domingo, 22 de mayo de 2011

Os cargos públicos no antigo réxime II

Con respecto ó poder xudicial e de orden público temos como cargo máis elevado o de xustiza, xuíz ou meriño da xurisdición. Este era nomeado directamente polo dominio que exercía o seu señorío sobre a terra, fora o conde en Altamira ou o arcebispo na Maía. O mesmo pasaba ca fe pública. Os escribáns de número de cada xurisdición era nomeados polo dominio, pero en contraposición ós xuíces, o cargo podía perpetuarse na familia de pais a fillos, como temos constatado en ambas xurisdicións. Respecto o cargo de xuíz os seus deberes eran os de coñecer en todas as causas civís e criminais na dita xurisdición, de forma que conservase ós seus veciños nos seus usos e costumes e regalías. Para iso debía concorrer dous días a semana a facer audiencia, e máis si fora necesario, no lugar acostumado que no caso do condado era a fortaleza de Altamira en Brión. Tamén nomeaba un tenente para xurisdición de Barcala, xa que o cargo de Meriño levaba as dúas xurisdicións. A súa vez o meriño - xuíz nomeaba un intendente ou delegado seu en cada parroquia, chamado mordomo pedáneo. As súas atribucións estaban conferidas ós lugares da parroquia que pertencían a xurisdición. Estes, pódese dicir, que seguiron pervivindo despois dos señoríos, pero con outro nome, o de alcaldes pedáneos, no s. XIX, e aínda hoxe aínda se poderían recoñecer na figura dos concellais, ou case máis ben nos xuíces de paz.

Os seus deberes era os de gardar a orden publica principalmente. Tiñan o deber de mandar manter os cerres dos agros, compoñer os camiños e as pontes de xeito que as vías de comunicación estivesen francas. Debían tamén impedir a entrada de outros escribáns ou persoas con poder de tribunais na xurisdición sen permiso do meriño, e manter os prezos dos produtos da terra segundo os varemos provinciais a fin de controlar a especulación. Por último, tamén debían velar lo cumprimento e pago de todas as rendas que o condado tiña nos lugares da dita xurisdición.

Adro de Santa María dos Ánxeles, a antiga Santa María de Perros, onde se elixían anualmente os rexidores de Altamira e a Maía.  http://imgpe.trivago.com/uploadimages/67/84/6784253_l.jpeg


O mesmo ocorría cos lugares con respecto a súa representación. Así nos s. XVI o XVIII os moradores foreiros do señor recoñecíanse ca palabra voz. Son vasalos que se xuntaban no Alqueidón, unha vez ó ano para elixir procurador xeral e rexedores da xurisdición. A súa función era moi importante, xa que dan corpo a terra do señor, sostendo a economía do seu estado, apeando os seus lugares e mantendo os usos e costumes, moitos deles recordados nos foros. Nese período de tempo poderíase recoñecer nos denominados cabezaleiros ou cabezas de foro. Son os encargados de xestionar a recollida de todas as fraccións de renda do foro dun lugar, e na súa casa soían gardar os instrumentos e prorrateos ou repartos de renda, ós cales concorrían os seus veciños para solucionar desavenencias e malos entendidos. Nas súas persoas ademais pagaban a lutuosa do lugar, a que contribuían os demais moradores na mesma proporción que a renda do foro. No s. XIX tamén se lles ha de coñecer como celadores, e exercen as mesma funcións que o mordomo parroquial nos seus determinados lugares. Este tipo de cargo público, por chamarlle así, estivo vixente tradicionalmente ata ben entrado o s. XX.

Pero como houbese un poder xudicial e de orden público xerarquizado dende o meriño da xurisdición ata chegar a un representante por lugar, tamén se podería dicir que había unha representación da xurisdición enteira no rexemento elixido polos vasalos ou moradores dos lugares. Este estaba composto por varios veciños que se propoñían e se votaban en asemblea no adro de Santa María dos Ánxeles, como temos dito. O seu cargo era por un ano prorrogable. Elixíanse tres por Altamira e un pola Maía que entraba dentro das parroquias nas que a de Altamira estaba tamén presente, ou sexa os dous Bastavales, Ánxeles, Ortoño e as catro casas de Eirapedriña e unha de Framán na parroquia de Bugallido. As súas obrigas eran as de asistir a todas as xuntas e consellos, velar e administrar os repartimentos de alcabalas e outras derramas sen fraude para os habitantes das súas xurisdicións.

Había tamén outro oficio que tiña unha gran fama naquela época e era o de procurador xeral da xurisdición. Elixíase ó tempo dos rexedores e como aqueles era valedoiro por un ano e prorrogable. As súas atribucións eran parecidas as de un valedor dos vasalos pois ó xurar o cargo comprometíase a buscar o ben público, a defender ós seus veciños e gardar os usos e costumes loables, defendendo a xurisdición e os intereses do seu señor o conde. Tiña voz e voto en todos os consellos da xurisdición xunto cos rexementos e o meriño.

Tanto os cargos elixidos como os nomeados facíanse en persoas abonadas e con un certo estatus sobre os seus iguais na xurisdición. Así tanto o meriño ou xuíz como os escribáns soían ter vínculos ca fidalguía da zona. O mesmo os procuradores xerais, e os membros dos rexementos, anque eran vasalos e moradores nos lugares do estado do conde ou do arcebispo, tíñanse ido diferenciando dos seus veciños en virtude de matrimonios con segundas e terceiras fillas de familias do extracto social superior o seu. De esta forma ían unindo os seus logros económicos cos sociais o longo de varias xeracións, creando solares ou familias con un ascendente sólido entre os seus veciños, sendo a súa preeminencia social proporcional os cargos ocupados. Deste xeito algúns de estes cargos, podían ser perpetuados en distintas xeracións da mesma familia, ó recaer co tempo en algún dos seus descendentes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario