Dende finais do século XVI ata o XVIII, debido ó ambiente de fervorosa fe, fíxose moi común a fundación de misas perpetuas nos testamentos. Un exemplo de esta costume é o caso da Capela de Santa Lucia de Ortoño.
O día 13 de marzo de 1633, Gregorio González veciño da Condomiña, sentíndose mal fai testamento ante o notario da Maia, Juan González, e funda unha capela ca advocación de Santa Lucia dentro da igrexa de Ortoño. A fundación tiña 6 misas, catro o día da santa e dúas o día do patrón, que había que dicir dende a súa morte “para todo tiempo de siempre jamas”. Establece que os seus descendentes paguen por misa dous reais, e obrígaos a que tamén lle dean de xantar ó cura que llas diga. E para que todo eso se cumpra, Gregorio hipoteca dos seus bens 48 ferrados de centeo, 2 galiñas, e un cabrito en concepto de renda, sen sinalar en que bens.
Morto Gregorio, o seu fillo Benito González, non ten moita presa por facer cumprir a memoria de seu pai, xa que en 1640 o visitador manda que se presente ó testamento. E non é ata 1669, cando o fai o neto D. Antonio González Díaz de Guitian, alférez da compañía de Barcala e Altamira, e casado en Guitiande con Dª Antonia Freire de Castro, que sinala o lugar de Guitiande como anexo a capela, e de onde procederían as rendas. Pero o testamento non o presenta. Os patróns da fundación resístense, segundo nos conta o arquivo parroquial, ata que en 1721 o bisneto, D Gerónimo González de Guitian, ante as censuras eclesiásticas presenta a escritura para que esta sexa posta no libro de fundación de misas da parroquia.
Esta capela tiña altar, imaxe e sepulturas, xa que cando en 1684 o visitador, vendo o estado ruinoso da igrexa manda restaurala ós veciños, fai excepción ca capela de Santa Lucia, de quen era patrón D. Antonio González de Guitian, e que tiña a obriga el so de restaurala.
A fundación de misas tivo efecto ata 1811, data en que os descendentes deixan de pagalas. Por resolución dada en Santiago o 31 de marzo de 1829, quedaban en suspenso todas as misas de fundación, xa que para aquel tempo tíñanse acumulado tantas fundacións, que era practicamente imposible cumprilas todas, e os bens hipotecados moitas veces cambiaran de propietarios que estaban obrigados a cumprir cas rendas. Pero os dereitos adquiridos de esta fundación pérdense definitivamente en 1846 cando a familia vende os bens de Guitiande.
Sen embargo, cando en 1850 se esta organizando o novo cementerio do adro en Ortoño, unha tal Josefa Tembra, muller viúva de Pedro Picón, e veciña dos Anxeles, pide se lle reserven dúas sepulturas para a súa familia no novo cementerio do adro, xa que é ela a derradeira patroa da fundación. Non hai documentos que acrediten a súa ascendencia, en principio dudosa da familia dos González de Guitiande. Sábese sen embargo que sucedeu de patrón a Gerónimo seu fillo José Antonio González de Guitian, escríbano de Su Magestad, residente en Brión e casado con Benita de Nimo, oriúnda do lugar de Nimo, na parroquia de Santa María de Roo, actual concello de Noia. Benita quedou viúva, e xunto ó apoio de seu irmán D. Florencio de Nimo e Seares, iniciou preito contra os seus cuñados por esta e outras fundacións que tiña a familia, en nome de seu fillo José González. Pero aínda sen concluír o preito, en 1779 o fillo morre e supónse que esta liña desiste dos seus dereitos.
Finalmente en 1850, a igrexa concédelle a Josefa Tembra dúas sepulturas no adro, sen que se teña coñecemento do destino da imaxe de Santa Lucia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario