domingo, 23 de enero de 2011

O libro de fundacións VIII

Oitava fundación. 1669

Juan Vidal do Pedregal, segundo de este nome, debeu morrer cara mediados do s. XVII. Dos seus dous matrimonios, o primeiro con Lucia de Reino e o segundo con Alberta Lorenza, deixou varios descendentes e entre eles o que o herdou na súa casa do Pedregal: Domingo Vidal do Pedregal.

Este cumpriu ca súa obriga que foi cumprir os desexos de seu pai defunto. Seu pai fixera testamento ante Antonio López Rocha, do que non se conservan os seus protocolos, e dos que sabemos por referencias coma estas. Juan deixara unha misa de fundación pola súa anima e para iso hipotecou a terceira parte do lugar do Pedregal, que seguramente sería a parte que lle tiña tocado de repartir o lugar entre os seus irmáns. Seguramente estes eran tres, fillos de outro Juan Vidal que casara con Mencia de Sanmartiño, filla de Alberte de Sanmartiño e Marquesa do Pedregal, os primeiros moradores dos que temos novas do Pedregal.


Sen dubida, non eran xente de fora, aló menos Marquesa xa que o seu apelido indica a súa procedencia. Era descendente dos antigos moradores de Pedregal que viñan do s. XV. O máis chocante de esta muller é o nome, porque é iso o seu nome. Non é ningún titulo. É máis Marquesa do Pedregal e seu home Alberte eran foreiros do conde de Altamira, do cal a través do seu apoderado, reciben o lugar en foro en 1562.

Volvendo a 1669, o descendente de todos estes, Domingo Vidal bota a andar a fundación da misa, e dende el foron pagando os membros das seguintes xeracións ata principios do s. XIX.

Os apelidos foron mudando, pero sempre gardaron un vínculo xenealóxico co fundador. Así ademais de Vidal aparecen os apelidos Gronso, Codeso, Garabán e outros que resoan na memoria dos veciños do Pedregal e Casal ata hoxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario