Decimo segunda fundación. 1715
Pablo Barreiro e a súa muller Dominga Turreira, veciños de Bertamiráns, acórdanse precisamente en 1715 de que o avó de Dominga deixaralle unha misa de fundación a San Roque, e ata ese momento non se tiñan acordado de cumprirlle a súa vontade.
Como imos vendo en outras fundacións, moitas delas institúense precisamente en ese ano de 1715, debido quizais, a un chamamento ou recordatorio do párroco por mor de algunha visita pastoral ou de ter botado en falta os documentos. Xa vimos como no caso particular de Ortoño, danse moitas fundacións en 1669, debido con case toda probabilidade, a renovación das escrituras con ocasión da perda, posiblemente nun incendio, de grande parte do rexistro parroquial.
No caso particular desta familia, non temos moitas novas dos seus ascendentes e descendentes. Pablo Barreiro quizais fose un dos fillos de Antonio Barreyro do Porto, ó cal tiña as súas raíces no lugar de Maguxe, de onde proveñen en última instancia tódolos Barreiro da parroquia de Ortoño. A súa muller, Dominga Turreira, que se dicía filla de Antonia Tubío e neta de Juan Tubío, podería ter lazos familiares cos irmáns Turreira dos que falamos na fundación X.
Ó longo do s. XVIII, o apelido Barreiro permanece aínda no tronco desta familia, xa que en 1774 pagaba a fundación Jacobo Barreiro. Sen embargo a finais do século xa o fai Manuel Codeso, veciño posiblemente do lugar do Pedregal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario