Pepa a loba II
Seguimos a tratar este personaxe singular do s. XIX na memoria colectiva da Maía, memoria xa esmorecente que busca unha nova forma de perdurar.
No seguinte relato mostrase a Pepa a loba dende un punto de vista romántico. Unha muller con un coraxe e personalidades moi fortes que se bota fora da lei para, xa non salvar as súas necesidades, senón as dos demais. Esta é a historia que dela contaban os zoqueiros ambulantes:
Antano moitos oficios exercíanse ambulantemente. Estaban os canteiros, os telleiros, os gaveadores, os carpinteiros e entre eles tamén se atopaban os zapateiros ou zoqueiros. Había varios que atravesaban bisbaras enteiras traballando onde os precisaban, retirándose no inverno as súas terras.
Había pois un que ía polas aldeas chamando as portas presentándose e preguntando se tiñan algún par de calzado estragado para arranxar. Os zocos eran a súa especialidade, sendo ademais o calzado que máis había. Pero tamén lle botaba a man ós zapatos de home ou muller. Dependendo do traballo e o que lle levaba, dábanlle de comer, e vindo a noite, tamén lle daban pousada durmindo polo regular no pallete enriba da palla o carón do gando.
Dunha volta, unha mañán fría de inverno, indo por unha corredoira dou visto unha casa grande illada, que semellaba ser de grande labranza, e pensou que alí podería facer o día, e así foi como se achegou a ela.
A casa tiña un portal grande, que no momento en que chegou atopábase aberto, e polo que entrou a unha ampla eira. Como non veu a ninguén foi dereito a porta da casa e petou nela.
Ó primeiro non tivo resposta, e petou de novo, entón abriuse a porta e apareceu unha muller de mediana idade, alta e con expresión dura que lle espetou: “¿Que quere?”. O zoqueiro viuse turbado ante a brusquidade da dona e díxolle o que era, e que viña ganando a vida polos camiños arranxando zocos e zapatos, e que si tería algún par que el de boa gana lle botaría man por pouca cousa.
Entón a muller cambiou de tono, e xa máis amablemente pero con poucas palabras invitouno a seguila. Levouno a unha ampla cociña onde o sentou a un lado e tróuxolle varios pares de zocos e botas vellos que precisaban un arreglo. Despois deixouno so co seu traballo.
http://veigadelogares.blogspot.com/ |
O home sentíase contento. Dera con unha casa boa e con bastante traballo e púxose o seu con interese. Pero co paso do tempo empezou a cavilar. A verdade é que aquela casa tiña que ser ben forte, xa que nun primeiro momento non se dera conta, pero trouxéralle aló menos ducia e media de pares de zocos e outro calzado. Vía tamén que no lume había varias potas a ferver co que parecía carne, como si fose un día de festa.
Pasou o tempo, e chegou a hora do xantar, e aquela muller invitouno a comer. El que estaba afeito a que lle deran unha cunca de caldo con algunha tallada de touciño, sinteuse abrumado con aquel xantar. Pensaba que dun momento a outro viría a xente da casa, que seguramente estiveran a traballar na agra, pero non viñeron.
Despois de xantar sígueu traballando toda a tarde, mentres pensaba. Apurou o traballo, para ver de acabar no día, de xeito que cando quedou o último par de zocos preparado, chegou a muller da casa e díxolle que viñera cear.
Aquelo xa era moi raro. Naquela casa grande, tiña que haber moita xente, pero non viñeran xantar e agora tampouco a cear. Aínda así foi cear sen lle dicir nada a dona. Apurou a cea ca intención de coller as súas cousas e botarse o camiño, xa que non estaba moi a gusto alí. Pero a muller contradiceuno e díxolle que aquela noite había de durmir alí, que os camiños non eran bos para andar de noite. Ante este ofrecemento tentou rexeitalo pero a muller díxolle que o seguise para dicirlle onde había de durmir. Entón resignouse e foi canda ela. Pero cal é a súa sorpresa cando ve que o leva o piso de arriba e móstralle un cuarto ca súa cama. El dille que pode durmir na palla, pero ela insiste e déixalle o candil que traia, mentres se despide del e cerra a porta mentres marchaba.
A inquedanza do home virara temor xa que en ningures o trataran así, e o mesmo tempo fose todo tan estraño. Tumbouse na cama pero non lle veu o sono.
E así pasaron as horas ata que despois de media noite, comezou a oír un estrondo xordo ó lonxe que se ía achegando. Ergueuse da cama e asixou pola ventana e veu como un grupo grande de homes da cabalo entraba na eira descabalgando e entrando na casa, mentres un par deles recollían os cabalos para as cortes. Cando veu aquelo empezou a tremer de medo e foi cara a porta tentando marchar. Pero aínda colleu máis cando se dou de conta que aquela muller fecharao no cuarto.
Así, sen poder dumir, pasou toda a noite o zoqueiro fechado no cuarto. E no outro día, cando amañeceu volveu a muller e abriulle a porta dicíndolle que baixara a almorzar. Desta volta non dixo nada e fixo o que ela lle dicía. Despois de almorzar, pagoulle o traballo do día anterior, e cando se dispoñía a marchar, a muller presentouse daquel xeito: “Eu son Pepa a loba, que roubo os ricos e doullo os pobres”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario