miércoles, 20 de enero de 2010

A universidade de Santiago e Ortoño

No mes de xaneiro destaca entre outras a festividade de Santo Tomas de Aquino (1225-1274), Doutor da Igrexa e patrón da universidade. Hoxe son moitos os veciños da parroquia vinculados a universidade, sexa como alumnos ou como docentes, pero sen embargo as relacións entre Ortoño e esta son ben antigas.

Claustro do colexio de Fonseca

Cara 1694 tiña o párroco de Ortoño, que por aquel entón era D. Pedro Freire de Andrade, un sobriño estudiando na universidade de Santiago. Chamábase Agustín Freire e contaba con 17 anos. O rapaz era colexial do colexio de Fonseca, sendo por tanto un estudiante becado no que hoxe coñecemos por un colexio maior.
Agustín non lle gustaba moito a vida académica, e anque estaba prohibido, saia polas noites do colexio con outros compañeiros contribuíndo dende aquel entón a vida nocturna de Santiago. O vicerrector o doutor D. Francisco Balboa, intentaba corrixir este comportamento de Agustín, máxime cando nunha das últimas saídas outro colexial, un tal García, recibira unha malleira por culpa do sobriño do cura de Ortoño.
Sucedeu pois que intentado os responsables do colexio, entre eles o Rector, D. Felipe Antonio Gil Taboada, o que anos despois sería arcebispo de Sevilla e presidente do Consello de Castela, interrogar a Agustín, este fixo ademán de ferir o propio Rector, sacando un puñal. Ó non conseguir o seu propósito, e ante o asombro dos presentes, saca unha pistola e dispara sobre el, con tan boa fortuna que soamente arde a mecha sen chegar a saír a bala. Ante esto, é reducido e retiráselle esta e outra pistola que se lle encontra, ambas cargadas con dúas balas cada unha. Posteriormente, e estando preso con grillos nos pes, declarou que comprara as pistolas a outro colexial, un tal Francisco López, que había uns días tíñase ausentando convenientemente a súa terra. Pero o máis grave é que dos seus propósitos contra o rector estaba coñecedor o seu condiscípulo Lorenzo Prado, e que na súa compaña cargara as pistolas o día anterior. Remataba a súa declaración pedindo desculpas, e xustificábase porque sentíase ostigado polo Rector.
A consecuencia de estes feitos, quedou recluído a pan e auga e incautáronselle todas as súas pertenzas no colexio: roupas, libros, mobles, a cama e a roupa da cama incluído o colchón, depositándoo todo en mans do familiar Antonio Gómez.
Reunidos o claustro da universidade o 17 de xuño de 1694, deciden que o castigo era a expulsión do Colexio, perdida de todos os cursos e actos literarios que tivera efectuado e entregalo a seus pais ou a seu tío o rector do beneficio curado de San Xoán de Ortoño.
Enterado seu tío, que seguramente xa era coñecedor da vida licenciosa do seu sobriño, por telo acollido na rectoral en algunha de aquelas noites nas que abandonaba o colexio, fai unha declaración o día 23 do mesmo mes, véspera das festas patronais en Ortoño, na que declara estar disposto a facerse cargo do sobriño, de corrixilo e sobre todo de acompañalo sempre que saia de noite.
Moi azaroso debeu ser aquel vran para D. Pedro Freire de Andrade, xa que ademais de ter que aturar ó sobriño, de mirar por el, e levalo a todo funeral e enterro que houbera pola bisbarra, para non perdelo de vista, moitos viaxes tivo que facer a Santiago, para mover e remover todo tipo de influencia e enchufe para el.
D. Pedro moi hábil era ou moi bos contactos tiña, xa que seguro do seu traballo, o 26 de novembro cursa petición para que o seu sobriño sexa readmitido no colexio, conseguíndoo o día 15 de decembro, ca recuperación do expediente académico, as súas pertenzas, e a única obriga de abonar os gastos do preito que ocasionara. O cura de Ortoño non tiña prezo si fose avogado.


Historia de la Universidad de Santiago. Cabeza de León, Fernández Villamil. 1947 pg 225.

No hay comentarios:

Publicar un comentario