Séptima fundación. 1701
O catro de agosto de 1701, Antonio Barreyro de Bertamiráns funda dúas misas en virtude do testamento que fixera o capitán don Francisco Breixo de Aldao, rexedor perpetuo da cidade da Coruña e a súa muller dona Josepha Conde e Feixoo, veciños de San Salvador de Erbecedo, no actual concello de Coristanco.
No seu testamento feito en 1669, deixaralle todos os seus bens na Maía incluído a metade do lugar chamado daquela de Bertamiráns e Cantalarrana na parroquia de Ortoño a súa prima Dona Cecilia de España, veciña tamén de San Salvador pero de Bastavales.
Francisco e Cecilia eran primos a través de súas nais. Estas eran Ysabel e Magdalena Ortiz e Valderrama, respectivamente, fillas a súa vez de Gregorio González da Condomiña e a súa primeira muller dona Catalina Xuarez Ortiz, veciños do lugar da Condomiña na parroquia de Ortoño.
Ysabel casou en Coristanco co capitán Rodrigo de Breixo e Magdalena casou con Antonio de Ruanova e España, un descendente dos España e Ruanova composteláns que tamén tiveron cargos de rexedores.
Árbore dos ascendentes e descentes desta familia tan singular. |
O matrimonio Breixo-Conde debeu morrer sen fillos, de ai terlle deixado os bens a súa prima, e teren preiteado os seus sucesores pola rama dos Breixo de certa outra fundación en Coristanco. O caso é que súa prima Cecilia non se apurou tampouco a cumprir cos seus desexos, e seguramente tivo os bens herdados durante a súa vida sen consignalas misas a que estaban unidos.
É por tanto en 1701, cando un morador nos bens en cuestión o que se achega onda o cura para fundalas misas e pagalas todos os anos. Este era Antonio Barreyro, do lugar de Bertamiráns, que afirma que en tales bens esta posesionada súa dona, Elena Suárez, en virtude de “xustos títulos”. Semella máis ben que a tal Elena, sería a filla do anterior colono do lugar, e cando morreu e se presentou como segunda voz do foro, fóiselle obrigado cumprir cas misas.
Antonio e Elena cumpriron esta manda testamentaria ata unha data incerta do s. XVIII. Posteriormente tamén o fixeron Domingo Gallardo e Juan Seco entre 1774 e 1794. Despois deles Pablo Seco e Vicente de Seve ata 1827. Por estes apelidos, hoxe sabemos que, a parte de Bertamiráns onde habitaban e posiblemente fora de esta familia era Cantalarrana.
Dicir tamén, como avance a outros artigos e estudios, que esta familia dos González da Condomiña emparentados con estes Breixo e sobre todo cos España-Ruanova son uns dos ascendentes dos Gago pontevedreses, ou sexa dos marqueses de Leis.
A relación entre o marques de Leis e Ortoño é un tema interesante que trataremos no futuro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario