendendo a xurisdición e os intereses do seu señor o conde. Tiña voz e voto en todos os consellos da xurisdición xunto cos rexementos e o meriño.

Tanto os cargos elixidos como os nomeados facíanse en persoas abonadas e con un certo estatus sobre os seus iguais na xurisdición. Así tanto o meriño ou xuíz como os escribáns soían ter vínculos ca fidalguía da zona. O mesmo os procuradores xerais, e os membros dos rexementos, anque eran vasalos e moradores nos lugares do estado do conde ou do arcebispo, tíñanse ido diferenciando dos seus veciños en virtude de matrimonios con segundas e terceiras fillas de familias do extracto social superior o seu. De esta forma ían unindo os seus logros económicos cos sociais o longo de varias xeracións, creando solares ou familias con un ascendente sólido entre os seus veciños, sendo a súa preeminencia social proporcional os cargos ocupados. Deste xeito algúns de estes cargos, podían ser perpetuados en distintas xeracións da mesma familia, ó recaer co tempo en algún dos seus descendentes.

miércoles, 18 de mayo de 2011

Os cargos públicos no antigo rexime I

Periodicamente a nosa sociedade reelixe os seus representes nos órganos que ela mesma se dotou por goberno da vida e das cousas públicas. É certo que é un sistema que non ten máis de tres décadas longas, por iso poderíase pensar que nun pasado máis ou menos lonxano a vista do precedente nunca houbo algo semellante o que agora existe.


Cruceiro do campo da festa dos Ánxeles, onde antigamente se elexian ós representantes dos veciños da comarca.  http://www.trivago.com/brion-338216/church--cathedral--monastery/igrexa-de-santa-maria-dos-anxeles-1542727/picture-i6786235



Sen embargo a realidade foi de outro xeito. Dende o s. XVI ata o XIX, existeu na nosa terra un sistema administrativo que tiña en conta ós veciños a hora de se rexer, aínda que estivese en vigor un sistema feudal herdado da idade media e o réxime do estado fora a monarquía absoluta.

Deste xeito na idade moderna e comezo da contemporánea articuláronse unhas divisións administrativas, no só na parroquia de Ortoño, si non tamén en toda a bisbarra dividida nas xurisdicións de Altamira e a Maía. É máis, aquela división xurisdicional marcou de forma efectiva a administración destes territorios, nos ámbitos fiscal, xudicial e administrativo. Os lugares ou aldeas tiñan os seus límites, que estaban moi ben definidos polos apeos e constituían a unidade básica territorial de cada unha de aquelas xurisdicións. Polo contrario a parroquia non podía desempeñar o espazo de unidade mínima porque había parroquias nas que entraban dúas ou máis xurisdicións.

Así os rexementos, ou sexa as corporacións que rexían a Altamira e a Maía estaban conformadas por persoas dos lugares de cada xurisdición, e cada lugar tiña representación a hora de ser elixidas. Isto facíase con independencia das feligresías ás que pertencían os moradores con dereito a elixir e a ser elixidos. Pódese ver na elección do rexemento e procurador xeral, que se soia facer por un ano e que se levaba a cabo o día 12 de marzo, festividade de San Gregorio, no adro de Santa María dos Ánxeles, no lugar dos Alqueidóns. Neste acto os veciños e vasallos son consignados polo se nome, e en caso de duplicidade de nome pola aldea onde vivía, non da parroquia a que pertencía.

Agora ben, aqueles usos e costumes non se estableceran, sen dubida, naquela época. Seguramente estas formas tíñanse institucionalizado a partir da tradición que viña dende a idade media, moito antes da formación da xurisdición de Altamira. A proba témola na permanencia de determinados cargos ou postos herdados daquela organización que perviviron despois da desaparición dos señoríos, case ata os nosos días.

domingo, 15 de mayo de 2011

Concordias II

As concordias entre herdeiros.

Onte coma hoxe, o reparto das herdanzas dos antepasados defuntos podía chegar a ser un verdadeiro quebradeiro de cabeza para algunhas familias.


O devir do tempo e o aumento da poboación fixeron que se multiplicasen os herdeiros e se repartise e volvese a partir a terra, de xeito que a propiedade foise atomizando. O século XVII e un bo exemplo do incipiente número de desabenencias deste tipo entre familiares cércanos, que despois de varias xeracións vense obrigados a entenderse e concertar arranxos máis o menos satisfactorios.

Un exemplo son os descendentes de Domingos de Buela e María de Buela, veciños e moradores do lugar de Buela en San Miguel de Raris, no actual concello de Teo, e que deberon vivir a cabalo dos séculos XVI e XVII. Os seus descendentes estendéronse por varios lugares entre os que estaba o lugar de Ortoño na parroquia do mesmo nome. A particularidade deste caso estribaba nos múltiples matrimonios entre os fillos e fillos políticos que o que fan e complicar máis e máis as distintas lexitimas e gananciais dos defuntos.

Así un dos fillos, Marcos de Buela, casa con Susana Gonçales, a cal lle morrera o seu primeiro home Miguel Míguez. Esta muller era do lugar de Ortoño e filla de Gregorio Lorenzo e Dominga Gonçalez. O caso é que despois de casar morre ela e Marcos casa de novo con Catalina de Caxade que tamén acaba enviuvando e voltando a casar con Francisco Rodríguez. Ademais desto María Míguez a filla de Susana e o seu primeiro home casa con outro fillo de Domingos de Buela e María de Buela, chamado Thome, e do cal temos extensa información, xa que foi fabriqueiro da igrexa de Ortoño. Había máis herdeiros que se foran diseminando ata chegar algún a vila de Muros, e outros ausentes emigrados en outros reinos.

O caso é que cara 1679, había varios herdeiros en varias parroquias que non tiñan claro que é o que lles pertencía no lugar de Buela por parte dos seus avós nin tampouco dos seus proxenitores de xeito que deciden chegar a un acordo e concordia e repartir da mellor forma posible todas aquelas cousas as que todos eles aínda tiñan dereito.

O libro de fundacións XX

Vinteava fundación



11 de decembro de 1669


Ante Antonio López Rocha, escríbano da Súa Maxestade, e notario apostólico, afincado no lugar de Guitiande da veciña parroquia dos Ánxeles, coparece Andrés Barreiro, clérigo presbítero e veciño do lugar de Maguxe.

Disque seu pai Domingo Barreyro, fixéralle escritura de patrimonio para que se puidera ordear de orden sacro. A nai deste, María de Caxade casada con Juan Barreiro de Maguxe, posiblemente oriúnda de Luou, deixara polo seu testamento ante Domingo Freire, escriban de número da Maía unha misa por San Xoán de Xunio, a cal comprometese a pagar seu neto Andrés.



Estes Barreiro, como xa dixemos na fundación anterior, teñen unha fonda implantación no lugar. Así aquel Juan de Barreyro casado con María de Caxade seguramente fora a segunda voz dunhas das tres partes de Maguxe presentada en 1630. Seus pais puderon ben ser Juan Barreyro o vello de Maguxe e Dominga González e seus avós Domingo do Barreyro o vello casado con María do Sebe. De tódolos xeitos tratase, con gran probabilidade, de un apelido toponímico procedente do lugar do Barreiro da veciña parroquia de Bugallido.

domingo, 8 de mayo de 2011

O libro de fundacións XIX

Decimo novena fundación


17 de febreiro de 1709

Naquel inverno de 1709 consignase en Bertamiráns, na casa do notario Juan Turreira unha vella, que non nova, fundación. Á súa casa chegaran Benito de Tembra, veciño no lugar de Lapido, Andrés Fariña casado con Dominga Dortoño e moradores no lugar da Igrexa e Domingo de Quintáns casado con Dominga Lorenzo e posiblemente veciños do lugar de Ortoño. Todos declaran diante do Turreira, que había cuarenta anos morrera Alonso Lorenzo, seguramente veciño de Maguxe, deixandolle por vía de legado a Pedro Lorenzo, quizais seu fillo, a metade dunha leira no paraxe de Cassais en Maguxe, ca pensión de unha misa rezada na octaba de San Xoán.

Agora todos eles como herdeiros do Lorenzo, para respectar a súa vontade e tamén a súa herdanza comprométense a pagar, agora uns e despois outros a devandita misa.



Aquel Alonso Lorenzo quizais fose o Alonso Lorenzo “el moso” que en 1630 xunto con Juan Dortoño recibían parte do lugar de Maguxe en foro de mans de Rodrigo de Leis Pulleiro, contador e apoderado do conde de Altamira. A familiaridade entre os Lorenzo, moradores nos s. XVI e XVII no lugar de Ortoño, cos Barreyro no de Maguxe, e tamén os Ortoño, foi moi intensa devido a varios enlaces que entre estas familias houbo.

Estes apelidos foron mudando e deixando paso a outros, aínda que os houbo que se deron mantido como os Sebe.

Unha nota de 1826 recorda que daquela era Miguel Martínez do Castro, o pai do tan famoso José Martínez Viojo, o que pagaba a misa porque comprara a leira sobre a que cargaba a hipoteca da misa perpetua de aquela fundación.

miércoles, 4 de mayo de 2011

Concordias I

A etimoloxía de concordia ven do latín concordĭa, ou sexa algo feito dende o corazón “cor”. As concordias son por tanto axustes ou convenios entre persoas que tiñan ou mantiñan diferencias e desunión a propósito de algún tema. Problemas estes que xurdiron nun momento dado e que en moitos casos en relación ca parroquia de Ortoño chegaron a preito, sexa nas audiencias das xurisdicións do val da Maía, na do xuíz da Quíntana en Santiago ou incluso nas da Real Audiencia do Reino de Galicia na Coruña.


Estas situacións déronse no pasado como se dan no presente e se darán sempre. Sen embargo é interesante ver no devalar do tempo e particularmente na historia da parroquia, como novos problemas colectivos íanse amañando tamén de unha forma colectiva e sobre todo participativa de todas as partes, que moitas veces podían chegar a ser moita xente.
Primeira folla da concordia a que chegaron en 1681 os veciños da Condomiña sobre o canal de sacar auga do río Sar.

O territorio, e as parroquias como partes del, sufriron cambios intensos ó longo do tempo. Nas épocas nas que maiormente tratamos neste blog de historia, que son o final da idade media ata finais do s. XIX, a terra da Maía foi sometida a fortes cambios en moitos eidos. Estas situacións foron o xerme de conflitos que unhas veces atinxían a poucas persoas, e outras a practicamente toda a parroquia. Nas primeiras soian ser problemas familiares derivados de herdanzas, titorías de minores de idade orfos, etc, ou de faltas entre varios individuos. Cando os problemas saian fora do ámbito familiar e persoal podían ser de moi diversa índole. Habíaos motivados polo uso das augas de rega, dos camiños, do reparto de impostos e rendas, incluso de dereituras eclesiásticas. Dábanse tamén acordos para a o reparo ou construción de infraestruturas publicas, as cales eran competencia dos veciños.

Desta forma queremos iniciar unha serie de artigos adicados as Concordias das que temos noticias que se deron entre as xentes de Ortoño no pasado. Moitas delas son entre familias das que nos achegaran interesante información xenealoxía e tamén nos dan unha idea das relacións neste eido no pasado. Outras son o resultado de longos e azarosos preitos entre grupos de veciños os cales vendo as dificultades de gañar xudicialmente avíñanse a buscar unha solución aceptable ca outra parte.