En 1669, ano da renovación de moitas obrigas respecto as fundacións antigas, tamén se fai esta que impuxo María de Casaldoeiro.
A María xa lle morrera o home, Juan Pérez, cando impón ante Antonio López Rocha, notario da Maía, unha obriga polo seu defunto sogro, Juan Pérez, o vello.
Parece que esta familia debeu vivir no lugar de Cortes, anque non tiñamos noticias do apelido Pérez no lugar antes do s. XIX. Pero a sucesión de apelidos de outras persoas delata a súa ubicación. Así María Pachona debeu ser dunha familia moi vinculada ó dito lugar, xa que aínda se conserva o topónimo “Agro dos Pachóns” entre outras cousas.
Deste xeito chegamos o grupo que a principios do s. XIX se encarga de pagar esta misa de fundación. Así atopamos a practicamente todos os veciños do lugar daquela época. Aquí refléxase un feito interesante que se dou na nosa terra ata ben entrado o s. XX. A excepción dos caseiros e outras xentes que foron chegando da “montaña”, ou sexa de outras comarcas interiores, a practica totalidade dos veciños de un lugar non soamente estaban emparentados todos en distinto grao, se non que eran todos, de unha forma ou de outra descendentes de aqueles primeiros poboadores do s. XV.
Pódese facer a proba. Coller un lugar ou aldea, e identificar as casas de sempre, nas que había xente hai tres xeracións e investigar as súas orixes xenealoxías. Invariablemente en uns 300 ou 400 anos para atrás teremos reducido eses solares xa vellos a un só. Fixémolo co lugar das Cortes e anque non chegamos a completar a unificación familiar, si descubrimos ós vínculos entre distintas casas e familias das que semellaba non haber ningunha relación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario