Pepa a loba
Na comarca da Maía conserváronse máis historias sobre bandoleiros ademais das do Tasende.
No recordo popular permaneceron outros relatos de outros personaxes que chegaron a ter unha sona tan grande que, anque non actuasen na bisbarra, as súas historias chegaron ata aquí. Refírome a Josefa Esmoris, “Pepa a Loba”, da que non temos constancia que estivese na Maía, anque puidera ter estado, pero que a diferenza do Tasende, a súa fama estendeuse por toda Galicia.
O seu tempo xa foi outro, o da segunda metade do s. XIX. Sen embargo as motivacións son as mesmas, a fame pobreza e sobre todo a inxustiza. Parece ser que era orixinaria da Estrada, e devido a unha vida de infortunios botouse fora da lei cometendo roubos nun amplo escenario xeográfico. Disque foi detida pola Garda Civil e pasou unha tempada na cárcere de mulleres da Coruña, ata que na revolución de 1869 logrou fuxir sen saberse nada máis dela. Moitos téñena idealizado como unha persoa que se opuxo as inxustizas da época, sen embargo os seus contemporáneos, como Emilia Pardo Bazán, falan dela como alguén sen escrúpulos e que estaría moi lonxe da imaxe romántica que dela se ten.
A tradición tróuxonos unha historia da feira de Santiago:
A feira de Santiago, en vez de facerse os mércores, como hoxe se fai a do gando en Amio, herdeira daquela, facíase os xoves e na carballeira de Santa Susana, no centro da actual alameda.
A ela concorrían xentes da redonda e tamén de partes máis distantes a comprar e mercar, sobre todo gando de toda clase. Por iso era lugar onde se cambiaban cartos, espazo que chama a carteristas e todo tipo de ladróns do descoido.
Non era menos naqueles tempos, e como si se tratase dunha rutina, dun traballo dos xoves, Pepa a Loba acudía cos seus homes a feira de Santiago.
Unha feira do s. XIX. Ernesto Carrero. Padrón : feira no Souto, 1902. Do libro Memorias do Sar - crónica gráfica das terras de Padrón - (José Luis e Miguel Cabo Villaverde) |
Xa dende ven cedo ía vendo as xentes que chegaban e que gando ou mercadorías traian, e de que xeito lle podían aproveitar. Colocaba a cada home da súa gavilla a espreita sobre algún posible botín, e adiábase despois a controlar o bulir das xentes.
Sucedeu que un xoves, cando xa tiña andado toda a feira e lle quedaba soamente un dos seus por colocar veu nun claro da carballeira entre os feirantes un cura sentado en riba do que parecía un vulto.
Dou unha volta finxindo mirar por outras cousas e veu que o cura estaba sentado enriba dun saco de moedas. Poderían ser o cobro dunhas rendas, ou os cartos dunha venda na feira, o caso é que aquel saco semelloulle a mellor das presas do día. Entón volvendo paseniñamente cara o último dos bandoleiros díxolle: “Cando o cura se erga, vas ti e cólleslle o saco e botas a corre”. O home asinteu, e ela deixouno para ir ver os demais como lles ía.
E así pasou unha boa parte da mañan, cando Pepa volve o lugar onde deixara o cura e o encomendado de roubarlle o saco das moedas. Pero é chegar e sorprenderse de que todo esta como o deixou: o cura sentado en riba do saco no mesmo lugar, e o que llo tiña que roubar dando voltas. “Pero que che dixen – lle recrimina o bandoleiro – como é que aínda non lle colleches o saco ó cura”. “É que – replícalle o home – non se moveu do sitio”. Nesto foi cando ela lle dixo: “Repara agora, e cando se erga cóllesllo”.
Entón foi ela cara o cura, e remangando as saias, fixo ademán de poñerse a mexar diante del. Entón o cura ruborizouse e ergueuse para reprendela, o que aproveitou o outro para levarlle o saco das moedas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario