domingo, 10 de octubre de 2010

A colleita

Agora que xa temos entrado no mes de outubro entramos tamén no tempo das colleitas. Quizais este ano por ser máis seco que outros adiantou a vendima un pouco e tamén a colleita do millo.


Que diferentes son hoxe estes traballos, sobre todo o do millo, con respecto ó pasado. En Ortoño a maior parte do millo que se sementa fano gandeiros de outros lugares para facer silo para as súas ganderías de leite. Son maiormente dos concellos de Rois e Brión. Veñen traballar a terra que os seus propietarios hoxe teñen a campo. Pero en realidade esta situación no pasado foi moi distinta.

Detalle da forma de arrubar o millo no horreo.


Na terra da Maía, ata ben entrada a segunda parte do século XX, a produción agraria era unha das meirandes da súa contorna. Tratase de un val moi fértil con un clima suave que fixo que dende a idade media tivese unha poboación e agricultura importantes. Puidémolo ver cando falamos sobre as rendas que percibía o conde de Altamira en Ortoño que chegaban a 23 toneladas de grao de centeo. Nas grandes fames do s. XVIII e XIX, anque a bisbarra sufriu mortaldades importantes non foron comparables a outras comarcas do norte e do leste. Tanto é así que dende aquela a Maía foi receptora de emigrantes de estas terras, da denominada “Montaña”, que se estableceron no val da Maía buscando novas oportunidades.

Deste xeito a poboación aumentou moito e proporcionalmente tamén a terra cultivable. En Ortoño, cara 1950, xa non había molime ou toxo nos montes. Quen tiña falta del para estrar as cortes e facer esterco víase obrigado a compralo, sen apañar, en Cobas ou en Ames, e había quen o ía a buscar ós montes do Rubial, entre Bastavales e Urdilde. Hoxe temos abundancia del, e mesmo converteuse nun problema por causa dos incendios.

Pola mesma época, e cara principios do século, tanto o millo como o centeo cubrían tanta superficie que as cortiñas de herba para secar eran as menos. Deste xeito, íase a comprar e carrexar dende lugares de Urdilde, a Luaña e incluso máis lonxe.

Hoxe son os labregos de aquelas terras os que se ven escasos dela para cultivar e veñen a traballala da Maía.

O mundo da moitas voltas, tantas que o que hoxe é, mañán xa non o é.

No hay comentarios:

Publicar un comentario