domingo, 29 de mayo de 2011

Concordias III

Ano 1681, media parroquia de Ortoño ponse de acordo.

Actualmente, a maior parte das actuacións sobre o territorio e as infraestructuras son promovidas polas administracións publicas, e en menor medida por persoas ou entes privados. Públicas ou privadas todas deben cumprir con unha serie de requisitos técnicos e administrativos para a súa realización.


Anque estes procesos teñen exposicións publicas, moitas veces a maior parte dos cidadáns asiste impasible a súa realización, sen tentar participar nin dar a súa opinión. Non era así en absoluto no pasado, en que moitas empresas das que chegaron ata hoxe os seus restos, máis ou menos conservados, foron feitas, xa non soamente ca participación dos veciños, senón partindo deles e nunca sen todos os afectados. Estas empresas foron a expresión palpable da posta de acordo dos nosos devanceiros en moitos temas.

Hoxe a penas temos conciencia de moitas concordias que chegaron a posibilitar facer moitas actuacións sobre o territorio que o foron cambiando pouco a pouco e facéndoo singular. Traemos desta volta unha moi interesante sobre a creación da presa da Condomiña para conducir auga do río Sar para regar.

Como temos dito no século XVII en Galicia é o tempo da introducción do millo americano ou groso como aquí se chamou, para diferencialo de outro cereal que pasou a chamarse millo miúdo. Este cultivo dábase ben en terreos fondos ou con rega esporádica. Deste xeito en moitas partes empezouse a regar terras que antes non se facía, necesitando para iso crear novas infraestructuras para o trasporte, moitas veces, de grandes cantidades de auga.

En Ortoño, rico en terras fértiles, tamén lle chegou a hora de buscar e ensaiar formulas para ter mellores colleitas, habida conta do aumento da poboación e por tanto das necesidades de recoller máis productos agropecuarios para subsistir e pagar as rendas. Deste xeito, a tensión fora aumentando e a mediados do século xa houbera problemas por mor da auga. En 1666 os veciños de Maguxe tiveron que chegar en apelación ata a Real Audiencia porque os de Guimaráns e Mourigade roubábanlles as augas de rega dos seus agros lindantes ca parroquia de Bugallido.
A coñecida casa do Castro. Detras dela esta esta o denominado monte do Castro por onde sairia a presa de auga e tamén os muiños dos que moitos anos despois lle habian pertencer a esta casa dos Martínez Viojo.

Ante este panorama xurdiu unha idea, quizais de forma individual que ó provocar en principio un problema dou posteriormente o inicio para un proxecto moi ambicioso. Cara o principio da década dos 80 do XVII, alguén, comezou a cavar unha presa nova para extraer auga dos muíños do Castro, sitos ó pe do castro de Ortoño, na beira esquerda do río Sar, de onde se nutren de auga. Soamente puido avanzar uns poucos “codos”, xa que foi paralizada inmediatamente polos levadores dos muíños, que viñan xa de preitear por eles, e tamén posuidores do monte do Castro que vían lesionados os seus dereitos.
Ponte reconstruida sobre o río Sar onde estaba a antiga ó pe da aldea.

Pero, despois do incidente, déronse conta da interesante idea de regar unha grande extensión de terra na que todos tiñan leiras e agros, referímonos ó conxunto das agras que van dende a Condomiña ata o Rianxo, onde agora esta a E.D.A.R dos actuais concellos de Ames e Brión. Este proxecto afectaba a máis de 50 persoas e ós seus futuros herdeiros, xa que estaba chamado a permanecer no tempo para sempre.

A idea era sacar do río Sar unha presa ou canalización de auga, a máis grande posible e a maior altura posible, e traela a través das partes máis altas dos lugares da Condomiña, Punxeiras altas e Baixas e as Cortes para dende ela regar todo o térreno que quedase ata o río Sar. Para iso había que chegar a acordo cos posuidores dos muíños do Castro de onde se sacaba a auga, e cos veciños de Lapido, xa que o monte do castro estaba nos lugares de Lapido e Maguxe. Igualmente cos veciños da Condomiña, Punxeiras Altas e Baixas e cos do lugar das Cortes.

Estableceuse que unha sexta parte do caudal quedase para regar a o agro da Ribeira no lugar da Condomiña, que esta ó norte do “camiño real” que ía de Santiago a Noia, que ven sendo a actual estrada das catro aldeas a Bertamiráns. Pasado ó camiño real cara o sur, a presa debía dividirse en tres. A metade do caudal en unha que fose para as Cortes sen sacarlle nada polo camiño. A outra metade dividirase en dúas, unha de un tercio para as terras das Punxeiras Baixas ata o río, e os outros dous tercios para as Punxeiras Altas buscando o itinerario máis alto posible. Da auga que viña para as Cortes unha quinta parte enteiramente era para regar os agros chamados da Ribeira e pertencentes o lugar de Ortoño.

O acordo pensaba en todo. Como había posibilidade de derrube da terra nas beiras do río e este problema agravaríase ó regar, buscouse a forma de que todos os beneficiarios da auga acudisen a reparar os estragos a un deles na súa leira. Os posuidores dos muíños dóeselles un prorrateo do tempo de moenda, incluíndo este problema particular deles no acordo xeral. Os veciños perxudicados pola entrada da presa nos seus terreos, sobre todo os do monte foron indemnizados polos que se beneficiaron da rega con rendas anuais de varios ferrados centeo. Ó mesmo os veciños de Lapido, xa non por ser invadidos senón por levarlle a auga do río cando esta pasa polo seu lugar recibiron renda perpetuas do uso e paso da presa.

A palabra presa aplicada ó rego de conducción ten o seu xeito. Non se trataba simplemente dun rego, máis ou menos ancho ou fondo, senón dunha presa, xa que empresaba a auga no río e tamén ó longo do traxecto por onde a levaba, de forma que se mantivese o máis elevada posible. A súa construcción e mantemento posterior foi sempre a de reforzar a parede que a separaba do lado baixo do terreo por onde discorría.

No hay comentarios:

Publicar un comentario