Vimos como o 18 de setembro roubaran a taberna do Santo. O 23 do mesmo mes a casa de un veciño de Francos que acababa de vir de Cádiz, onde fixera uns aforriños. E finalmente o 25 tentaran roubar a Vicente Obella de Laraño, sen conseguilo debido ós berros do asaltado que fixo que acudiran moitos veciños ó pe da súa casa.
A raíz destes sucesos a xustiza púxose a andar. O xuíz do Xiro da Rocha, a cuia xurisdicción pertencía Laraño remítelle o seu colega de Altamira os autos do intento de roubo en Laraño, ó sospeitarse que se tratase dos mesmos ladróns que antes actuaran no Santo e en Francos. A xustiza de Altamira, en previsión de futuros roubos e ca intención de deter a toda a gavilla, dispuxera a formación de patrullas que operaban de día e de noite. Ademais desto puxéronse “espías” para tentar obter información. De feito estas medidas tiveron éxito moi pronto, porque o día 3 de outubro detivéranse dous veciños de Francos relacionados co roubo da casa de José Lema. Tratábase de Francisco Antonio Vilela e José Balladares, ambos veciños casa con casa do roubado.
O Vilela, confesouno todo, incluso o nome dos compañeiros. Contou que fora “catequizado”, xa antes dos roubos, por un tal Manuel, chamado “o xastre”, e veciño do barrio santiagués do Pombal. Alí levarao Domingo Martínez, alias “o fiero”, outro dos que formaba a gavilla. Xunto con estes estaba tamén un fillastro do “xastre”, que se facía pasar por estudiante, e tamén un home de idade que vivía arriba de Santiago.
A Capela da Magdalena no Milladoiro, foi testemuña lonxana daqueles feitos. http://esmilladoiro.com/turismo.php |
O día do roubo da casa de José Lema, quedaron de xuntarse cada un pola súa conta na ponte da Rocha, dende onde colleron cara a taberna do Espiño, paraxe onde esperaba un home que lles proporcionaría as armas.
Este do que logo se soupo que se chamaba José López, saíulles o encontro a altura do Milladoiro, e entregoulle escopetas e pistolas para cada un. Despois puxéronse en marcha para parar na mencionada taberna onde tomaron varias cuncas de viño, o que seguramente os arroutou e envalentou para realizar o roubo. Unha vez consumado o delito voltaron a Santiago.
No hay comentarios:
Publicar un comentario