No pasado, o couto ou couto redondo facía referencia a un determinado tipo de estatus do territorio. Así na época feudal, o couto disfrutaba de un réxime especial de inmunidade do señor feudal ó que pertencía fronte ó poder do Rey. No seu territorio, perfectamente acoutado e cerrado, de aí o apelativo de redondo, constituía el mesmo xurisdición onde ademais se exercía o dereito de non introito, negando o acceso ó seu territorio dos oficiais do Rey, o que supoñía, de facto, a súa independencia do poder real. Tiña recontos de impostos propios e podía dispoñer de privilexios para os seus moradores
Mapa das xurisdicións de Altamira e A Maía entre os s. XVI e XIX |
Na terra da Maía, entre os s. XVI e XIX, había varios coutos dos que xa temos falado. Salaño, en Santa María de Óns, Macedos e Santa María de Urdilde, Liñares en San Fíns de Brión, Francos en San Xoán de Calo, pertencentes todos eles ó conde de Altamira, excepto Liñares que o era da Maía, e dependentes tamén daquela xurisdición. Descubrimos tamén a existencia do couto da Somoza, que xuntaría os lugares da xurisdición da Maía nas parroquias dos Ánxeles e os dous Bastavales.
Sen embargo, estas illas máis ou menos privilexiadas do territorio, non foron inmunes ós cambios ó longo do tempo. Así, hai constancia de referencias a coutos na idade media, que despois se foron esquencendo, debido ó cambio do dominio da terra, que era case sempre o que lle outorgaba o seu estatus. Na Luaña o mosteiro de Toxosoutos tiña propiedades que as consideraba acoutadas, e mesmo se falaba tamén do couto de Veceso. Sen embargo na idade moderna, estes territorios estaban dentro das xurisdicións da Maía e Altamira e en ultima instancia do conde.
Cartografía da parroquia de Ortoño, a través da suma dos territorios apeados dos seus lugares a través dos séculos e gardados na documentación privada dos veciños da parroquia. |
O couto, ou territorio acoutado e privilexiado, non era máis que a investidura de ese estatus xurídico por parte de unidades ou grupos de unidades previas das que xa se dividía o territorio. Deste xeito, por exemplo, tanto Salaño como Macedos, Liñares e Francos son lugares convertidos en coutos. O da Somoza é o conxunto de varios lugares pertencentes a parroquias distintas que en un determinado momento foron erixidos en couto polo seu dominio. E da mesma forma o conxunto de varios lugares que formaban previamente una parroquia podían constituírse en couto, habendo coutos formados por unha parroquia, unha parroquia e algún lugar de outra ou outras, ou varias parroquias.
Tendo isto presente, parece obvio despois de ter visto moita documentación, da que fomos dando cumprida conta, que a unidade básica do territorio dende a idade media non era a parroquia, se non o que chamamos lugar, e identificamos cas antigas aldeas.
Ademais deso, o cambio de dominio, ou de dono, e a reorganización do territorio, no caso da Maía polo conde de Altamira no s. XVI mudou moitas estruturas xurídicas, sen mudar os límites antigos das distintas unidade do territorio.
E este é o caso de Ortoño, do que no s. XV xa viñamos supoñendo, e agora confirmámolo, o seu dominio era monástico, pertencente a San Paio de Antealtares, pero dunha forma peculiar, tratábase de un couto e estendíase a toda a parroquia: “coto, señorío e presentación de San Xoán de Ortoño”, dise nos documentos.
Mosteiro de San Paio, visto dende a cuberta da catedral de Santiago. http://www.trivago.es/santiago-de-compostela-31777/catedraliglesiamonasterio/monasterio-e-iglesia-de-san-paio-de-antealtares-791811/foto-i4442361 |
Xa no apeo dos bens dos Moscoso na Maía, en 1458 se mencionaba a voz de San Paio en varios lugares da parroquia como Carballido e Bertamiráns. Posteriormente, ca reforma monástica do final do s. XV o mosteiro de San Paio fúndese co de San Martín Pinario e pasa a este último todas as súas propiedades. Deste xeito é en 1501 e despois en 1505 é cando San Martín lle afora o Couto de Ortoño o primeiro e segundo conde de Altamira, facendo referencia que xa antes en 1467, San Paio llo aforara a Álvaro Pérez de Moscoso, un antepasado dos mesmos.
Mosteiro de San Martín Pinario, sede actual do Seminario maior de Santigo. Vista da súa entrada dende a praza da Inmaculada. http://www.viajejet.com/monasterio-e-iglesia-de-san-martin-pinario-santiago-de-compostela/monasterio-de-san-martin-pinario/ |
Por último é o mesmo Geronimo del Hoyo, a primeiros do s. XVII cando fai tamén referencia na súa vista pastoral a estes asuntos, ó ler os libros vellos da igrexa. Fala que o dereito de presentación tíñao o conde de Altamira como foreiro de San Martín, e que estas cousas estaban no libro vello de fabrica, hoxe lamentablemente perdido.
Hai un feito paradóxico na historia e relación do condado de Altamira e os antigos dominios monásticos. Ortoño pertencía a San Paio e despois a San Martín e aforarallo, ou sexa arrendarallo, ó conde por unha renda. Pero o cabo dos séculos, San Martín perde a conta, por ter multitude de propiedades por Galicia adiante, e será entón o conde o que actúe como se fose o dono daqueles bens arrendados, e preitee cos veciños e moradores acabando por impoñerse sobre estes. Mesmo segue exercendo os seus dereitos moito tempo despois da supresión dos señoríos. Así en 1869, o duque de Sesa, Marques de Astorga e Conde de Altamira, como rexente no trono de España, e a través do ministerio de Gracia e Xusticia nomea a D. Bernardo Crespo Varela como cura párroco de Ortoño en virtude do dereito de presentación da parroquia, que lle fora aforado por San Paio e despois por San Martín, había catro séculos.
Como pasou sempre e aínda pasa hoxe o esquencemento acaba por escurecer os antigos dereitos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario