6. Os irmáns Martínez Viojo
Mentres
José seguía en Iria como capelán [1], e cando
contaba con vinte e tres anos de idade, o seu irmán Antonio contrae nupcias o
29 de abril de 1821 en San Xoán de Ortoño con Segunda Lucia Mera [2].
Segunda era filla natural de María Ignacia
Mera e oriúnda de San Cristóbal de
Dombodán (Arzúa), e quizais una de moitas persoas que emigraron, sobre todo no
século XIX, desde comarcas deprimidas de Galicia cara á comarca da Maía. Este
matrimonio asentouse na casa paterna do Castro.
Segundo
o noso parecer, chama poderosamente a atención esta ligazón. Nesta época, e en
xeral no Antigo Réxime, as unións matrimoniais
realizábanse entre familias do mesmo estrato social. Procurábase mesmo
vincularse con familiares afastados de parecida facenda e a ser posible que as
lexitimas dos contraentes se complementasen. O estraño deste matrimonio, é que
o primoxénito da casa, o que quedará nela, case cunha muller allea á comarca,
sen pertencer a ningunha familia equiparable, carente de bens inmobles ou terras
que achegar ao matrimonio e, sobre todo, coa condición social de filla natural.
Non parece que se efectúe a ligazón para lexitimar ningún fillo, xa que o
primeiro naceu tres anos despois. Cremos que estamos ante o matrimonio do primoxénito
e unha nova criada da casa [3].
Pouco
despois desta incorporación, a familia perde un dos seus membros.
Efectivamente, a nai de José falece en 1822 cando este contaba con 24 anos de
idade. Manuela Viojo non fixo testamento e as súas honras fúnebres foron a
cargo do seu marido. Foi inhumada o 2 de outubro [4].
Un mes antes, José presentara petición para acceder da orde de subdiaconado á de diácono [5].
O 25
de setembro de 1825, Don José asiste como padriño en Ortoño ao bautizo do seu
sobriño José, primeiro fillo do seu irmán Antonio [6].
Nesta época, xa se lle dispensa o tratamento de Don, pero non sabemos se era xa
sacerdote. Con todo, dous anos despois, o 8 de agosto de 1827, volve a Ortoño
como padriño doutra sobriña, filla tamén de Antonio, e nesa data aparece xa
ordenado. Con todo, pedira por dúas veces ordenarse de presbítero, a primeira
en setembro de 1823 e a segunda en febreiro de 1824, sen saber de certo cando
se converte en cura [7].
As
súas irmás máis novas tamén casan entre os anos 1827 e 1833. A menor, Teresa, casaría
o 3 de febreiro de 1833 con José Mariño, fillo de Manuel e Manuela do Cabo,
veciños de Ortoño no lugar de Maguxe, onde parece que se fincaron [8].
Así eé
todo, máis interesante é o matrimonio da súa irmá María Josefa, que casou en
1827 con José Tubío, fillo de Luís e Francisca Casal, veciños do lugar de
Lamiño na parroquia de San Félix de Brión [9],
sendo estes os ascendentes de Luís Tobío Fernández. Este matrimonio sen dúbida
asentou en Brión, xa que é alí onde están inscritas as partidas de bautismo dos
seus fillos excepto un [10],
aínda que na carta de Luís Tobío a Bouza-Brey dáse a entender que a súa tía
Minia Tubío Martínez vivía na Casa do Castro, o que indica que a súa vida
discorría entre ambos os lugares. En todo caso era esta familia Tubío-Casal
unha familia humilde, xa que o sogro de María
Josefa era un de tantos emigrantes galegos en Cádiz na primeira metade do
século XIX. En Cádiz non se fixo rico pero atopou e trouxo a semente do
posterior ascenso económico e social dos Tobío de Brión: as reliquias de santa Minia [11].
Nos
anos seguintes segue aumentando a familia na Casa do Castro. Entre 1829 e 1834
nacerían José, Manuela e Santiago Martínez Mera, fillos de Antonio Martínez e
Segunda Mera [12]. Por
este tempo tamén constatamos un falecemento. Trátase de María Veiga, muller
célibe e criada da Casa do Castro [13].
[1] Sabemos que Martínez Viojo serviu como clérigo de menores con “laudable
celo” na Colexiata de Iria, entre 1819 a 1829. Así se consigna na súa partida de
defunción, ademais de corenta e dous anos máis como capelán fabriqueiro, e,
desde a extinción da Colexiata, como coadxutor.
Cf. R. Carballo Calero, Bibliografía rosaliana, en: Graial 58 (1977) 389-400.
[2] Cf. AHDS, Fondo Parroquial. 11523.
Libro XI, folio 107v.
[3] Todo o contrario das ligazóns matrimoniais dos seus afastados parentes das
Cortes, os descendentes de Blas Martínez. O seu fillo, Antonio Pablo Martínez
Martelo y Barreyro casa en 1784 coa filla do escribán, xuíz e meiriño das
xurisdicións da Barcala e Altamira. Na seguinte xeración Josefa Martínez Ponte
e Andrade casa co fillo do alcalde de Brión Manuel Salaño Acosta en 1828. Na
terceira o seu fillo Andrés Salaño Martínez casa en 1870 con María Pilar Nimo
Vilacoba, filla do que fora xuíz de Toxosoutos.
[4] Cf. AHDS, Fondo Parroquial. 11523. Libro XV, folio 50.
[5] Cf. AHDS, Fondo: Expedientes de
Sacras Ordes, Cartapacios 1061-104/9.
[6] Cf. AHDS, Fondo Parroquial. 11523. Libro VIN, folio 195v.
[7] Cf. AHDS, Fondo: Expedientes de
Sacras Ordes, Cartapacios 1061-118/98.
[8] Cf. AHDS, C. P. 11523. Libro XI, folio 132r.
[9] Ibíd., 123r.
[10] Trátase de Francisco Tobiío
Martínez, que é bautizado en Ortoño o día 18 de xaneiro de 1830, coa anotación
á marxe de “Castro”. Cf. AHDS, C. P.
11523. Libro VII, folio 23r.
[11] Parece que foi en pagamento polos seus servizos na casa
do armador gaditano Tomás de Anduaga en 1847, a cal fora extraída das catacumbas
romanas o século anterior tendo pasado por varios propietarios. Luís Tobío nun
breve período de tempo non só trasladaría as reliquias da santa a Brión se non
que pediría permiso primeiro para o seu culto e despois para construír un
santuario, do cal percibiría a familia Tubiío
parte das esmolas. Información obtida no santuario no espazo virtual da familia
Tobío.
[12] Cf. AHDS, Fondo Parroquial.
11523. Libro VII, folios: 19v, 34v e 57v.
[13] 10 de xaneiro de 1832: Cf. Ibíd. Libro XV
folio 82v.
No hay comentarios:
Publicar un comentario