lunes, 19 de septiembre de 2011

Libro de fundación XXVII

Vixésimo sétima fundación
9 de maio de 1688.


Como era habitual despois de varios anos, os beneficiarios dunha herdanza acordábanse de facer cumprir os desexos do defunto. Cara 1677 morrera Juan Vidal de Sisalde, seguramente solteiro ou viúvo sen fillos, deixándolle a herdanza a seu irmán Benito, da mesma veciñanza e casado con Dominga de Roxido. Este deixara en testamento dúas misas de fundación das que seu irmán encargase de cumprir a partir de 1688.

Esta debeu ser, sen dubida, unha familia importante no lugar nos s. XVII e XVIII. Sabemos que os apelidos antigos de Sisalde foron o mesmo tirado do topónimo e Roxido. Os Vidal moi logo emparentan con estes e establécense nesta aldea, mantendo relacións de parentesco con outras familias importantes, xa non só da parroquia, senón tamén da bisbarra. Así cara 1701, Juan Vidal de Sisalde, fillo de Benito Vidal e Dominga Freire, casa con Jacinta d’España, filla D. Agustín de España e Ruanova e María Vidal, de San Salvador de Bastavales. Ou sexa do outro lado do río Sar. Estas xentes pertencen a ascendencia materna do primeiro marques de Leis, e tiñan moitos foros e arrendos en Bertamiráns, Lapido e outros lugares dos Ánxeles e Bastavales.



En particular, sobre estes Vidal de Sisalde, soamente coñecemos os datos dos pagadores entre 1688 e 1832, co lapsus acostumado de medio século XVIII. Aínda así, mostran unha importante información para o rastrexo de esta rama familiar, tendo en conta que o fío de unión destas persoas ademais de familiar é a obriga de pagar a hipoteca das misas.

O final da serie documenta data de 1832. Daquela, o párroco de entón fai unha chamada advertindo que a fundación deixouse de pagar e que a súa pensión anual era de dous reais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario