jueves, 31 de octubre de 2013

A linaxe Martínez-Viojo XII


12. Conclusións

 

Os Martínez Viojo, como vimos, non eran unha anónima e sinxela familia de aldea como até agora se veu supoñendo. Os seus antepasados estaban relacionados con familias e persoas relevantes da súa contorna, de forma que nos permiten debuxar unha situación e posición acomodada na sociedade rural da súa época.

Sen ir máis lonxe, o propio José Martínez Viojo consegue unha prebenda, non pouco importante, e ademais obtida a través, supostamente, da familia materna de Rosalía; nada menos que de mans do seu mesmo avó:, o señor do pazo de Arretén, co que quizais puidese ter lazos de afinidade. Isto lévanos a unha relación entre o Castro de Arretén con José Martínez Viojo moi anterior ao nacemento de Rosalía. Tampouco nos parece acertada a cualificación ofrecida por de Álvarez Ruíz de Ojeda, cando ao falar do seu testamento, di que o capelán non era máis que un cura de aldea. Talvez non fose un intelectual, pero a súa carreira eclesiástica arrincou dunha forma brillante e, de querer, tería alcanzado, postos máis elevados.

A súa familia mantiña unha posición desafogada economicamente. Con todo, ao penetrar no século XIX, notamos unha degradación en todos os aspectos. Aquel século foi un período de profundos cambios que esixían unha gran pericia para salvar os infortunios e aproveitar as oportunidades, pericia e habilidade que decididamente os moradores da casa do Castro non tiveron. A desamortización dos bens da Igrexa, dos que gozaban en gran parte, debeu ser o seu peor revés, unido a outras graves dificultades que foron minguando a súa posición económica, familiar e social, até desembocar en pobreza, fame e emigración.

O matrimonio nesta familia foi un caso atípico no seu estrato social. Vimos, como outros parentes e familias de semellantes facendas e ascendentes, esforzáronse en buscar matrimonios vantaxosos, mantendo e fortalecendo vínculos, patrimonios e status nos seus propios ámbitos. A dúbida que nos queda é se na casa do Castro, os maiores relaxáronse neste sentido e deixaron libremente aos seus fillos elixir, ou pola contra as circunstancias non lles deixaron outras eleccións. Posiblemente non souberon outear as distintas crises do XIX e deixaron de se preocupar obedecendo os desexos do corazón.

Esta situación de decadencia veríase reflectida tamén no capelán de Iria. Aos 52 anos de idade ten que asumir, con humildade, a extinción da súa prebenda e suplicar un pequeno beneficio. Pero xa antes, quizais desde a súa incorporación á colexiata viuse sumido nun deplorable ambiente debido á crise moral do clero de Iria. Como nos apunta Álvarez Ruiz de Ojeda, o Cabido de Iria arrastraba graves problemas como conflitos de autoridade, discordias, e condutas deplorables dos seus membros como malversación, amancebamento e mesmo o homicidio. Esta situación debeu influír na vida cotiá de Martínez Viojo e tamén na da súa familia como membro predominante nela. Poida que sexa unha explicación para entender a secuencia dos seus descendentes no Castro.

Fortalecen de verosimilitude o relato transmitido as coherencias atopadas na carta de Luís Tobío: o sobriño do capelán que vivía na casa do Castro ao tempo do nacemento da escritora; a existencia dun xastre en Ortoño e ademais emparentado cos Martínez Viojo; os seus fillos de pouca idade nese período de tempo. Máxime se temos en conta o gran período transcorrido dende o nacemento de Rosalía e a carta a Bouza-Brey. Este período temporal é máis grande incluso respecto doutros datos como son, por exemplo, a existencia dun tío mercedario no compostelán convento de Conxo. Por todo isto, parece haber un fondo de verdade, polo menos en parte, na historia que vincula Rosalía con Ortoño.

Pero se Rosalía non tivese relación algunha con Ortoño, como se desprende do escrito atribuído a Anxo Baltar, non podería albergar trato e agarimo coas irmás e sobriños de José Martínez Viojo, se non fose porque os tratou con frecuencia durante a súa infancia e mocidade, xa sexa na casa do Castro, en Padrón ou en Santiago. Esta relación tería que ser froito de visitas periódicas das irmás do capelán á nena e, reciprocamente desta acompañando á súa madriña, á casa do Castro. É posible que estes encontros se interrompesen co matrimonio de Rosalía, e da dependencia desta da localización do traballo do seu marido.

Todo isto non certifica a paternidade de Martínez Viojo, soamente unha relación. Rosalía e a súa familia coñecían ao capelán por selo dunha fundación da súa casa. Esta relación remontaríase a 1819, e quizais tampouco disipa a especulación sobre un posible trato entre o Castro e o capelán para cargar el, a ollos da opinión pública, da paternidade de Rosalía. Posibilidade que vemos moi remota.

De todos os xeitos parece probable que se Rosalía coñecía esta familia, tamén sabería da súa situación, coa cal tería certa identificación. Esta relación tería que influír en ambas as partes, tanto na familia da casa do Castro como na poetisa. Nunha memoria popular de Ortoño falábase de Estrella[1], a filla sen pai, como unha nena que cando levaba a pastar as vacas adoitaba cantar moi docemente no Castro, talvez inclinada pola fama de Rosalía. Do seu incógnito pai dicíase que era mariñeiro ou que embarcara, quizá sería un emigrante. Estrella ten moitas similitudes cunha Rosalía nena. Non sería talvez o seu recordo mesturado co da propia escritora, e tamén coa súa obra, o que realmente sobreviviría na tradición.

Doutra banda, a situación de desamparo das mulleres da familia do Castro, as súas maternidades fóra do matrimonio, posiblemente forzadas por situacións de inxustiza e opresión, influirían en Rosalía e na súa obra. Coñecemos a denominada “dimisión”, pola cal en 1881 deixaba de escribir sobre Galicia e en galego debido á polémica suscitada pola publicación nese ano do seu articulo “Costumbres gallegas” onde sinalaba que sobrevivía a prostitución hospitalaria[2]. Lembremos a primeira novela de Rosalía, A filla do mar, na que se supón unha homenaxe á súa nai solteira e valente ante a sociedade; nela tamén poida que se evoque un recordo á situación daqueloutras mulleres.

As relacións de Rosalía de Castro coa súa suposta familia paterna quedan comprobadas. Cremos que o contacto con esta puido influír profundamente na súa obra. Con todo non pensamos que se poidan atopar nunca evidencias documentais da paternidade de José Martínez Viojo. De ser certa, era unha realidade soamente insinuada polos rumores, pero non manifestada na documentación.




[1] Tradición recollida da actual propietaria da Casa do Castro de Ortoño.
[2] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Sobre a “dimisión” de Rosalía: unha carta inédita de Manuel Murguia, en: Graial 131 (1996).

No hay comentarios:

Publicar un comentario