domingo, 15 de mayo de 2011

Concordias II

As concordias entre herdeiros.

Onte coma hoxe, o reparto das herdanzas dos antepasados defuntos podía chegar a ser un verdadeiro quebradeiro de cabeza para algunhas familias.


O devir do tempo e o aumento da poboación fixeron que se multiplicasen os herdeiros e se repartise e volvese a partir a terra, de xeito que a propiedade foise atomizando. O século XVII e un bo exemplo do incipiente número de desabenencias deste tipo entre familiares cércanos, que despois de varias xeracións vense obrigados a entenderse e concertar arranxos máis o menos satisfactorios.

Un exemplo son os descendentes de Domingos de Buela e María de Buela, veciños e moradores do lugar de Buela en San Miguel de Raris, no actual concello de Teo, e que deberon vivir a cabalo dos séculos XVI e XVII. Os seus descendentes estendéronse por varios lugares entre os que estaba o lugar de Ortoño na parroquia do mesmo nome. A particularidade deste caso estribaba nos múltiples matrimonios entre os fillos e fillos políticos que o que fan e complicar máis e máis as distintas lexitimas e gananciais dos defuntos.

Así un dos fillos, Marcos de Buela, casa con Susana Gonçales, a cal lle morrera o seu primeiro home Miguel Míguez. Esta muller era do lugar de Ortoño e filla de Gregorio Lorenzo e Dominga Gonçalez. O caso é que despois de casar morre ela e Marcos casa de novo con Catalina de Caxade que tamén acaba enviuvando e voltando a casar con Francisco Rodríguez. Ademais desto María Míguez a filla de Susana e o seu primeiro home casa con outro fillo de Domingos de Buela e María de Buela, chamado Thome, e do cal temos extensa información, xa que foi fabriqueiro da igrexa de Ortoño. Había máis herdeiros que se foran diseminando ata chegar algún a vila de Muros, e outros ausentes emigrados en outros reinos.

O caso é que cara 1679, había varios herdeiros en varias parroquias que non tiñan claro que é o que lles pertencía no lugar de Buela por parte dos seus avós nin tampouco dos seus proxenitores de xeito que deciden chegar a un acordo e concordia e repartir da mellor forma posible todas aquelas cousas as que todos eles aínda tiñan dereito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario