viernes, 31 de diciembre de 2010

O libro de fundacións VI

Sexta Fundación. 1704

D. Pedro Freire de Andrade, reitor de San Xoán de Ortoño, sentíndose xa vello e canso determina outorgar o seu testamento. Pouco ou practicamente nada coñecemos da súa facenda, dos seus familiares e das súas intencións, xa que anque sabemos que testou o 4 de maio de 1704 en Santiago, ante Domingo da Silva e Nodal, escriban real e das audiencias arcebispais, soamente nos chegou ata nos a fundación de unha misa cantada e dúas rezadas a trabes do mentado libro de fundacións.

Era natural de San Estevo de Loentra, no bispado de Mondoñedo. Nacera en 1655 sendo un dos fillos do capitán don Agustin Freire de Andrade e doña Catalina Freire de Castro. Tiña que ter outros irmáns, xa que tivo un sobriño estudando en Santiago, chamado Agustín que lle dou moito que facer.

D. Pedro para poder instituír a fundación desta memoria pía, comprara previamente varías fincas que hipotecou ó testar para deste xeito se puidera cumprir. Tratábase de tres fincas que comprara no lugar de Sisto, lugar hoxe confundido dentro do Pedregal. Tiñan certas rendas que llas deixaba a fabrica de Ortoño como pago das misas.

Sen embargo, tendo en conta o asisado que era este presbítero, ó recordar como axudou ó seu sobriño, non puido prever en este caso un fatal desenlace. Pois si, ó comprar as tres fincas non reparou que o facía en términos do lugar do Sisto, que viña sendo do directo dominio do conde de Altamira. Así, 50 anos despois do seu pasamento, e precisamente no preito que enfrontou os veciños da parroquia de Ortoño co conde, descóbrese toda esta situación. De modo que en 1757, don José Isla de la Torre, como apoderado do conde, despoxou a fabrica da igrexa de Ortoño destes bens, quedando por tanto anulada a fundación.

Isto danos unha idea do concepto que os veciños tiñan da propiedade da terra entre os s. XVII e XVIII. As casas, as leiras e demais bens inmobles eran considerados propios, o mesmo cura da parroquia compartía esta forma de pensan, xa que dispuxo deles como si fosen propios. Por iso a década dos 50 do s. XVIII tivo que ser unha época moi traumática en Ortoño, ata o extremo de conatos de rebeldía por parte dos veciños que trataremos no futuro.

En definitiva, don Pedro non resultou ser tan asisado.





martes, 28 de diciembre de 2010

A gavilla IV

Contraste entre a historia e a tradición.

A vida e aventuras de Lorenzo Tasende causaron un profundo impacto nas xentes da súa época, de xeito que o seu recordo chego ata nos a través da tradición oral. Sen embargo a súa memoria mesturouse con outras lembranzas e historias que tiñan unha temática semellante.


Fusilamentos de Estella, durante a primeira guerra carlista na década dos 30 do s. XIX, do mesmo tempo que os de Tasende e a súa gavilla.


No relato do asalto frustrado á casa do capelán de Santa Minia, existen tales contradiccións históricas que o fan inverosímil conxuntamente, pero que nos desvelan recordos e tradicións previas que si terían sentido.

En primeiro lugar está a época. O capelán de Santa Minia, que vivía na casa dos Salaño das Cortes, chamábase D. José Salaño Martínez e a súa vida transcorreu entre os anos 1830 e 1906. Non houbo outro capelán desa santa ante del, porque Santa Minia chegou a Brión dende Cádiz en 1847 e despois de estar na casa de Luís Tubío pasou a igrexa parroquial ata que se construíu o seu santuario.

A vida deste sacerdote esta chea de sucesos e anécdotas interesantes que deixaremos para outra ocasión. Seu irmán chamábase Andrés e viviu practicamente nos mesmos anos que el, entre 1832 e 1906. Pois ben, poderíamos situar a data do asalto da gavilla ó redor de 1890, xa que os sobriños do cura: María e Francisco naceran en 1872 e 1874 respectivamente, e cara principios da década dos noventa do s. XIX tería as idades que se relataban. Pero como vimos no artigo anterior, a Lorenzo Tasende fusilárono en febreiro de 1835, ano en que o capelán aínda era un neno de 5 anos.

Lorenzo Tasende e os seus foron fusilados, como se dixo, xa que se lles aplicou o réxime militar, se foran xulgados como civís terían sido axustizados co garrote, porque a forca foi definitivamente suprimida en 1832 por Real Cédula de Fernando VII. Por tanto, o relato queda desarticulado definitivamente por este dato e os anteriores. Nunca puideron coincidir o Tasende e os seus ca familia do capelán, xa que eran de épocas distintas.

Deste xeito podemos entrever que nesta historia hai outros recordos de tempos distintos, aló menos un de finais do s. XIX e outro de principios.

O que falaría dun suceso cara 1890 é no que entran os Salaño, o culto a Santa Minia e a garda civil, xa que esta non se creou ata entrada a segunda metade do século. Tamén nel entenderíase plausible a persecución dos foraxidos no monte. Sen embargo, a primeiros do 1800 os bandoleiros soamente se xuntaban para roubar, non vivían fora da sociedade. O mesmo Tasende a maior parte do tempo pasábao como taberneiro. Desta época si sería a pena de forca.

Pero aínda así, tampouco hai algún dato que vincule a Tasende, a parte da súa sona, xa que como vimos, el foi fusilado. As distintas xeracións foron contando historias de agavillados e bandoleiros xuntándoas modificándoas e refundíndoas, de xeito que as que chegan ata hoxe traen o inconfundible selo da tradición.

lunes, 27 de diciembre de 2010

O libro de fundacións V

Quinta fundación. 1709

O 7 de febreiro de 1709, Clemente Rey, veciño de Ortoño, funda unha misa perpetua que deixara a súa defunta Muller Dominga Terceado.

Este matrimonio non tivo descendencia polo que morre neles mesmos a súa arbore xenealóxica, xa que non sabemos máis nada nin dos seus proxenitores nin de outra familia algunha. No caso de Clemente puidera ter unha sinxela e convincente explicación. O apelido Rey é un apelido que se lle impón os rapaces fillos de pais descoñecidos, e que na zona de Santiago ían a parar ó Hospital dos Reis Católicos onde había unha inclusa. Si era nena o apelido mudaba en Raíña ou Reyna como se pode ver na documentación.

Aínda así a alguén lle deixaron o que tiñan, xa que houbo quen pagou a misa perpetua pola alma de Dominga Terceado. Estes foron Miguel Trenco a finais do s. XVIII e principios do XIX, e Francisco Casuso entre 1817 e 1827

lunes, 20 de diciembre de 2010

A gavilla III

A historia de Lorenzo Tasende.


Cara 1812, en plena guerra da independencia, esténdense a alarma nas proximidades de Padrón ante a aparición dunha gavilla. Pronto a xente coñece o nome do capitán da mesma e os dos seus máis inmediatos lugartenentes. Mandábaa Lorenzo Tasende, veciño da Esclavitude. Este era fillo de Lorenzo Tasende de Ocampo, notario da mesma parroquia de Santa María de Cruces, persoa respectable en toda a comarca.

Taberna típica do s. XIX. Lorenzo Tasende rexentaba unha na Esclavitude cando non andaba a roubar ca súa gavilla.
(http://www.oronoz.com/paginas/leefoto.php?referencia= 70104&usuario=)





As orixes do apelido Tasende proceden de San Pedro de Bugallido, concretamente do lugar de Eirapedriña. Porque seguramente foi un fillo de Lucas Tasende e Catalina de Orta (castelanizado “de la huerta”) o que casou en Cruces, na primeira metade do s. XVIII, con unha Rodríguez de Ocampo, familia emparentada cos descendentes do bispo de Quito Alonso de la Peña, natural de Padrón. Deste matrimonio sería fillo o notario e neto o bandoleiro.


Reconstrución posible da Árbore dos Tasende

Lorenzo Tasende fillo, mesmo tiña tomado os estudios en Santiago, devido a posición social e económica de seu pai. Sen embargo estudiar non era o seu e volveu a Cruces onde casou con María Gómez e rexentou unha taberna. Taberna que o pouco de empezar a roubar elle embargada polo xuíz de Padrón. No inventario dela soamente aparece mobiliario e utensilios vellos e cousas todas de pouco valor, agás algún libro que demostraba que tivera boa educación.

Deste xeito ó fronte da taberna da Esclavitude, recibía no seu pobre establecemento un nutrido e surtido elenco de xentes. Era esta a taberna a peza fundamental do bandoleirismo en Galicia. Porque era nela onde se xuntaban os agavillados, e argallaban os golpes. Os mesmos taberneiros formaban parte das gavillas ou polo menos estaban no allo e levaban parte do botín. Alí era tamén onde se preparaban para os roubos despois de facer unha copiosa comida e bebida o que os desinhibía e os dispoñía para botarse a facer calquera acción. Quizais aínda hoxe, proceda de estes lugares ou no seu defecto do botellón algún que outro acto de vandalismo.
Santuario do Rosario na parroquia padronesa
 de Santa María de Cruces

Comezaron realizando roubos en Iria, Lestrove, Sorribas, e posteriormente introducíronse cara ó norte cara as terras da Luaña, pero rouban igualmente na comarca de Caldas e Cuntis, xa que nese tempo a gavilla de Caldas tiña desaparecido. Incluso proxectaban roubos na zona do mar, chegando a Abalo en Catoira. Chegou o Tasende a comandar un grupo de 34 homes e 10 mulleres como colaboradoras e informadoras.

Un dos seus primeiros roubos máis soados foi o que cometeu o 8 de abril de 1812, o asaltar a rectoral de Sorribas, no actual concello de Rois. O mesmo Tasende leva neste roubo 22 onzas de ouro, e a gavilla repártese catorce montóns de prata. Así é todo Tasende e os seus estiveron actuando ata aproximadamente 1814, ano no que é detido e encadeado.

Deste xeito pasa varios anos na cadea ata que en 1834, xa en liberdade, recompón a súa gavilla e volve a actuar en varios lugares manifestando unha extraordinaria mobilidade. Posiblemente o roubo máis espectacular foi o que realizaron nese mesmo ano de 1834 ó cura de Miñortos en Portosín, bastante lonxe da súa area de actividade. O roubo de Miñortos inicialmente fíxose crer que fora realizado por unha partida carlista, anque moi pronto a xustiza deuse de conta que se trataba da gavilla do Tasende. Este e os seus presentase un día pola mañán na casa do cura en formación militar, para dar a impresión de ser carlistas. Éntranlle na eira ó cura dando victores a Carlos V e o capitán montaba un cabalo branco e traia un gran trabuco. Entón entrevistase co cura cortesmente e dille que veñen por armas. Pero no rexistro estraña a avidez dos presuntos soldados. O Tasende ante a perplexidade do cura pídelle cartos dicindo que son xentes necesitadas, e como a resposta é negativa sacan a machada e non deixan un moble san. Ó final descontando os utensilios de prata rouban 10.000 reais deixando os cartos das animas. “Nada querían cas Animas”, disque dicía un. Na declaración do cura recoñece que anque daban vivas a Carlos V facíano sen entusiasmo e como de burla e engade que o xefe era de porte fino. Dende logo, o Tasende, o fillo do notario de Cruces, sabia exercer de señor cando quería.

Sen embargo a vida fora da lei non era sinxela para estes foraxidos. Como o estado non tiña forzas suficientes para atallar o problema eran as mais da veces os mesmos veciños os que se enfrontaban ós bandidos. Poucas veces asisten pasivos ós roubos, xa que os agavillados rouban indiscriminadamente ós que teñen como ós pobres. En unha acta o xuíz declara que a determinada persoa “le robaron toda su pobreza”. Por eso o mesmo Tasende tivo que verse con partidas de veciños e labregos velando pola súa seguridade. Así o 19 de outubro de 1834 matan a un paisano que facía a rolda, e entabóase un tiroteo entre estes e a gavilla.

Con Tasende participaba na súa gavilla Lorenzo Rey, alias “Pita”, que actuaba de segundo, Vicente Boquete alias “Pantaleón”, Ramón Noenlle e outros experimentados ladróns. Non vivían fora da sociedade, soamente se xuntaban para delinquir, intentado pasar desapercibidos despois nos seus ambentes. Lorenzo Tasende movíase só aló menos pola bisbarra da Maía. Frecuentaba, segundo un relato, a taberna que había no anexo, en San Salvador de Bastavales, rexentada naquel entón por María Esturao Mella; muller solteira que viñera de San Pedro de Fiopáns na comarca de Barcala. Parece que entrara de criada na casa de un tal Casal do lugar de Vilas en Bastavales, deixándolle a taberna en arrendamento pasando a ter alí contacto cos agavillados. Disque, Tasende ía alí a comer con outros tortillas feitas con ducias de ovos.

A gavilla do Tasende desaparece definitivamente no ano 1835 cando a xustiza militar condenou a morte e fusilou a Tasende, Lorenzo Rey, Vicente Boquete e outros, acusados de ladróns e facciosos. Disque entregouse cerca do lugar da Picaraña, nos confíns da parroquia de Cruces e a de Ribasar. Como a opinión publica estaba xa moi farta del buscouse seguramente acusalos de colaboradores carlistas para desfacerse definitivamente deles. Foron fusilados o 13 de febreiro de 1835, acusados de cómplices da partida carlista de López, que se perseguía dende había 10 anos. Disque para eso empregaron unha factura firmada polo xefe carlista para imputarlles a pena máxima.

viernes, 17 de diciembre de 2010

Libro de Fundacións IV

Cuarta fundación: 1703

O 5 de xullo de 1703 Domingo de Busto consigna unha misa de fundación que deixaran seus pais en testamento. Faino ante o reitor D. Pedro Freire de Andrade, o que tiña aquel sobriño tan rebelde. Seus pais eran Juan de Busto e Antonia Xens. Deles non sabemos a que lugar pertencían, porque non o di a escritura e porque os seus descendentes mudaron o apelido e non se puido rastrexar. Un dato interesante é que xa había que morreran ou polo menos que testaran, xa que o fixeran ante Antonio López Rocha o 19 de marzo de 1685. Este é un dos notarios de número da xurisdición da Maía que tiña residencia no lugar de Guitiande, parroquia dos Ánxeles. Os protocolos de este como dos demais notarios de esta xurisdición están en paradoiro descoñecido, e por tanto resulta imposible investigar por esa vía.

De tódolos xeitos os descendentes da familia Busto, o igual que nestes casos, quizais se fixeran de rogar a hora de recoñecer cargas sobre as herdanzas recibidas. Sen embargo esta fundación pagouse, como segundo constata o libro, ata 1817 sen saber que pasou despois. Foron pagadores e quizais tamén familiares de esta familia no s. XVIII Gerónimo de Cobas e Felipe Roxido

sábado, 11 de diciembre de 2010

A gavilla II

A tradición oral.

Contábase que nunha mañan fría de inverno, viñan as Carneiras das Cortes baixando por debaixo da igrexa cara súa casa, despois de moer toda a noite no muíño do Instrumento. Nesto, chegando as primeiras casas das Cortes da riba, oíron un grande estrondo de cascos de cabalos nas lousas da corredoira. Como non sabían quen podería ser colleron medo e saíron do camiño agochándose detrás dun arró. Dende alí deron visto vir unha tropa de xente armada de acabalo e déronse conta de que era a gavilla do Tasende. Agochadas onde estaban oíronlles dicir que ían a asaltar a casa de Salaño e mentres deixaban os cabalos na de Mariño. Para eso metéronos na eira e desbarrigaronlle a cabana, que estaba chea de cabucos de millo, para que os cabalos comeran. Disque decíase que a de Salaño era rica, xa que o cura da casa era capelán de Santa Minia, e recollía moitas limosnas.

En canto a súa situación a de Salaño estaba o lado da de Mariño separada pola corredoira. Esta e a súa eira están cerradas por unha muralla alta e para entrar so había o portal da entrada e unha porta no fondo da horta. Naquel momento soamente estaba o cura e seu irmán e máis unha sobriña e non sabían nada do que estaba a pasar fora. Sen embargo o cura, que se encontraba no seu cuarto, veu pola ventana xente que se movía por fora da muralla e semelloulle que podía ser os ladróns. Entón foi cando avisou a seu irmán e a sobriña para que atrancasen as portas. A casa tiña troneiras en riba destas polas que se podía encañonar os que estivesen fora. O cura resolveu que deberían resistir ós bandoleiros xa que dispoñían de armas e munición suficiente. Mentres os bandoleiros tomaran posicións para dispoñerse a entrar na casa, o cura e seu irmán, xa avisados, preparáronse para contelos. Entón, non se sabe moi ben como, comezouse a disparar, e mentres os de fora tentaban darlle ós de dentro, estes defendíanse devolvendo os disparos. Nunha desas unha bala perdida doulle a sobriña que chamou polos seus para que a acudisen. Seu tío o cura contestoulle que non lle podían valer, e que se tirase nunha cama. Despois resultou que soamente fora unha rozadura sen máis complicación.
Así estiveron boa parte do día ata que veu a noite e todo se calmou. Nesto voltou o outro sobriño que era mozo e fora as xuntas de Bastavales pola festa de San Xulián. Antes de entrar na súa casa chamárono os seus primos da casa da baixo, que estaba pegada a de Salaño, e dixéronlle que non entrara, por que ese día estiveran todo o día a tiros e o mellor quedaba algún bandoleiro escondido esperando entrar cando a xente da casa abrira a porta, e que era mellor que quedase a durmir con eles. Entón díxolle ós primos que non tiña medo e que ninguén lle impediría entrar na súa casa. Así foi e tivo sorte e non pasou máis nada e todo quedou calmo.
Disque a gavilla do Tasende era moi temida e que entrara a roubar en moitos sitios. Segundo se decía tiñan de man a xustiza polo cal facían o que querían. Pero sucedeu que dunha volta nomearon un xuíz que non se deixou comprar e entón tentárono matar. Un día estaba na súa casa e viñeron e rodeárona ca intención de entrar a matalo. Pero a criada da casa non lles abreu a porta e díxolle o xuíz que cando entraran que se colara polo burato da letrina que daba a corte do gando que había debaixo. Deste xeito cando entraron e a criada lles dixo que non estaba o xuíz, eles non a creron e rexistraron toda a casa sen atopalo. Aquel día salvouse pero noutra ocasión non tivo tanta sorte e deron con el e matárono tirándoo o seu corpo o río Ulla. Boa a fixeron porque entón a garda civil botouse o monte e ata que dou con todos eles non parou. Xulgáronos e colgáronos a todos en Santiago, na carballeira de San Lourenzo. A sobriña do cura das Cortes, a que fora ferida na refrega do asalto a súa casa, quixo ir vela execución a Santiago. Na casa dixéranlle que non debería ir, xa que a escena era desagradable e moi impresionante, pero non fixo caso e foi igual. Pero o que lle dixeran na casa era certo, e tanto lle impresionou que se puxo mala durante unha semana.



Este é un dos relatos que nos chegaron ata a actualidade a través da tradición oral. Nel cóntansenos un asalto frustrado e unha breve esbozo da gavilla do Tasende así como o seu final. Sen embargo, existen nel moitos datos contradictorios e erróneos dende un punto de vista histórico, datos que tentaremos analizar para podelos comprender mellor.

lunes, 6 de diciembre de 2010

Libro de Fundacións III

Terceira fundación. 1679


Juan de Raíces da Punxeira funda dúas misas perpetuas seguindo unha cláusula do testamento de seu tío defunto Alonso Lorenzo. En realidade xa é a segunda vez que se fai por mor da presumible perda do primeiro libro, xa que o tal Alonso Lorenzo parece que había moito tempo que morrera.

Este Juan de Raíces da Punxeira é o sogro de Antonio Tubío, o que consigna a primeira fundación, na orde na que chegou ata nos o libro. Pero tamén parece que a familia desta volta se desfixo desta carga perpetua enaxenando os bens , xa que a finais do s. XVIII son outros os pagadores das misas. Tanto Luís de Vilanova como Joseph Cavo eran tamén veciños das Punxeiras.


jueves, 2 de diciembre de 2010

A gavilla I

Introducción.

Gavilla é unha palabra castelán que ven a significar monllo ou feixe en galego. Sen embargo empregouse moito na nosa terra para denominar a banda ou conxunto de bandoleiros que se xuntaban para roubar capitaneados por un xefe máis ou menos emblemático.

Roubar é un mal que afectou a tódolos tempos, pero o fenómeno das gavillas douse especialmente no século XIX debido a unha serie de circunstancias adversas que sufriu a sociedade naquela época. Estas debéronse principalmente o estancamento económico da primeira metade do s. XIX unido a inestabilidade política ocasionada polas distintas guerras da independencia, a que enfrontou a absolutistas e liberais e finalmente as guerras carlistas e os levantamentos militares.

O resultado foi un deterioro da economía, centos de prisioneiros e unha poboación marxinada que despois de moitos anos adicada a guerrilla, o pillaxe e a non traballar botase a roubar. A esto habería que unir, sobre todo na primeira metade do século, unha grande inestabilidade xudicial a consecuencia do cambio estructural do sistema. Ademais desto, a desamortización dos bens da Igrexa, e o abandono de moitas actividades benéficas e asistenciais que non foron suplidas polo Estado non fixo máis que agravar o problema.

En definitiva a acumulación de todos estes factores e outros son os que explican as bandadas de persoas marxinadas que optan polo bandoleirismo para sobrevivir. O fenómeno das gavillas e o seu mundo na nosa terra esta moi lonxe da idea romántica de protesta social, era máis ben unha saída a marxinalidade.
Escena de bandidos de Leonardo Alenza. Museo de Bellas Artes de Bilbao: www.oronoz.com/paginas/leefoto.php?referencia=13066&usuario=

En Galicia chegou a haber moitas gavillas, e algunhas con máis de 100 bandoleiros. Na nosa bisbarra e na nosa parroquia de Ortoño actuaron algunhas que deixaron na tradición popular un imborrable recordo. Recordos que chegaron ata hoxe fundindo relatos de diversas épocas.

Cara o final da guerra da independencia surxe unha gavilla nas inmediacións de Santiago que logo é desbaratada. Tempo despois, cara 1830, destaca outra que ten o seu radio de acción entre Calo, Ortoño, Laraño, Sergude etc. Destaca nela Josefa Míguez, encargada de planear os roubos e vender o roubado.

Sen embargo a máis famosa de todas na nosa bisbarra foi a do Tasende, que comezou a actuar en 1812, e despois de uns anos de interrupción volveu cara 1834. É precisamente a deste bandoleiro do que máis recordos e contos chegaron ata hoxe, anque eso si, mesturados con outras narracións de outros tempos e contextos.

domingo, 28 de noviembre de 2010

Libro de Fundacións II

Segunda fundación, 1687.
En maio de ese ano, Domingo Barreyro “el moço” veciño de Maguxe, obrigado polas mandas testamentarias dos seus ascendentes, consigna unha misa perpetua. Esta fora imposta pola súa “bisuegra” e segunda muller de seu pai Domingo Barreyro de Maguxe.


Sinopse da segunda fundación
No antigo réxime e sobre todo no s. XVII e XVIII abundaban os segundos matrimonios e incluso de terceiras nupcias, debido a elevada mortaldade por fames e enfermidades. O caso e que na mesma familia tamén era común os matrimonios dobres, entre dous e dous irmáns, e incluso entre consogros viuvos.

No caso da familia dos Barreyro de Maguxe que impón esta misa dáse ademais outras particularidades. Domingo Barreyro o vello, tivo ca súa primeira muller, de nome descoñecido, a Domingo Barreyro “el moço” e a outros posibles fillos. Co tempo morreulle a muller, e seu fillo Domingo “el moço” el só ou xunto con outro irmán casa ou casan con unha filla, ou fillas de María de Noya tamén viúva. O caso é que a Domingo “el moço” mórrelle a muller, contraendo matrimonio con outra irmán dela e filla tamén da súa sogra, converténdose esta en “bisuegra”. Polo camiño esta tamén acaba contraendo matrimonio con seu pai, para que deste xeito todo quede en familia.

Como se pode comprobar o matrimonio era entendido como unha forma de amparo social. Ó ser unha sociedade rural e agraria necesitase que a unidade familiar estea reforzada por varios membros para repartir o traballo. Cando unha nai ou pai lles morre o cónxuxe e teñen varios fillos novos, unha saída é casar de novo. Isto dáse tamén cando os fillos máis vellos casan facilitando crear un núcleo familiar máis sólido.

Anque pareza un lio de relacións familiares, en realidade están ben estudiadas dende un punto de vista xenealóxico. Xa que en este tipo de casamentos, case nunca se realizan enlaces rompendo a regra, xa antiga, que impuxo a Igrexa do cuarto grao. Sen embargo si se dan en outras circunstancias distintas das que falaremos.

 O caso, en relación os Barreyro de Maguxe, e que non temos máis datos dos seus descendentes no s. XVIII. Si coñecemos os pagadores das misas, pero recordemos que despois de un tempo xa non tiñan porque ser da mesma familia. As propiedades cargadas ca fundación podían ser vendidas e os novos propietarios tiñan a obriga de pagar aquela carga imposta.



sábado, 20 de noviembre de 2010

Libro de fundacións I

O día cinco de xaneiro de 1682, véspera da festa da epifanía, presentase Antonio Tubío ante Martín Freire e Andrade e Juan Barreyro, presbíteros, para fundar unha misa.


Antonio era veciño do lugar de Punxeiras altas e estaba casado con María de Raíces. Quizais fose oriúndo de Framil na parroquia de Santa María de Viduido, xa que puido terse casado ca filla de Antonia González segunda muller de seu pai, Francisco Tubío, que antes estivera casada con Juan de Raíces da Punxeira; costumes estas dos casamentos dobres moi estendidas no pasado.

Dende a súa fundación comeza a cumprila o mesmo Antonio Tubío, pero antes da súa morte fano outras persoas alleas o parecer a súa familia. Así encárganse despois del os herdeiros de Antonia Brava e cara 1710 faino Domingo Pachón, veciño tamén das Punxeiras. Seguramente estes eran os que traballaban os bens hipotecados a través de un arrendamento da familia do fundador.

Pasado o tempo semella que o gravame volve o seo familiar, xa que en 1774 pagaba a misa Antonio Otero, o neto de Antonio Tubío. Este fíxoo ata principios do s. XIX e continuouno facendo seu fillo D. Manuel Otero, presbítero, sendo consignado o seu pagamento dende 1823 ata 1828. Despois desta data non hai máis datos o que nos impide saber ata cando se cumpriu esta fundación.
Arbore xenealóxica dos Raices-Otero-Vilacoba da Punxeira, dende mediados do s XVII ata finais do XIX.

Así é todo e con axuda de outra documentación, hoxe temos identificado a casa e a familia a que corresponden estas persoas no lugar de Punxeiras Altas. Podemos ver así a evolución e entronque con outras familias como a evolución do seu apelido que comezou co de Raíces, logo pasou a Outeiro-Otero e finalmente ata hoxe a Vilacoba.

jueves, 18 de noviembre de 2010

O Libro de Fundacións de San Xoán de Ortoño

Presentación

O libro de fundacións de calquera parroquia non é máis que unha recompilación das escrituras, “allanamientos” e institución de misas e obras pías polos defuntos. Entre os séculos XVI e XVIII, a sociedade viviu un período de grande fervor relixioso que se reflexou na fundación ou erección de este tipo de actos relixiosos en prol do recordo e axuda os familiares defuntos.

Como xa se contou en outras ocasións, tratábase do cumprimento de unha vontade de un familiar falecido que a deixara no seu testamento ou a manifestara de palabra mentres vivía. Tamén había xente que o facía por propia vontade sen expresar un condicionante que deixara unha terceira persoa. Un aspecto curioso, en fronte a calquera acto presente pola honra dos defuntos, era que estas disposicións, sen excepción, eran instituídas para sempre, ou sexa a perpetuidade. E para asegurar que se cumprisen os testadores ou os que tiñan a vontade de facelas apartaban e deixaban unha porción dos seus bens hipotecados para o pago, ano a ano, dos gastos que ocasionaría o cumprimento da súa vontade.
Arbore xenealóxico de principios do s. XIX de un veciño das Punxeiras. As arbores xenealóxicas, que moitos veciños conservan das súas familias, son unha grande axuda a hora de estudiar as distintas xeracións.

Sen embargo, detrás de esta aparente colección de apuntes de misas, gardase unha historia xenealoxía das xentes moradoras na parroquia e incluso das veciñas. Esto é así porque os recopiladores, ou sexa os párrocos, consignaron os fundadores e os vínculos que os unían dentro das súas familias. Ademais co paso dos anos foron tomando nota de que os descendentes vivos foran cumprindo cos gastos de ter que dicir as misas. Deste xeito van saíndo a luz o tronco das familias asentadas na parroquia ó longo de 300 anos, e imos descubrindo ós distintos entronques con outras.

As fundacións de misas fóronse perdendo no s. XIX debido a varios problemas. O primeiro era que os cumpridores eran os que traballaban os bens hipotecados, e estes podían ser enaxenados de tal xeito que os descendentes do fundador rara vez pagan, facéndoo outras persoas que non tiñan nada que ver. O segundo era que moitas das herdades hipotecadas nunca foran do fundador, senón que as traballaba por mor de un foro ou arrendamento, de tal xeito que perdían a súa validez cando o dominio as reclamaba.

O libro de fundacións de Ortoño, móstranos 49 fundacións que nos dan información xenealóxica interesante sobre varias familias ó longo do tempo. Concretamente tratase de unha encadernación de moitas escrituras sen orde aparente, pois carece de número de folio, e nos que si o ten están desordenados, o que suxire unha reorganización posterior. Sen embargo, saltándose a numeración dos folios, si foron numeradas as fundacións da primeira ata a 42, anque sen respectar a cronoloxía. O arquivo parroquial de Ortoño data, nos libros sacramentais dende 1659, nos de fabrica dende 1617, e neste libro dende 1669. É máis algunhas fundacións son máis antigas, pero vólvense a consignar no mesmo ano de 1669. Quizais fose ese o ano en que se perderan as copias debido a un posible incendio que había de ter levado os libros sacramentais anteriores a 1659, así como o incipiente libro de fundacións e outros libros vellos. Falta tamén, por mor do pouco celo de D. Ignacio Antonio Seares, párroco da primeira metade do s. XVIII, a listaxe dos cumpridores de este período, pero que se poden ir recompoñendo axudados dos datos dos libros sacramentais e outra documentación.



Propoñémonos ir mostrando unha a unha estas escrituras para descubrir os antigos vínculos familiares nesta parte da Maía. Deste xeito, mostraremos unha sinopse de cada unha e irémolas publicando todas xuntas en unha páxina adicada a tal fin. Esperamos que o seu estudio sexa proveitoso para os investigadores e todos os interesados na súa historia familiar

jueves, 11 de noviembre de 2010

Apéndice documental VII

As feiras de Francos e Ortoño.

Seguindo co tema das feiras de francos, hoxe publicamos a trascripción dun antigo documento que enlaza esta feira ca parroquia de Ortoño.
Tratase da carta de pago de 1593 que Bieito de Castorigo, veciño de Ortoño no lugar de Castrigo, lle fai a Juan do Mato, veciño quizais de Bastavales sobre o imposto de alcabalas pertencentes a parroquia de Ortoño.
No antigo réxime, as alcabalas son impostos que gravan as ventas de determinados artigos. No caso do gando era do 3,3% do importe, ou como se dicía daquela unha cabeza de cada trinta vendidas. Os veciños de Ortoño que venderon gando na feira de Francos do ano 1592 pagáronlle a Juan do Mato, como recadador arrendado, 43 reais polas súas ventas. Estes cartos debíallos entregar, como así o fixo, o mordomo da parroquia para que cando viñesen os repartimentos provinciais ós entregase ó fisco.

Carta de pago de Juan do Mato que le dio Bieito de Castorigo


En el lugar de Riaços feligresia de San Finz de brion
a diez y nuebe dias del mes de setienbre De mil quinientos
noventa y tres años en presencia de mi escrivano y t(os) parecio
Presente bieito de castorigo vezino de san Juan dortono
E dixo que se daba y dio por contento y Pago de juan do mato
do Ribeyro de quarenta y tres Reales que le dio y Pago como
cobrador y aRendatario de las alcabalas de francos del
ano pasado de noventa y dos los quales debia A los vezinos
de la dha frª de san Juan de ortoño en cuyo nombre dize que los
Recogia y Recibio Por verdad del por si? y para
ello dixo ... de la paga de los dhos quarenta y tres
Reales yo escrivº doy fe que se hizo en mi presª y testigos
abaxo escritos y el dho benito de castorigo prometio
y se obligo con su persona y bie(es) muebles y raizes abidos y
por aver que los dhos mr(s) no seran mas pedidos ni nombrados
al dho juº do mato pena de todas las costas q en Razon de ello
se le segueren y Reclamaren? y Para lo mejor ansi? ...dio y o
torgo todo su poder comp(do) A todas e quales quiera juezes e
justiçias seglares del rrey nro señor y de sus Reynos e señorios
A cuya jur(on) se somete e remitia a su propio lugar e xu(on) e
domyº.... y la ley sit convenerit para las dhas ... se lo
agan ansy cumplir como si esta carta y lo en ella cont(do)
fuese senª difinª dada en cossa juzgada y renuncia a todas y
e cualquiera otras leis de su favor y la ley ......
e otorgo carta de pago en forma ante mi escrivº e t(os) e
por no saver firmar a su ruego lo firmo Pº doaido. .. de
my escrivº .el sobre dho e Pº de pineyro e juan ... meyro
vezino de la dha frª de san finz de brion e yo escrivano
doy fe conosco al dho otorgante, ...., ,... no vala


Como testigo Pedro doaido


Paso ante mi gabriel dameixeiras

miércoles, 10 de noviembre de 2010

A feira de San Martiño

Como un ano máis ó chegar a festividade de San Martiño de Tours, santo de grande sona na idade media, é o día sinalado, como todos os anos para a feira do lugar de Francos, na parroquia de Calo.

Hoxe poderiamos preguntarnos que manifestación humana actual na nosa bisbarra podería ser a máis senlleira, e unha das respostas sería esta vella feira.

Non sabemos ben de cando data esta feira, sen embargo falaban os veciños en 1557 nas declaracións alcabalatorias, ou sexa de impostos, que antes de haber feira en Francos tiñan que ir as de Santiago e Padrón, e si non daban vendido o seu gando estaban obrigados a pagala alcabala, de xeito que o concello das parroquias do val da Maía solicitouna.



O gando cabalar é o que ainda perdura nesta feira secular.
O groso da contratación nesta feira coma nas de Santiago e Padrón era a contratación gandeira. Hoxe queda a feira cabalar da Ascensión en Santiago, en Padrón algo nas feira de Pascua, pero sobre todo aínda pervive esta de Francos.

Santiago tiña tres grandes feiras no ano: a da Ascensión, a do día do Apóstolo e a de San Lourenzo; a segunda era a máis importante, segundo as Memorias do Cardeal Gerónimo del Hoyo cara 1607 (“acuden a ella mucho número de mercaderes portugueses”). Padrón, porto e feira, pola contra celebraba tres ou cinco no ano, segundo unhas ou outras fontes: o primeiro de Maio, San Xoán e Santa María de setembro. Outras tres había en Francos: Pascua de Flores, Santispiritus ( o seguinte domingo de Pentecostes), e San Martiño de novembro. Como se ve os tres emprazamentos repartianse o ano sen interferencias.



"Comelo pulpo" é un dos reclamos da feira de Francos.
En cales queira das feiras citadas reuníanse tratantes da terra de Santiago, así como compradores casteláns, portugueses e incluso andaluces. Aquí tratábase gando que viña dos montes de Barcala, e da xurisdicción de Quinta e de máis lonxe. Aínda hai xente moita xente que acorda ter visto pasar as recuas de cabalos e bestas pola ponte da Condomiña no s. pasado.

Hoxe soamente celebrase en Francos a feira de San Martiño. Nela xuntase, quizais de unha forma xa inconscente, a antiga tradición gandeira do noroeste da actual provincia da Coruña.

domingo, 7 de noviembre de 2010

As castañas

De seguro que non é a primeira vez que escoitamos ou sentenciamos aquel refrán que di: “polo San Martiño, castañas e viño”. Alude así, este anaco de sabiduría popular ós produtos típicos deste tempo do ano. Non é esta a única frase que describe este tempo: en novembro a matanza e encher a panza...


Certamente o mes de novembro é de magostos pero, a parte dos profanos que se organizan na casa ou nos “soutos” desde outubro a novembro, existen tamén un magosto relacionado cos defuntos, que se celebra en torno a festa de Todos os Santos. Una costume estendida por toda España e hasta en Italia, comer castañas cocidas ou asadas nese día. Temos oído as persoas maiores como tal día un de novembro, rigorosamente e invariablemente, cada familia na súa casa comía unha potada de castañas cocidas. Igual de típico é a confección de colares de zonchos (castañas cocidas con casca), que logo acaban tamén comidos.

Sen dubida, estes costumes veñen dunha época na que a castaña tiña un lugar máis importante na dieta dos nosos devanceiros. Ata non hai máis de cen anos, antes da grande expansión do cultivo da pataca, a castaña ocupaba o seu lugar. Antes da enfermidade da tinta que fixo secar moitos soutos, a castaña era un alimento básico na alimentación. Tanto é así que recollíanse e sacábanlles a casca e secábanse para que se gardaran no inverno. A estas castañas chamábanse “maias”, quizais por seren da terra da Maía, quen sabe. En ausencia de patacas, cando se facía o caldo sen carne nin unto, en coáresma, aquelas castañas maias dábanlle unha cor negra.

Hai quen di que na nosa cultura estas costumes simbolizan a vida perdurable dos defuntos por medio de prantas sempre verdes e lonxevas. O castaño, unha das árbores máis lonxevas da flora atlántica é un acertado símbolo da eternidade. Así pois, comer castañas o día de Todos os Santos, ademais de ser un auténtico pracer culinario, equivaldría a unha manifestación pública da fe na vida eterna. Si, porque si o pensamos un pouco, as castañas eran o que máis tiñan comido os nosos devanceiros.

viernes, 5 de noviembre de 2010

As Maías



Como reza o título, este blog esta adicado non soamente a historia da parroquia de Ortoño senón tamén a da súa comarca que é a do val da Maía.

 De todas formas a Maía parece que ven xa dende a época prerromana, cando nestas terras asentábase unha tribu chamada dos amaeos que pertencía ó pobo dos cáporos, da que nos falan autores latinos como Plinio o vello. Despois máis tarde nos textos composteláns ó referirse a tumba o Apóstolo Santiago concordan ca terminoloxía e realidade encontrada polos romanos, e dende o parroquial suevo encontrámola Maía consignada chegando ata hoxe como arceprestazgo. En realidade Compostela atopábase no límite norte da terra dos amaeos.

Vista de parte do val da Maía dende os montes de Firminstáns na parroquia de Bugallido.
 Así deste xeito, e referíndonos a épocas máis achegadas a nos, xa temos falado dela cando tratabamos as antigas xurisdicións, e viamos que de antigo sempre existiu a da Maía. Sen embargo, durante a idade moderna irrompeu con forza outra, a de Altamira creada polos condes do mesmo nome, que lle quitou a meirande parte do territorio da comarca natural ata desaparecer no s. XIX ca desaparición dos señoríos.

A forma de escribilo nome da terra ou xurisdición tamén mudou ó longo dos anos. Así na idade media chamábase a bisbarra terra da Maia, despois na idade moderna xurisdición ou partido da Mahía, co h intercalado, que quedou así no apelido Mahía, do que xa falaremos, e no nome de algunha empresa.

Pero o nome da nosa bisbarra non é exclusivo noso. Existe outra Maia que é unha cidade no Distrito do Porto, sendo o mesmo tempo sede dun pequeno municipio formado por 17 feguesias.
Quizais poida tratarse de poboacións que recibiron o seu nome durante a reconquista, ala polo s. X cando o reino de León chegaba ata o Douro e aínda non existía o reino de Portugal. Naqueles tempos, como despois o foi na conquista de América, era común que os conquistadores puxéranlles os novos lugares os nomes dos que procedían. Podería ser este o caso, no que xentes da nosa bisbarra se asentaran nas inmediacións da cidade do Porto e lle deran nome ó novo lugar.

lunes, 1 de noviembre de 2010

O mes dos defuntos

Anque todos coñecemos aquel dito de : Dichoso mes que entra con Santos e sae con San Andrés,
novembro identificase co mes dos defuntos, anque en realidade dentro do calendario litúrxico a súa data sexa o día 2, despois da festividade de Todos os Santos.

O acto de difuntos.

En Ortoño é tradición que sexa o mesmo día 2 de novembro o que se faga o funeral xeral de defuntos. Con el rematase a novena de defuntos e achegase a memoria de todos aqueles que nos precederon. Sen embargo o longo do mes as demais parroquias da bisbarra teñen as súas datas para esta celebración, converténdose novembro no mes dos defuntos.

A Igrexa xa hai moito tempo que instaurou este día, así como o de Todos Os Santos para mudar vellos ritos pagáns que tamén tiñan os mortos como protagonistas. Esta practicas son moi vellas. Xa na Biblia aparecen datos sobre o recordo polos defuntos, tradición que sígueo a Igrexa.


Vista do camposanto de Ortoño o ano pasado por estas datas

O Libro de Fundacións
Hai que chamar a atención de que no acto de defuntos tamén se redimiron unha serie de fundacións pías de aniversarios e misas que os nosos devanceiros deixaron ó longo do tempo por escrito. O caso é que esta costume que se iniciou na idade media pero que se popularizou entre os séculos XVI e XVIII, pero sobre todo no XVII, fixo que en algunhas parroquias houbera un enorme volume de disposicións testamentarias de sufraxios perpetuos. Tal situación chegou a ser insostible na primeira metade do s. XIX, debido a maraña de intencións, duplicidade de exequias e sobre todo a hipoteca perpetua de bens que os falecidos consideraban seus e que resultaron ser dos dominios que llos tiñan aforado. Finalmente os nosos prelados non tiveron máis remedio que redimilos todos no Acto de defuntos.

Todas estas intencións así como os que tiñan a obriga de levalas a cabo quedaron consignadas nun libro especial do arquivo parroquial: O libro de fundacións. Traballamos para dalo a coñecer ó igual que o fixemos co índice de matrimonios dos libros sacramentais de Ortoño.

jueves, 28 de octubre de 2010

As pontes antigas sobre o Sar IV

A ponte do Instrumento

Velaquí a ponte do Instrumento, tal e como hoxe se levanta sobre o río Sar. En outro tempo, o igual que a de Lapido, nin era así, nin estaba no emprazamento onde hoxe se sitúa.



A Ponte do Instrumento na actualidade

O lugar do Instrumento ten a súa historia particular. Nun principio formaba parte do lugar de Lapido, xa que así nolo mostra un preito do conde de Altamira cos veciños. O nome tampouco era Instrumento, poidendo ter sido o de Ribas de Mar, que aparece en algún documento. Posteriormente mudou o seu nome seguramente despois de un preito, cara principios do s. XVIII, quizais pola percepción das primicias entre as parroquias de Ortoño e Bugallido. Deste xeito partiuse e chamouse de outro xeito e a ponte debeu marcar a liña divisoria.


Pero a ponte tamén mudou despois da concentración parcelaria, mudando con ela a estrada. Semella que no caso do Instrumento o devir do tempo quixo soterrar máis a súa memoria.

De tódolos xeitos aínda podemos contar con datos para reconstruír a historia. A ponte orixinaria, en oposición a de Lapido, estaba río abaixo do emprazamento actual, e tamén como a actual comunicaba co camiño que viña da agra do Salgueiro, en dirección as Areas, lugar de Maguxe. Atravesaba o río entre os dous Instrumentos, e o camiño que subía dela era a divisoria entre a parroquia de Bugallido e Ortoño. Hoxe a actual esta plenamente na parroquia de Bugallido.

Non temos datos para saber como era a súa forma e fabrica, pero seguramente sería do tipo da de Lapido ou a de Vidaloiso

domingo, 24 de octubre de 2010

A estación de ferrocarril de Ortoño

Trazado de un proxecto de ferrocarril por Ortoño no s. XIX

Todos sabemos que en Ortoño non hai nin houbo nunca unha estación de ferrocarril nin tampouco pasou o tren por ningún dos seus lugares. Sen embargo o que nunca foi puido ter sido, e agora estariamos a falar da estación da Tarroeira, da ponte do tren en Lapido, etc.

A primeira liña férrea que funcionou en Galicia foi a que unía Santiago co porto de Carril. Esta liña foi inaugurada no ano 1873 despois de trece anos adicados a construción dos 43 Km de vías que unían a antiga estación de Cornes co porto de Carril. O interese fora privado, pois precisábase un medio de comunicación áxil co mar para poder incrementar o comercio. O proxecto tivo moitos atrancos debido a falta de financiación e a modificación do traxecto orixinal. O proxecto definitivo levou a o traxecto actual: saída de Santiago dende a estación de Cornes, e paso polas estacións do Casal, O Sebe, A Esclavitude, Padrón, Pontecesures, Catoira e Carril.



A locomotora Sarita, unha das primeiras que fixo a liña Santiago-Carril. (Fonte: http://www.pontecesures.net/)

Sen embargo o primeiro proxecto discorría por outros paraxes. En 1861 foi aprobado polas Cortes o proxecto presentado por Joaquin Caballero Piñeiro, Domingo Fontán e Inocencio Vilardebo. Nel establecíanse entre as condicións que a liña debía ter as seguintes estacións: Santiago, Ortoño, Ribasar, Padrón, Pontecesures, Catoira e Carril, e outra máis nun punto intermedio entre Santiago e Ortoño. Ademais contamos con unha testemuña de tradición oral que a súa vez foi receptora da memoria dos traballos topográficos na parroquia de Ortoño. Vagamente contábase que neste primeiro proxecto o tren discurriría pola Agriña, no lugar das Cortes. Tendo isto en conta podemos reconstruír en parte aquel proxecto, e tentar descubrir as razóns de facer desviar o ferrocarril por Ortoño, cando o trazado final era o máis recto.

Quizais pensouse que construír a vía ó longo do río Sar sería a forma máis barata. Hai que ter en conta que o tramo de Santiago ó Faramello, con grandes desmontes, recheos e túnel incluído custou tanto como o resto ata Carril. O outro motivo quizais fose a unión de Santiago ca Maía e sobre todo con unha vía de comunicación importante que por alí discorría: o camiño real de Santiago a Noia. Antigamente o camiño para ir de Santiago a Noia e Muros non ía por onde vai hoxe en día, se non que ó entrar en Bertamiráns atravesaba a ponte da Condomiña e subía cara Bugallido seguindo un traxecto semellante o que hoxe fai o autobús urbano de Santiago. Este mudou co plan de estradas de 1858 que trazouno pola parroquia de Villestro, indo de Roxos a Bertamiráns atravesando o monte de Lapido.

Desta forma o tren, naquel primeiro proxecto, había de discorrer case paralelo ó río Sar. Seguramente a primeira estación estivese en Larañiño ou Pardiñas indo a vía discorrendo cara Costoia, Quistiláns e Lapido. Se fose deste xeito a pendente e o custo serían elevados debido os accidentes do terreo. Non temos máis que ver a autovía Santiago-Brión que discorre case polos mesmos lugares. Despois a liña cruzaría o monte do Castro tendo parada e estación na Tarroeira, para facer coincidir o camiño de ferro co camiño real. De alí collería cara as Cortes, Sisalde e máis ala Ribasar, onde tíñase previsto outra estación en detrimento da Esclavitude.

Como vimos este primeiro trazado desbotouse, pero a súa proposta a mediados do s. XIX, danos novas da situación das vías de comunicación na nosa bisbarra, e tamén da visión que uns e outros tiñan da evolución de aquelas para o futuro. Deste xeito podemos comprobar que Ortoño era considerado un no de comunicación no fondo do val, por onde se xuntaban os camiños que viñan dos portos de Muros e Noia cara Santiago, así como os que unían Padrón e a súa area cas comarcas de Barcala e Val do Dubra.

lunes, 18 de octubre de 2010

O Sineiro

    Os sinais

   “O Sineiro”, como case todos coñecen, é o nome da folla parroquial de San Xoán de Ortoño. Bautizouna deste xeito o anterior párroco don J. Andrés López Calvo, sabedor do seu significado. Esta palabra non é moi empregada na Maía, sen embargo, é un termo frecuente na comarca do Salnés, onde D. Andrés estivo varios anos. Alí existe como topónimo, como apelido e como palabra de uso común. Sineiro ven sendo o que fai sinais e, máis particularmente, o que toca as campás da igrexa para dar sinais. Sen dúbida, o noso anterior párroco púxolle este nome á folla parroquial pensando que esta debía ser un lugar dende onde se espallasen e se oísen os sinais da súa comunidade.

Torre e campanario de San Xoán de Ortoño

     Esta introdución está motivada para chamar a atención sobre a linguaxe, ou mellor dito, sobre o significado das sinais que se empregan na parroquia de Ortoño.

     As campás, no pasado, eran o medio de comunicación das comunidades parroquiais que, a falta dos novos medios, tiñan que valerse deste instrumento sonoro, que percorría kilómetros, para se comunicaren. Cada forma de tocar tiña o seu propio significado.

     Repenicar daba a entender festa. En Ortoño, como noutras parroquias, repenican nas festas, nas vésperas destas e dos domingos. Para este toque empréganse as tres campás: a grande, a mediana e a pequena. Tamén se repenicaba cando morría un meniño de corta idade, expresando que alcanzara a salvación. A estes meniños chamábaselles anxeliños.

     Ás misas da semana chámase co toque de determinado número de campanadas ca grande. É un toque homoxéneo que tamén se empregaba no pasado para convocar ós veciños para actos públicos, “a campana tañida”: como a eleccións de cargos civiles das antigas xurisdicións, a notificación de preitos, a toma de posesión dun novo párroco ou dun patrimonista, etc.
    O toque, moi de vagar, dunha soa campanada coa campá grande significa doo por un membro da comunidade que xace de corpo presente. Cando chega a hora do seu funeral e inhumación e se achega á igrexa ou sae dela cara o camposanto o toque vira máis áxil sucedéndose unha campanada con cada unha das tres campás.

     Así e todo, o toque máis característico e máis particular de cada igrexa é o sinal de morto, polo cal fáiselle saber a comunidade que un membro dela acaba de morrer. Este sinal ten a particularidade de indicar o sexo do falecido. En Ortoño se o defunto é un home tócanse de vagar tres toques ca grande, dous ca mediana e un ca pequena. Si a que faleceu é unha muller tocase dous ca grande, un ca mediana e un ca pequena. O sinal sóese repetir dúas veces para os que non estiveron atentos ó primeiro.

viernes, 15 de octubre de 2010

87 aniversario da fundación do Seminario de Estudios Gallegos

Este pasado 12 de outubro, festividade da Virxe do Pilar e día da hispanidade, como festivo que é foi o día escollido hai 87 anos para a fundación en Ortoño do Seminario de Estudios Gallegos.


Desta volta queremos recordalo traendo o relato que de tal día fixo un dos participantes que o foi Xosé Filgueira Valverde, e que foi incluído nun traballo publicado en 1973 no catalogo da exposición que sobre tal fundación fixera o Instituto Padre Sarmiento.





Selo que empregou o Seminario de Estudios Gallegos.

"Tal día como el doce de octubre de 1923, bien temprano, nueve muchachos salimos al amanecer rumbo a las tierras de Amahía para firmar en la Casa del Castro de Ortoño, donde se crió nuestra Rosalía, el acta fundacional del Seminario: Fermín Bouza Brey, Wenceslao Requejo Bouet, Xosé Pena y Pena, Lois Tobío Fernández, Ramón Martínez López, Manoel Magariños Negreira, Francisco Romero de Lema, Alberto Vidán Freiría y yo.
Los fundadores fuimos a pie, por Vidán, Roxos, la ermita de la Merced y Lapido, rumbo a Ortoño. Allí en la Casa del Castro, firmamos las bases del nuevo Centro. Aún tuvimos tiempo de ver la peña de Ucha, Brión, San Clemente, el pazo Guldrís y, de retorno, los restos de las torres de Altamira. Anotamos cruceros, altares de ánimas, hórreos, castros, leyendas, recuerdos de escritores, palabras y dichos. Todo el programa de lo que serían luego los trabajos de la institución que maquinábamos.
Los trabajos del seminario que Losada Diéguez e Iglesias Vilarelle iniciaron en Pontevedra con algunos de nosotros, se disponían de una forma nueva, alejada de los tópicos y del hueco verbalismo. El establecimiento de las Facultades de Filosofía y Letras y de Ciencias, con la carrera completa, daban al alma mater de Galicia largos horizontes.
Pronto contamos con la guía de maestros universitarios: Cotarelo Valledor y Cabeza de León los primeros, con la fervorosa acogida del grupo “Nós” y con el crédito de todos los periódicos de nuestra tierra. Castelao saludaba en un dibujo de “Galicia” nuestra primera salida con las palabras del profeta: “Los que andaban en tierra de tinieblas vieron en voz una gran luz”.
Desde aquel entonces y hasta el año 36, todas las semanas los gallegos supieron en que trabajaban las diversas secciones del Seminario por sí o por lo que hoy llamamos trabajo “interáreas”.

Placa que recorda a fundación
Este relato contado por un dos personaxes que o viviu é moi interesante polas cousas que conta de aquel día. Como xa contamos en outras entradas, a decisión de vir ó Castro de Ortoño, estivo motivada polas revelacións feitas por Lois Tobío Fernández sobre a paternidade de Rosalía de Castro e a súa estadía en Ortoño cando era nena. No relato contásenos a demais do itinerario seguido ata Ortoño, que o resto do día o pasaron vendo lugares da bisbarra e recollendo moitas novas.

Entre os lugares mencionados esta o de Peña Ucha, que parece facer referencia a un montículo ou alto do terreo dende o que supostamente habíase de ter unha boa vista da terra da Maía. Descoñecemos todo respecto a esta Peña Ucha, sen embargo existe unha relación ca denominada Casa de Rosalía do Castro de Ortoño.

En primeiro lugar a que se coñece como Casa de Rosalía do Castro de Ortoño nunca foi de Rosalía. Era a casa paterna onde naceu o sacerdote José Martínez Viojo, que é o suposto pai de Rosalía.
A Casa do Castro, en Ortoño.

Respecto a esta casa hai serios problemas para coñecer a que dominio pertencía a principios do s. XIX. Non estamos seguros tan sequera de en que lugar se asentaba, xa que a súa fabrica é antiga. Estaba entre o lugar de Lapido e das Punxeiras, e tamén estaba entre os dominios do Conde de Altamira e os do Cabildo de Santiago. Pero sen embargo si sabemos a quen se lle pagaban certas rendas cara principios do s. XX. Parece ser que a Casa do Castro debeu ser adquirida, quizais nas desamortizacións, quizais na desarticulación dos bens do condado pola familia Ucha do lugar de Piñor na parroquia de San Lourenzo de Agrón, concello de Ames. Así cara 1920 un tal D. Carlos Ucha percibía certa renda por parte dos moradores da Casa do Castro.

Figueira Valverde menciona unha tal Peña Ucha da que non temos máis novas e que podería ser calquer lugar da Maía. Tamén podería ser calquer elevación rochosa no monte do Castro e que pertencese a mesma familia.

¿Coñece alguén esta Peña Ucha?








domingo, 10 de octubre de 2010

A colleita

Agora que xa temos entrado no mes de outubro entramos tamén no tempo das colleitas. Quizais este ano por ser máis seco que outros adiantou a vendima un pouco e tamén a colleita do millo.


Que diferentes son hoxe estes traballos, sobre todo o do millo, con respecto ó pasado. En Ortoño a maior parte do millo que se sementa fano gandeiros de outros lugares para facer silo para as súas ganderías de leite. Son maiormente dos concellos de Rois e Brión. Veñen traballar a terra que os seus propietarios hoxe teñen a campo. Pero en realidade esta situación no pasado foi moi distinta.

Detalle da forma de arrubar o millo no horreo.


Na terra da Maía, ata ben entrada a segunda parte do século XX, a produción agraria era unha das meirandes da súa contorna. Tratase de un val moi fértil con un clima suave que fixo que dende a idade media tivese unha poboación e agricultura importantes. Puidémolo ver cando falamos sobre as rendas que percibía o conde de Altamira en Ortoño que chegaban a 23 toneladas de grao de centeo. Nas grandes fames do s. XVIII e XIX, anque a bisbarra sufriu mortaldades importantes non foron comparables a outras comarcas do norte e do leste. Tanto é así que dende aquela a Maía foi receptora de emigrantes de estas terras, da denominada “Montaña”, que se estableceron no val da Maía buscando novas oportunidades.

Deste xeito a poboación aumentou moito e proporcionalmente tamén a terra cultivable. En Ortoño, cara 1950, xa non había molime ou toxo nos montes. Quen tiña falta del para estrar as cortes e facer esterco víase obrigado a compralo, sen apañar, en Cobas ou en Ames, e había quen o ía a buscar ós montes do Rubial, entre Bastavales e Urdilde. Hoxe temos abundancia del, e mesmo converteuse nun problema por causa dos incendios.

Pola mesma época, e cara principios do século, tanto o millo como o centeo cubrían tanta superficie que as cortiñas de herba para secar eran as menos. Deste xeito, íase a comprar e carrexar dende lugares de Urdilde, a Luaña e incluso máis lonxe.

Hoxe son os labregos de aquelas terras os que se ven escasos dela para cultivar e veñen a traballala da Maía.

O mundo da moitas voltas, tantas que o que hoxe é, mañán xa non o é.

domingo, 3 de octubre de 2010

Sisalde II

Os seus límites


No artigo de Sisalde I mostramos a cartografía e toponimia do lugar de Sisalde aproximadamente sobre a metade do s. XX. Agora compre presentalas fontes que empregamos para acotar este lugar da parroquia de Ortoño.

O documento principal e a vez máis antigo e o apeo de 1563, que mandara facer o conde de Altamira, no que se establecen os seus límites precisos, vela aquí esta o fragmento:

“...que el dho lugar de sisalde, dice el testigo se parte e limita por los limites e demarcaciones siguientes, es a saver comenzando, o porto carreyra, e de alli derecho, por el valo, asta dar, a la fuente victoria e de alli, al marco, donde solia morar, Pero cachela, e de alli a la fuente rianjo, hasta dar en el rio de sar, e por el dho rio, avajo asta dar al dho porto carreira, que es la primera demarcazion, e que dentro destos dhos limites e demarcaziones, se incluien todas las casas cortes, heira corral, cortiñas, huertas, heredades, prados, bouzas, e Montes, e deveza, arboles e plantados, e todo lo demas perteneciente al dho lugar, de que el Arzovispo de Santiago, dice el testigo tiene la mitad a montes e a fontes, y esta es ansi la verdad.. “

Quizais presentado deste xeito non nos diga moito do que pretendemos buscar. Sen embargo estes datos hainos que cruzar con outros tirados de outras fontes. No caso de Sisalde é algo relativamente doado. Así polo oeste e polo sudoeste, Sisalde linda co Sar. Polo resto do Sur e grande parte do leste guiámonos polos lindes municipais que se fixaron a partir dos antigos e auténticos lindes de lugar e parroquia no s. XIX cando a xente sabia realmente. Polo norte e nordeste semellaba algo máis difícil. Sen embargo sabemos polo apeo das Cortes, lugar co que linda Sisalde, como confinan os dous lugares que o fan ó longo dun valo chamado da Revolteada, topónimo que aparece en ambos lugares. O devandito valo existe hoxe e vai dende a confluencia do antigo e minúsculo lugar da Cachela ata cerca do río Sar, de alí cara o río seguía por un antigo valo que cerraba o agro do Rianxo, pertencente as Cortes, solar onde hoxe se ubica a depuradora.

Sen embargo hai algo que non encaixa no mapa de Sisalde e no seu apeo. Se nos fixamos cando nel se di: a saver comenzando, o porto carreyra, e de alli derecho, por el valo, asta dar, a la fuente victoria.. non coincide ca liña que sae do río para ir cara a fonte victoria, que sería a fonte da Cachela. O que debeu pasar seguramente foi que Sisalde, e por tanto Ortoño e o concello de Ames, perderon uns terreos que están o longo do río e que chegaban ata a ponte de Vidaloiso, que sería o denominado porto carreira. Este sería un exemplo de enclave perdido a favor de Bastavales e do lugar de Chave de Carballo, seguramente porque eses terreos eran propiedade de un veciño da parroquia do lado.

jueves, 30 de septiembre de 2010

Os índices de matrimonios en Ortoño

De 1659 a 1894


Como tiñamos indicado en outras ocasións a Igrexa estableceu no s. XVI no concilio de Trento a obrigatoriedade de consignar por escrito os sacramentos de bautismo e matrimonio por parroquia, ademais das defuncións.

En algunhas parroquias gárdanse nos seus arquivos os libros sacramentais dende que se puxo en practica esta norma, como por exemplo en Santa María dos Ánxeles no que o primeiro libro data de 1585 . En moitas outras, algún libro ou parte do arquivo perdeuse. En Ortoño consérvanse estes rexistros dende 1658 ata a actualidade.

Os arquivos sacramentais que a Igrexa foi confeccionado dos seus fieis ó longo dos séculos teñen un caracter privado. No s XIX o Estado estableceu o Rexistro Civil imitando os que a Igrexa levaba moito tempo realizando, para consignar a identidade dos cidadáns.

Algúns dos libros do arquivo parroquial de Ortoño depositados no A.H.D.

Por disposición dos prelados composteláns dispúxose un Arquivo Diocesano onde se depositen estes libros ata comezos do s. XX, quedando nas parroquias o último século de estes rexistros.

Na maior parte dos casos, a consulta de estes rexistros é a única forma de achegarnos os nosos devanceiros e estudialas súas xenealoxías. A parte do arquivo máis antiga de Ortoño foi depositada, hai xa algúns anos, no Arquivo Histórico Diocesano para a súa conservación e tamén a súa consulta. Devido ó cambios o longo do tempo, na forma e no contido das partidas sacramentais, os datos máis interesantes corresponden os consignados nos matrimonios. As razóns son varias. Primeiro son un número menor ós bautizados, ou sexa ós nacidos. As partidas de bautismo conteñen toda a información que se pode buscar en tres xeracións pero antes de 1775 non se consignan os avós, e sobre todo porque nos matrimonios coñécense os pais dos contraentes e a súa procedencia, o que nos informa das distintas ramas da familia.


Hoxe publicamos neste espacio un documento singular: o índice de matrimonios de Ortoño de 1659 a 1894, que veñen sendo o dos libros depositados no A.H.D. Trátanse das 1464 partidas de matrimonio que se consignaron e se conservaron entre esas datas. Están ordenadas cronoloxicamente por anos, e das que soamente proporcionamos o nome dos contraentes. Tamén incluímos o libro e a numeración que ten no A.H.D. para poder encontralas mellor. Esperamos que sexan de axuda.

viernes, 24 de septiembre de 2010

As xurisdiccións antigas na Maía XI

Os cargos detentados polos antigos dominios


O arcebispo e o conde, dous tipos de funcionario

Cando falamos dos dominios que rexentaban a Maía na idade Media e Moderna e falamos das súas cabezas, que eran o arcebispo e o conde, sempre nos fixamos nas súas facetas señoriais como cúspide dos seus dominios. Sen embargo o ámbito no que se movían non era tanto o doméstico, por dicilo así, senón un máis elevado.


Pois si, porque ó igual que lle dixo Xesús a Pilato “ non terías ningún poder si non cho concederan dende máis arriba”, tanto un coma o outro, ou sexa arcebispo e conde, as súas atribucións estaban supeditadas ó poder real.

Sen ir máis lonxe, os prelados composteláns recibiron para si e a súa igrexa, a modo de xurisdicción e non de propiedade, grande parte dos seus dominios por doazón dos reis de León despois do descubrimento da tumba apostólica. A primeira doazón foi feita por Alfonso II e consistía no territorio que se estendía ó redor de Compostela nun radio de tres millas. Posteriormente este radio foise ampliando polos reis ata acadar as 24 millas no ano 915 pola concesión feita por Ordoño II.

Os bispos primeiro e, a partir de Xelmírez, os arcebispos, en virtude da súa cultura e enormes patrimonios, eran considerados persoas de grandes capacidades, xa non só como pastores das súas igrexas, senón como políticos, economistas, xuristas, etc, de forma que lles eran recoñecidos títulos e empregos ó servicio do estado.

Non hai máis que ver os encabezamentos dos escritos e diplomas que emitían. Deste xeito, no encabezamento da visita pastoral do cardeal Martín de Herrera a Ortoño en 1902, pódese ver como, ademais de ser o capelán do rei, é o notario maior do reino de León, senador, membro do consello real etc. Tan involucrados estaban as veces os arcebispos nas tarefas terrenais, que pedían se lles nomeasen bispos auxiliares para que os axudasen. De este modo soiase ordenar bispo algun monxe piadoso para que recorrese a diocese facendo visitas pastorais.
Encabezamento da visita pastoral feita ó 22 de abril de 1902 polo cardeal arcebispo a Ortoño

O caso do conde de Altamira xa é un tanto diferente pero no fondo segue a mesma lóxica. Anque a súa familia, os Moscoso, foi ascendendo á sombra dos prelados composteláns, como cabaleiros ó seu servicio, o seu maior auxe sobreveu cando se enfrontaron a estes no s. XV. Foi precisamente naqueles anos cando conseguiron o condado tan ansiado, pero ca sanción dos reis católicos.

Finalizado o s. XV e con el as loitas señoriais en Galicia o conde, como outros nobres, ponse ó servicio da monarquía, sendo empregado en aqueles menesteres que mellor se lle darían: a milicia. Deste xeito vemos ós Ossorio de Moscoso convertidos en capitáns reais. Co paso do tempo as súas atribucións foron mudando. Así coñecemos os seus empregos e honores no ano 1760 ó describilos no nomeamento de xuíz para Altamira e Barcala. Daquela o conde ademais de ter 11 títulos nobiliarios, moitos debidos ós enlaces matrimoniais dos seus antepasados, era señor das sete vilas da terra de Campos, rexedor de todas as cidades e vilas con voto en Cortes, alcalde do palacio do Bo Retiro, etc.

É máis nas loitas e querelas entre ambos dominios sempre se apelaba a sanción dos monarcas, e estes mirando tamén polos seus intereses, beneficiaban o que mellores servicios lle fixera.

Sen embargo entre arcebispo e conde hai un grande abismo. Os condes non son elixidos, sucédense no título os descendentes do primeiro que o recibeu, por tanto é unha institución familiar.

Pola contra os bispos e arcebispos non descenden de unha línaxe, senón que son a continuación da sucesión apostólica. Os bispos son ordenados por outros bispos e con autorización papal, seguindo así dende os mesmos apóstolos de Xesús. Pero aínda sen contradicir esto, e ata non hai tanto tempo, os xefes de estado de España tiñan dereito de padroado sobre as sedes do seu territorio, e por tanto eran os que propoñían os nomes dos candidatos a ocupar este ou aquel bispado. Este dereito aínda o ostentou o actual rei D. Xoán Carlos, o cal decideu prescindir del e devolvelo á Igrexa.

Ca constitución de Cádiz de 1812 acabaronse os señoríos en España. Tanto o conde como o arcebispo perderon os seus, pero non perderon a súa influencia ostentando empregos e cargos na administración do estado ata ben entrado o século XX.

Hoxe en día, e sobre todo despois do Concilio Vaticano II, o arcebispo empregase na súa tarefa xenuína que foi e é a de ser pastor da súa Igrexa particular. Sen embargo o conde xa non vive en España, nin ten cargos na administración. Actualmente vive en México e o seu patrimonio xa non ten nada que ver co que atesouraron os seus devanceiros alomenos ata o s. XIX.