Estas situacións déronse no pasado como se dan no presente e se darán sempre. Sen embargo é interesante ver no devalar do tempo e particularmente na historia da parroquia, como novos problemas colectivos íanse amañando tamén de unha forma colectiva e sobre todo participativa de todas as partes, que moitas veces podían chegar a ser moita xente.
Primeira folla da concordia a que chegaron en 1681 os veciños da Condomiña sobre o canal de sacar auga do río Sar. |
O territorio, e as parroquias como partes del, sufriron cambios intensos ó longo do tempo. Nas épocas nas que maiormente tratamos neste blog de historia, que son o final da idade media ata finais do s. XIX, a terra da Maía foi sometida a fortes cambios en moitos eidos. Estas situacións foron o xerme de conflitos que unhas veces atinxían a poucas persoas, e outras a practicamente toda a parroquia. Nas primeiras soian ser problemas familiares derivados de herdanzas, titorías de minores de idade orfos, etc, ou de faltas entre varios individuos. Cando os problemas saian fora do ámbito familiar e persoal podían ser de moi diversa índole. Habíaos motivados polo uso das augas de rega, dos camiños, do reparto de impostos e rendas, incluso de dereituras eclesiásticas. Dábanse tamén acordos para a o reparo ou construción de infraestruturas publicas, as cales eran competencia dos veciños.
Desta forma queremos iniciar unha serie de artigos adicados as Concordias das que temos noticias que se deron entre as xentes de Ortoño no pasado. Moitas delas son entre familias das que nos achegaran interesante información xenealoxía e tamén nos dan unha idea das relacións neste eido no pasado. Outras son o resultado de longos e azarosos preitos entre grupos de veciños os cales vendo as dificultades de gañar xudicialmente avíñanse a buscar unha solución aceptable ca outra parte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario