As primeiras novas do Pedregal, ó igual que case todos os lugares de Ortoño datan do s. XVI, aló menos as encontradas por nos.
En 1564 Alberte de Sanmartiño e a súa muller Marquesa de Pedregal, veciños do mesmo lugar, reciben de mans de Jacome Fernández, apoderado do conde de Altamira, este lugar e as herdades que o conde ten en Bertamiráns.
O pilón do Pedregal entrando en Montelle. |
Esta escritura non quere dicir que a mediados do s XVI non houbera habitantes en Bertamiráns. De feito habíaos, pero ningún traballaba os bens do conde, que anque eran moitos non supoñían máis que unha fracción do lugar. De feito en 1583 Lope de Figueroa, administrador do conde subasta a parte que este tiña no lugar de Bertamiráns a aquelas persoas que o quixeran en foro ou arrendo e que máis desen por el cada ano. Estes datos amosan a grande relación que sempre houbo entre Bertamiráns e o Pedregal, en este caso referido os bens do conde de Altamira, xa que en Bertamiráns había moitas fincas e agros de outros lugares dentro dos seus límites, sendo o Pedregal o que máis tiña.
Todo esto referido o estado de Altamira, pero no Pedregal entraban máis dominios ou propietarios. No s XVI vemos polas escrituras que teñen nel propiedade distintas persoas da cidade de Santiago Así, xa a primeiros deste século temos encontrado outra escritura referente ó Pedregal. Na ante véspera de Nosa Señora de Agosto de 1532, María Suárez como viúva de Juan de Díos e veciña de Santiago, faille un arrendo a Vicente Fernández, veciño de Ortoño do seu casal que ten no lugar do Pedregal, na mesma parroquia. En 1568 un tal Francisco do Pedregal, de oficio tecedor e acaso irmán de Marquesa, recibe en arrendo unha parte do casal do Pedregal por nove anos de mans de un tal Juan de Pol mercader de Santiago.
O condado de Altamira foi un grande dominio que aglutinou terras dende o s. XV ata o XIX. Na parroquia de Ortoño era omnipresente en todos os lugares, excepto a tenencia da Condomiña. Sen embargo os propietarios dos pequenos bens dos que se compoñía o territorio no s. XVI, principalmente cidadáns composteláns, van ir desaparecendo para ir dar paso a outros dominios satélites de Altamira e non menos interesantes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario