Buscar e atopar as vías antigas en Galicia, foi unha empresa xa abordada no pasado, aínda que os seus resultados deixaron moito que desexar, aló menos no caso da Maía.
Ferreira Priegue publicou un interesante traballo no que erraba no tocante a conexión entre Santiago e Noia.
Baseouse en grande medida na tradición oral e na toponimia. Dou por suposto que parte de outros camiños que ían cara uns lugares eran tamén empregados para outros, descoidando e esquecéndose dos principais. No caso da vía de Santiago a Noia, supuxo que o camiño que ía cara os portos da costa da morte, a través de Villestro, Covas, Ames e a Ponte Maceira, era o mesmo que conducía cara Noia, iso si, apartando en Trasmonte cara as Torres de Altamira. Vendo o plano, semella que os veciños do fondo do val non se desprazaban a ningures, e que para ir de Ames a Padrón, por exemplo, había que facelo indo primeiro a Santiago.
É certo que tódolos camiños levan a Roma, pero nos temos atopado xa non só testemuñas da tradición oral senón tamén da escrita que nos descobren unha evolución da rede vial, dende a Idade Media ata a actualidade moito máis lóxica.
Dende o plan nacional de estradas de mediados do s. XIX ata practicamente a actualidade, esta conexión ca ría de Noia era a estrada Santiago-Noia, con saída por Vidan, e continuación por Villestro, Roxos, Bertamiráns, Urdilde etc. É certo que ata Roxos seguía o camiño antigo de Fisterra, e ó abandonar Bertamiráns seguía o antigo camiño de Santiago a Muros e Noia.
Camiños antigos identificados por Ferreira Priegue en "Los caminos medievales de Galicia" 1988 (en negro). En vermello o antigo Camiño Real de Santiago a Noia. En verde o novo tramo feito no s. XIX. |
Este antigo camiño, chamado Camiño Real de Santiago a Muros e Noia, coincidía ca actual avenida da Maía pola zona da Éstrella ata o cruce da actual rúa da Fieiteira que conduce a Carballido. Alí, entre os lugares de Carballido, Pedregal e o Sisto, abandonaba a actual avenida para ir baixando e desviándose á dereita cara o actual tanatorio, e de alí cara a ponte da Condomiña. Pasado o Sar, seguía polo antigo camiño cruzando as catro aldeas, o cruce do Santo, e Ortoño cara Bugallido. De alí xiraba cara Buceleiras e a Moniña, seguindo despois cara Santiago. Incluso hai testemuñas escritas, (sumarios xudiciais), nos que se fala dunha fonda ou pousada na Tarroeira. Co plan xeral de carreteras modificouse este tramo e fíxose ir por Villestro, tendo que atravesar o monte de Lapido con un novo trazado para chegar a Bertamiráns e seguir logo o antigo camiño.
A proposta de Priege, dun camiño dende Susavila de Carballo, en Trasmonte, cara as torres de Altamira e despois cara a Luaña, non se pode considerar errada, pero soamente era valida para os viaxeiros que viñeran de atravesar a Ponte Maceira e das comarcas de Barcala e Dubra. Houbo incluso tentativas particulares de incentivar esta vía de comunicación pola Luaña seguindo polos lugares de Vilariño e Nimo cara Santa María de Roo, creando pousada en Nimo, pensado nunha menor distancia. Sen embargo fracasaron xa no s. XIX, devido a difícil orografía. Tamén temos que recordar, que o paso por Boullón e Urdilde era o máis transitado dende antigo. Había incluso unha aldea chamada Paradela, nos confíns da parroquia de Boullón, por onde pasaba este camiño. Hoxe debaixo do firme da vía rápida a Noia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario