domingo, 13 de diciembre de 2015

Escudo da Condomiña

Investigando o orixe e sucesión da casa da Condomiña na parroquia de Ortoño no concello de Ames leva o enlace desta na segunda metade do s. XVIII ca de Carracedo en Sotolongo en Lalín. Sen embargo hai un dato que non ten sentido.
O primeiro posuidor coñecido do lugar da Condomiña foi Joan González da Condomiña “ el viexo” casado con Catalina González que viviron na segunda metade do s. XVI. Joan debeu casar en segundas nupcias con María de Lago que ainda vivia nos primeiros anos do s. XVII. Sucedeuno outro Juan Gonzalez da Condomiña, que ó igual que seu pai tivo moitos descendentes. Un deles foi Alonso González que casou con Paula Suárez de Solis, de ascendencia para min descoñecida. Tamén este matrimonio tivo moita descendencia entroncando con persoas relevantes. Entre estos destaca unha filla chamada Melchora González de Solís que casou con un tal D. Carlos Bermúdez de Castro, tamén de ascendencia descoñecida.
Este D. Carlos Bermúdez de Castro foi xuiz e meiriño maior das xurisdicións de Altamira e Barcala polo conde de Altamira, durante os primeiros anos do s. XVIII. En 1718 quedou viuvo e casou en segundas nupcias con outra viuva: Dª María Suárez de Figueroa, descendente da casa de Ons. A Dª María morréralle o seu primeiro marido que era D. Domingo Rodriguez de Pazos, avogado da Real audiencia e descendente da Casa de Senande. Este matrimonio estaba asentado en Calo, San Lourenzo de Agrón (concello de Brión), segundo a información de nobreza no concello de Santiago que fixeran seus bisnetos D. Vicente e D. Antonio Duran e Varela en 1787. D. Vicente chegou a ser cura de Ortoño a primeiros do s. XIX.
Polos libros de fundación de misas parece que D. Carlos Bermúdez de Castro non tivo fillos e puido ter herdado a casa da Condomiña o matrimonio asentado en Santa María de Conxo formado por D. Marcos Bermúdez de Castro e Dª Antonia de Pazos e Figueroa. Esta Dª Antonia era unha das varias fillas de D Domingo Rodriguez de Pazos e Dª María Suárez Figueroa e D. Marcos había de ser algun familiar próximo de D. Carlos.
Sucedeu posteriormente na casa da Condomiña unha filla de D. Marcos e Dª Antonia que se chamaba Dª Ygnacia Bermúdez de Castro que casou con D. Manuel Suárez. Este tamén exercería o oficio de xuiz pero na xurisdición da Maía.
Dª Ygnacia Bermúdez de Castro enviuvou e non voltou casar. Morreu o 11 de maio de 1788 na ponte da Rocha, en Conxo, e alí foi soterrada. Non consta que tivese descendentes pero si un sucesor que foi D. Pedro de Noboa e Soutomaior fillo de D. Juan Antonio de Novoa señor da casa de Carracedo en Santa María de Soutolongo, concello de Lalín. D. Pedro de Noboa estaba casado con Dª Josefa Bermúdez. Suponse que esta señora tería relación ca casa da Condomiña e de esa forma os Novoa foron os seus continuadores.
Hai outros descendentes da casa de Carracedo que tamén casaron con outras linaxes laterais da casa da Condomiña na Maía a finais do s. XVIII e comezos do XIX.
O curioso da historia é o escudo que conserva a casa que debeu ser desta familia na Condomiña. Conta César Gómez Buxán en Pazos y Moradas Hidalgas de Deza referindose a casa de Carracedo, que uns dos seus máis antigos posuidores foron Alonso López e Isabel Bermúdez que vivian en Soutolongo cara 1577. Pois ben, na casa da Condomiña aparece o seu escudo en baixo releve e con trazas do s. XVI cos nomes do primeiro matrimonio, non da Condomiña senon de Carracedo!!. Sabese porque ten unha inscrición que di: ALVº LCPZ CON ISAVL VERMMEZ . ARMAS DE LOS NOBOAS INFAZONES ALVARO LOPEZ

Sen embargo, os seus nomes non aparecen en ningunha documentación da Condomiña. O lugar tiñano os González da Condomiña por foro directo do Cabido de Santiago, renovado varias veces en 1ª e 2ª voz, sen mención algunha a ningún López de Carracedo. Pero o máis interesante é que o entronque dos López de Carracedo cos Noboa é de finais do s. XVII. César Gómez Buxán conta que María López Salgado casa con D Francisco de Novoa, fidalgo procedente da provincia de Ourense. Fillo de Bartolomé de Novoa e Isabel Díaz de Carvajales, veciños do lugar de Portela de Arriba en San Xoan de Coiras.
Parece a todas luces que esta unión dos López de Carracedo cos Novoa foino con un familiar lonxano, pois pola inscrición da Condomiña parece que os de Carracedo estaban enlazados dende antigo cos ”Noboas infanzones”.
De todolos xeitos que apareza o escudo dos de Carracedo na Condomiña douscentos anos antes de que ambas casas se entroncaran, non parecendo ter relación algunha, é moi raro. Puideron telo reproducilo no s. XVIII copiando un da casa de Carracedo. Pero entón faríano cos modelos da época. O da Condomiña parece totalmente autentico pola traza e o desgaste.

jueves, 2 de enero de 2014

Os matrimonios en Ortoño.





Entre os anos 1659 e 1900, ambos incluídos, houbo en Ortoño 1549 matrimonios dos que se ten constancia. Destes, 731 ámbolos dous contraintes eran naturais de Ortoño. Dos restantes 818, 772 foron matrimonios mixtos, onde a inmensa maioría o mozo non era de Ortoño e a moza si. E finalmente uns 46 matrimonios onde ambos contraintes non era naturais de Ortoño. É certo que moitos destes matrimonios pasaron a residir fora de Ortoño, xa que era costume que a noiva fixese o seu enlace na igrexa parroquial de onde era natural, aínda que despois pasase a vivir na parroquia do seu marido.

Os matrimonios mixtos esténdense máis ou menos uniformemente ó longo de estes dous séculos e medio. Sen embargo, existe unha evolución co paso do tempo. Así nos s. XVII e XVIII abundaban os enlaces entre xentes de parroquias veciñas a Ortoño, pero a medida que nos achegamos o final do s. XVIII e entramos no XIX esa tendencia muda. Baixan as unións entre os veciños da comarca e empezan a vir xentes, maiormente varóns de outras bisbarras que casan en Ortoño, formando novas familias. Esta tendencia non é exclusiva de Ortoño se non que debeu ser común a todas as parroquias do val da Maía.

Como exemplo temos a veciña parroquia de Bugallido. Dos 772 matrimonios mixtos que tiveron lugar en Ortoño, houbo 130 que correspondían a feligreses de Bugallido que casaron en Ortoño. A seguinte con máis enlaces en Ortoño é Os Ánxeles con 101 nos 241 anos deste período. E en terceiro lugar, para rematar este reconto, situase San Xulián de Bastavales con 54 unións. Entre as tres suman máis dun tercio de todos os matrimonios mixtos..Resultado máis que natural e esperado tendo en conta que ámbalas tres manteñen límites xeográficos comúns con Ortoño. Hai que ter en conta que este dato pode ser engañoso xa que posiblemente a metade de estes enlaces acababan por asentarse a partes iguais nas parroquias de orixe dos novos conxugues. Pola contra os enlaces entre xentes, sobre todos varóns, de parroquias lonxanas a Ortoño, con feligresas de Ortoño, aínda que sexan menores en número soianse asentar en Ortoño.

Damos a continuación o nome de todas estas parroquias agrupadas por concellos, cidades, bispados ou países que suman un total de 203. Da maior parte delas soamente un veciño ou dous acabou casando en Ortoño.

Abegondo: Visoño.
Ames: Agrón, Ameixenda, Ames, Biduido, Bugallido, Covas, Lens, Piñeiro, Trasmonte.
Arteixo: Monteagudo
Arzua: Arzua, Burres, Domboan, Oines, Rendal, Villantime.
Astorga (diocese): Quintanilla de la cuesta, concello de Truchas, provincia de León.
Baña, A: A Baña, Barcala, Barro, A Riba, Cabanas, Corneira, Ermida, Fiopáns, Lañas, Marcelle, Ordoeste, Troitosende.
Barcelona (cidade)
Betanzos: Piadera
Boimorto: Andarao, Arceo.
Boqueixón: Pousada
Brión: Ánxeles,Bastavales (Divino Salvador), Bastavales (San Xulián), Boullón, Brión; Óns, Viceso.
Cabana de Bergantiños: Nantón, Rioboo.
Cambre: Cecebre
Carballo: Entrecruces, Rus.
Cerceda: Cerceda, Rodis, Xesteda.
Cesuras: Filgueira da Barranca.
Coristanco: Agualada, Coristanco, Cuns, Oca, Seavia.
Culleredo: Rutis
Cuntis: Cequeril, Cuntis, Estacas, Piñeiro.
Estrada: Couso
Frades: Abellan, Aña, Gafoy, Lendoira, Moan, Papucín.
Francia (Pais)
Lalín: Soutolongo
Laracha: Montemaior
Lopera (provincia de Jaen)
Lousame: Lousame, Toxosoutos, Vilacoba.
Lugo (diocese): Taboada, Agrade en Chantada, Bonxe en Outeiro de Rei, Arcos en Chantada, Lugo
Mazaricos: Eirón.
Meaño: Dena.
Melide: Melide
Mesía: Bascoy, Benza, Boado, Castro, Mesía, Olas
Moraña: Lamas, Laxe, Moraña, Sayans.
Muros: Louro
Negreira: Albite, Aro, Gonte, Logrosa, Portor.
Noia: Barro, Noia Roo.
Ordes: Barbeiros, Poulo.
Oroso: Cárdama, Marcoa, Oroso, Senra, Villaromaris.
Outes: Outeiro
Oviedo (diocese): Riofrío
Padrón: Carcacia, Cruces, Iria, Padrón.
Pino, O: Arca, Castrofeito, Cerceda, Gonzar, Medín, Pastor.
Poio: Samieira
Pontevedra (cidade)
Porto do Son: Goians
Portugal (pais): Aracide, Laros en Filgueira da Foz, Rilo, Vieira en Leiría.
Rianxo (Vila)
Ribeira: Artes, Carreira.
Rois: Augasantas, Buxán, Costa, Remedelo, Loroño, Ribasar, Sorribas, Urdilde.
Sada: Mondego.
Santiago: Agros, Busto, Barciela, Berdía, Conxo, Eixo, Enfesta, Grixoa, Laraño, Figueiras, Real Hospital, Sabugueira, San Fructuoso, San Juan Apóstolo, Santa Susana, Sar, Villestro.
Santacomba: Fontecada, Freixeiro, Montouto, Santacomba, Ser, Xallas de Castriz.
Sobrado dos monxes: Folgoso
Teo: Calo, Óns, Rariz, Teo.
Tordoia: Bárdaos, Cabaleiros, Castenda, Gorgullos, Viladabade.
Touro: Lojo, Ribeira.
Trazo: Campo, Morlán, Restande, Xavestre.
Tui (diocese): Caldelas Tui, A Guarda, Salcidos, Tortoreos, Tui.
Val do Dubra: Arabexo, Bembibre, Buxán, Coucieiro, Nibeiro, Paramos, Portomouro, Rial, Sanroman, Vilariño.
Vedra: Ponteulla
Vilagarcia de Arousa: Carril, Sobran.
Vimianzo: Cambeda, Tines, Treos.
Zas: Gándara, Méanos.


jueves, 31 de octubre de 2013

A linaxe Martínez-Viojo XII


12. Conclusións

 

Os Martínez Viojo, como vimos, non eran unha anónima e sinxela familia de aldea como até agora se veu supoñendo. Os seus antepasados estaban relacionados con familias e persoas relevantes da súa contorna, de forma que nos permiten debuxar unha situación e posición acomodada na sociedade rural da súa época.

Sen ir máis lonxe, o propio José Martínez Viojo consegue unha prebenda, non pouco importante, e ademais obtida a través, supostamente, da familia materna de Rosalía; nada menos que de mans do seu mesmo avó:, o señor do pazo de Arretén, co que quizais puidese ter lazos de afinidade. Isto lévanos a unha relación entre o Castro de Arretén con José Martínez Viojo moi anterior ao nacemento de Rosalía. Tampouco nos parece acertada a cualificación ofrecida por de Álvarez Ruíz de Ojeda, cando ao falar do seu testamento, di que o capelán non era máis que un cura de aldea. Talvez non fose un intelectual, pero a súa carreira eclesiástica arrincou dunha forma brillante e, de querer, tería alcanzado, postos máis elevados.

A súa familia mantiña unha posición desafogada economicamente. Con todo, ao penetrar no século XIX, notamos unha degradación en todos os aspectos. Aquel século foi un período de profundos cambios que esixían unha gran pericia para salvar os infortunios e aproveitar as oportunidades, pericia e habilidade que decididamente os moradores da casa do Castro non tiveron. A desamortización dos bens da Igrexa, dos que gozaban en gran parte, debeu ser o seu peor revés, unido a outras graves dificultades que foron minguando a súa posición económica, familiar e social, até desembocar en pobreza, fame e emigración.

O matrimonio nesta familia foi un caso atípico no seu estrato social. Vimos, como outros parentes e familias de semellantes facendas e ascendentes, esforzáronse en buscar matrimonios vantaxosos, mantendo e fortalecendo vínculos, patrimonios e status nos seus propios ámbitos. A dúbida que nos queda é se na casa do Castro, os maiores relaxáronse neste sentido e deixaron libremente aos seus fillos elixir, ou pola contra as circunstancias non lles deixaron outras eleccións. Posiblemente non souberon outear as distintas crises do XIX e deixaron de se preocupar obedecendo os desexos do corazón.

Esta situación de decadencia veríase reflectida tamén no capelán de Iria. Aos 52 anos de idade ten que asumir, con humildade, a extinción da súa prebenda e suplicar un pequeno beneficio. Pero xa antes, quizais desde a súa incorporación á colexiata viuse sumido nun deplorable ambiente debido á crise moral do clero de Iria. Como nos apunta Álvarez Ruiz de Ojeda, o Cabido de Iria arrastraba graves problemas como conflitos de autoridade, discordias, e condutas deplorables dos seus membros como malversación, amancebamento e mesmo o homicidio. Esta situación debeu influír na vida cotiá de Martínez Viojo e tamén na da súa familia como membro predominante nela. Poida que sexa unha explicación para entender a secuencia dos seus descendentes no Castro.

Fortalecen de verosimilitude o relato transmitido as coherencias atopadas na carta de Luís Tobío: o sobriño do capelán que vivía na casa do Castro ao tempo do nacemento da escritora; a existencia dun xastre en Ortoño e ademais emparentado cos Martínez Viojo; os seus fillos de pouca idade nese período de tempo. Máxime se temos en conta o gran período transcorrido dende o nacemento de Rosalía e a carta a Bouza-Brey. Este período temporal é máis grande incluso respecto doutros datos como son, por exemplo, a existencia dun tío mercedario no compostelán convento de Conxo. Por todo isto, parece haber un fondo de verdade, polo menos en parte, na historia que vincula Rosalía con Ortoño.

Pero se Rosalía non tivese relación algunha con Ortoño, como se desprende do escrito atribuído a Anxo Baltar, non podería albergar trato e agarimo coas irmás e sobriños de José Martínez Viojo, se non fose porque os tratou con frecuencia durante a súa infancia e mocidade, xa sexa na casa do Castro, en Padrón ou en Santiago. Esta relación tería que ser froito de visitas periódicas das irmás do capelán á nena e, reciprocamente desta acompañando á súa madriña, á casa do Castro. É posible que estes encontros se interrompesen co matrimonio de Rosalía, e da dependencia desta da localización do traballo do seu marido.

Todo isto non certifica a paternidade de Martínez Viojo, soamente unha relación. Rosalía e a súa familia coñecían ao capelán por selo dunha fundación da súa casa. Esta relación remontaríase a 1819, e quizais tampouco disipa a especulación sobre un posible trato entre o Castro e o capelán para cargar el, a ollos da opinión pública, da paternidade de Rosalía. Posibilidade que vemos moi remota.

De todos os xeitos parece probable que se Rosalía coñecía esta familia, tamén sabería da súa situación, coa cal tería certa identificación. Esta relación tería que influír en ambas as partes, tanto na familia da casa do Castro como na poetisa. Nunha memoria popular de Ortoño falábase de Estrella[1], a filla sen pai, como unha nena que cando levaba a pastar as vacas adoitaba cantar moi docemente no Castro, talvez inclinada pola fama de Rosalía. Do seu incógnito pai dicíase que era mariñeiro ou que embarcara, quizá sería un emigrante. Estrella ten moitas similitudes cunha Rosalía nena. Non sería talvez o seu recordo mesturado co da propia escritora, e tamén coa súa obra, o que realmente sobreviviría na tradición.

Doutra banda, a situación de desamparo das mulleres da familia do Castro, as súas maternidades fóra do matrimonio, posiblemente forzadas por situacións de inxustiza e opresión, influirían en Rosalía e na súa obra. Coñecemos a denominada “dimisión”, pola cal en 1881 deixaba de escribir sobre Galicia e en galego debido á polémica suscitada pola publicación nese ano do seu articulo “Costumbres gallegas” onde sinalaba que sobrevivía a prostitución hospitalaria[2]. Lembremos a primeira novela de Rosalía, A filla do mar, na que se supón unha homenaxe á súa nai solteira e valente ante a sociedade; nela tamén poida que se evoque un recordo á situación daqueloutras mulleres.

As relacións de Rosalía de Castro coa súa suposta familia paterna quedan comprobadas. Cremos que o contacto con esta puido influír profundamente na súa obra. Con todo non pensamos que se poidan atopar nunca evidencias documentais da paternidade de José Martínez Viojo. De ser certa, era unha realidade soamente insinuada polos rumores, pero non manifestada na documentación.




[1] Tradición recollida da actual propietaria da Casa do Castro de Ortoño.
[2] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Sobre a “dimisión” de Rosalía: unha carta inédita de Manuel Murguia, en: Graial 131 (1996).

lunes, 26 de agosto de 2013

A linaxe Martínez-Viojo XI


Os descendentes dos Martínez Viojo

 

Esta deterioración material, a repartición e perda dunha facenda con baixas cargas a unha situación máis gravosa, o empobrecemento e a posterior emigración dos homes da familia, ca consecuente viudez en vida das súas mulleres, fixo aumentar as penalidades aos habitantes da Casa do Castro.

 

Así, o matrimonio que alí vivía estaba formado por Antonio Martínez e Segunda Mera e eran pais de seis fillos. Todos eles viven na mesma casa, aínda cando mortos os seus pais, algúns casan e teñen á súa vez fillos. Segunda Mera despois de viúva ten unha filla máis de pai incógnito chamada Teresa e que lembra no seu testamento[1] o 16 de marzo de 1856 no seu leito de morte[2]. O seu fillo Santiago, que emigrara á Habana, ao retornar contraeu matrimonio con María Manuela Blanco, unha veciña de Bertamiráns da mesma parroquia, do cal naceu un fillo de nome Víctor. Pouco puido gozar Santiago do seu fillo, pois no mesmo ano do seu nacemento, en 1863, morrería el con 29 anos. Cinco anos despois a súa nova viúva tería un fillo natural chamado Pablo, para o cal a súa nai se empeña, en 1882, para pagarlle a súa pasaxe á illa de Cuba[3].

 

Outra sobriña de José Martínez Viojo, e irmá de Santiago, chamada Manuela, tamén ten de estado solteira unha filla chamada María Estrella Martínez, que co paso do tempo abandona a familia e pasa a servir na vila de Caldas de Reis onde tamén é nai solteira.

 

Non mellor lles ían as cousas aos de Maguxe. María Mariño, a filla de Teresa, a irmá do capelán, pasa a vivir co seu tío en Íria en 1853[4] o grande ano da fame en Galicia. Vendo o panorama, aceptaría así a pequena compensación contractual de coidar do seu tío e ser a súa herdeira. Lembremos a situación da súa nai que en 1865 pide a habilitación de pobre ante os tribunais de xustiza[5].

 

Non nos resulta raro que en 1859 o capelán Martínez Viojo teña o ánimo decaído ao ver a decrepitude da súa familia e do seu propio estado. Ese mesmo ano faría o seu testamento no cal non desvela nada estraño da súa vida[6]. Con todo, a través da carta de Luís Tobío cóntasenos que tamén nese ano se entrevista con Rosalía en Ortoño. Rosalía casou un ano antes en Madrid con Murguía, e agora aproveita para achegarse á apartada Casa do Castro para visitar a familia Martinez Viojo. Quizais este sexa unha das últimas viaxes que faría a aquela casa. Lembremos que Rosalía profesaba un profundo agarimo por María Josefa, a irmá do capelán, á que chamaba, segundo parece, tía Maripepa[7].

 

Distinta foi a rama desta tía Maripepa. María Josefa Martínez Viojo casou en 1827 con José Tubío de Lamiño en Brión. Non habería diferenzas notables cos seus irmáns a non ser porque cara ao final da década dos corenta, o seu sogro trae desde Cádiz as reliquias dunha santa da época romana. Non se figuraba esta familia que a intuición do patrucio resultaría, xa que santa Minia tivo desde o principio, en que estivo depositada na súa mesma casa de Lamiño, unha acollida moi cálida no ámbito relixioso da comarca.

 

Isto supuxo, desde principios da década do cincuenta do século XIX, un auxe económico para esta familia. María Josefa e o seu marido tiveron catro fillos que foron Ramón, Francisco, Luís e Minia. Ramón, rexentou o padroado de santa Minia e casou con Juana de Campos González, filla de Miguel Campos Vázquez e de María González de Nimo, veciños do lugar de Guitiande en Santa María dos Anxos (Brión), e pertencentes a unha familia con certos ascendentes na comarca[8]. Este matrimonio tivo tres fillos entre os que se contaba a Luís Andrés Tobío Campos, que foi profesor en Viveiro e Santiago e que do seu matrimonio con María Magdalena Melida Fernández tiveron entre outros ao notable galeguista Luís Tobío Fernández, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos na Casa do Castro de Ortoño o 12 de outubro de 1923. Outro fillo de José Tubío e María Josefa Martínez Viojo foi Luís Tubío Martínez, que tamén se dedicou ao ensino en Brión, alcanzando a súa escola unha gran fama[9].

 

En 1871, á idade de 73 anos, morre en Iria José Martínez Viojo, sendo inhumado no cemiterio de Santa María Adina, o mesmo no que catorce anos despois sería enterrada a propia Rosalía de Castro. Testou a favor da súa sobriña, María Mariño Martínez, que o coidou e serviu dende 1853[10]. Deixou tamén obxectos persoais á súa outra sobriña de Maguxe, que aínda hoxe conservan[11]. Tanto a unha como a outra tiveron descendencia continuando a asentada en Maguxe até a actualidade.

 

En canto aos descendentes de Juan Antonio Martínez Viojo e Segunda Mera, os sobriños do capelán asentados na casa do Castro, foron á súa vez gran número. Pero a diferenza dos de Brión, ou os de Maguxe, o seu gran número obrigou a sucesivas particións da primitiva herdanza o que os obrigou a enaxenar completamente o solar da casa do Castro. Así, a principios do século XX, a mesma casa estaba partida entre tres herdeiros, xa netos e bisnetos de Antonio Martínez e Segunda Mera. Estes foron vendendo as súas partes de forma que en 1923, cando nela se fundou o Seminario de Estudos Galegos, o seu propietario non tiña nada que ver coa antiga familia Martínez. Moitos destes descendentes emigraron a América e os demais asentáronse no inmediato lugar da Tarroeira chegando até hoxe en día.

 




[1]  Cf., AHUS. Protocolo Notarial de José Ramón Araujo de 1856, folio 57 e seguintes.
[2] É inhumada aos dous días. Cf. AHDS, Fondo Parroquial 11523 Libro XV, folio 176v.
[3] Cf. Apéndice Documental 3. É interesante esta escritura no sentido do socorro prestado por Manuela Campos Martínez, veciña de Castrigo na mesma parroquia de Ortoño á empeñada viúva María Manuela Blanco da casa do Castro para que o seu fillo puidese emigrar a Cuba. Aquela señora era unha das fillas de Josef de Campos Vilacoba e Dª Vicenta Martínez Ponte y Andrade da antiga casa de Campos de Castrigo. Este apelido Martínez era o mesmo da familia Martínez Viojo a través dos seus parentes do lugar das Cortes, como xa se indicou. Trátase supostamente dunha acción de caridade e axuda para cunha parente en problemas.
[4]           Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Ou. c. Documento para a biografia de Rosalia de Castro: Testamento…  174: Teresa Martínez Viojo tivo co seu marido dúas fillas. María, que naceu en 1834, (Cf. AHDS, Fondo Parroquial 11523. Libro VII, folio 56v) a que serviu ao seu tío, e Manuela, a que naceu no mesmo ano que Rosalía, concretamente o 10 de xullo de 1837,( Cf. Ibíd.. Libro VII, 78r.) en contra do que sostén V. Álvarez Ruíz de Ojeda.
[5]           Ibíd.
[6]           Ibíd.
[7]           Cf. J. Caamaño Bournacell, “El linaje de Rosalía de Castro”, en: Boletín de la comisión de Monumentos de Lugo, Tomo V, 105, nota 6. Mesmo no seu último ano de vida, xa enferma, convidábaa a ela e á familia Tobío de Brión, a través da súa filla, a celebrar a festa de Pascua en Padrón.
[8]           Sen ir máis lonxe, e omitindo a complicada xenealoxía desta familia, o apelido González de Benita -a nai de Juana- é o mesmo dos González da Condomiña dos séculos XVI e XVII, dos que vimos que eran ascendentes dos Martínez Viojo. O outro apelido, Nimo, é da mesma familia de María do Pilar Nimo Vilacoba (cf., nota 66) consorte dos antigos parentes das Cortes en Ortoño. Polo lado paterno, o pai de Juana, Miguel, era irmán de Josef, o marido de Vicenta da casa de Campos de Castrigo (Ortoño). Constátase que os descendentes de María Josefa Martínez Viojo volveron enlazarse coas mesmas familias dun mesmo estrato social, como antigamente facían os ascendentes da Casa do Castro.
[9]           Como curiosidade, o sobriño do primeiro capelán nomeado para o culto da nova capela de Santa Minia, tamén asistiu a esta escola. Tanto un coma outro, eran orixinarios da casa dos Martínez no lugar de Cortes na parroquia de Ortoño.
[10]          Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Ou. c., Documento para a biografia de Rosalia de Castro: Testamento…  174:
[11]          María Mariño Martínez. Testemuño de Lucita González Romarís veciña do lugar de Maguxe (Ortoño).

miércoles, 17 de julio de 2013

A linaxe Martínez-Viojo X

10. Deterioración económica

A década do trinta do século XIX resultou para esta familia moi traumática. Nela morrería o pai do capelán Miguel Martínez, do cal non atopamos a súa partida de defunción[1]. A consecuencia diso repártese a herdanza pola que a Don José legaríaselle unha habitación na Casa do Castro[2], por outra banda algo moi común no pasado en que os pais defuntos deixaban ao seu fillo clérigo un cuarto nas súas casas en previsión da súa vellez. Cuarto que utiliza nas visitas periódicas que realiza á casa dos seus pais, como o constata V. Álvarez Ruiz de Ojeda.

Coincide con este feito a promulgación das leis desamortizadoras dos bens da Igrexa, que afectarían os bens que o Cabido compostelán posuía en Ortoño: os lugares da Condomiña e as dúas Punxeiras, onde se situaban practicamente todos os bens da Casa do Castro, incluída ela mesma. Os bens pasaban a propiedade do Estado, e se non eran redimidos, este poxábaos[3]. Os irmáns Martínez Viojo, herdeiros dunha casa de labranza acomodada, acusarían esta situación debido a que os seus activos eran precisamente terras e non diñeiro en metálico. Lembremos a fianza que lle fixeron os seus pais ao capelán. Seguramente a casa e os bens serían comprados e revendidos ata que acabaron en mans da familia Ucha de Piñor como xa notamos. No entretempo, a terra seguiríanse traballando pero xa por novos propietarios que esixirían maiores rendas anuais, e non en especie ou gran comoa nos antigos foros, senón en metálico.

Ante esta deterioración económica, o marido de Teresa, a irmá do capelán, en 1842 emigra a Montevideo[4], e con ela o seu cuñado Antonio Martínez, o irmán casado na Casa do Castro con Segunda Mera. Do primeiro nunca máis se soubo, e do segundo sabemos que falece na capital do Uruguai tres anos despois de chegar[5]. Posteriormente, dous dos seus fillos tamén se ven obrigados a tomar o duro camiño da emigración: José Martínez Mera seguiu ao seu pai a Montevideo e Santiago, o seu irmán, á Habana[6].

Este tipo de quebrantos tamén chegan ao outro irmán, o capelán de Iria. En 1849, a consecuencia do novo concordato entre España e a Santa Sé, suprímense todas as colexiatas que non estean situadas en capital de provincia e, como consecuencia, José Martínez Viojo perde o seu emprego na de Iria, que desta forma pasa a ser igrexa parroquial.

Con todo, en 3 de novembro de 1852 o arcebispo compostelán atendendo a que a antiga sede episcopal e despois colexiata se trata dunha parroquia importante, concédelle ao noso sacerdote e a outros catro máis, un beneficio nela de 3.000 reais como sustento a cambio de que auxilien ao párroco de Iria no seu labor pastoral[7]. Esta nova situación de coadxutor, non foi estable economicamente, xa que ao ano seguinte, tanto Martínez Viojo como os demais beneficiados, elevan protesta ante o Prelado por non  terenlles remunerado a totalidade do seu beneficio, ao que o arcebispo responde que ignora a causa exacta da ausencia de fondos, e que debe investigalo[8].




[1] Ao comparar as partidas de bautismo dos seus netos, conclúese que vivía en 1831 e xa falecera en 1834. O certo é que debeu morrer fóra da parroquia.
[2] Noticia achegada por Manuela Fecha Iglesias, a propietaria actual da Casa do Castro.
[3] Documentos privados de José García Blanco, veciño de Ortoño. Anos 1837 a 1839.
[4] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Documento para a biografía de Rosalía de Castro: testamento de José Martínez Viojo, en: “Graal” 146 (2000). 169-178.
[5] O 6 de febreiro de 1846 realízase o seu funeral: Cf. AHDS, Fondo Parroquial 11523: Libro XV, folio 126 v.
[6] AHUS: Protocolo de 1856 de José Ramón Araujo, folio 57: Testamento de Segunda Mera
[7] AHDS Fondo Xeral Cartapacio 321.
[8] Ibíd.

viernes, 7 de junio de 2013

A linaxe Martínez-Vioxo IX

9. Rosalía e a Casa do Castro de Ortoño

A versión tradicional dada por Luís Tobío, é que o capelán Don José decatouse dos plans de Dona Teresa e impediu que a súa presunta filla ingresase na inclusa. Existía unha tradición en Ortoño, na cal se afirma que foi o propio José Martínez, quen trouxo a Rosalía á Casa do Castro, debaixo da súa sotana para que a criasen as súas irmás. De todos os xeitos, Don José non podería facer moito sen o coñecemento e o acordo con Dona Teresa, xa que foi a criada desta, María Francisca Martínez, a que conduciu á nena ao Hospital Real, e logo levouna con sigo. Parece probable, como apunta V. Álvarez Ruíz de Ojeda, que houbo unha participación conxunta entre os pais, se non só da nai[1].

Tradicionalmente veuse aceptando que Rosalía foi criada polas irmás de Don José: María Josefa e Teresa, na Casa do Castro. Con todo mostramos, do mesmo xeito que o fai a carta de Luís Tobio, que non son elas quen viven no Castro, senón o seu irmán Antonio, casado con Segunda Mera[2]. Na mencionada carta fálase de que José Martínez Viojo trouxo a Rosalía a Ortoño e a ”entrego a la mujer de un tal Lesteiro, sastre en Ortoño”, quen a aleitou e criou pasando, di, posteriormente á Casa do Castro.

Indagando nos libros sacramentais da parroquia, e grazas tamén á memoria da tradición popular, atopamos a localización desta familia. Efectivamente existiu un xastre chamado Manuel Lesteiro que habitaba na paraxe chamada Seoane, hoxe topónimo xa desaparecido. Este lugar corresponde ao conxunto de casa s do lugar de O Santo, que están na contorna do cruceiro situado á beira do actual campo da festa de Ortoño. Manuel Lesteiro estaba casado con María Mariño, natural do próximo lugar de Maguxe e era irmá de José Mariño, o marido de Teresa Martínez Viojo. Deste xeito, faise patente a relación de familiaridade do matrimonio Lesteiro co Martínez Viojo.

No tempo do nacemento de Rosalía, había na casa do xastre un neno de pouca idade lactante. Na Casa do Castro, o sobriño do capelán máis novo, de nome Santiago, que xa contaba con dous anos e medio, seguramente xa deixaría a lactación. O primeiro fillo da familia Lesteiro-Mariño foi unha nena que naceu en agosto de 1835, de nome Segunda e afillada de Segunda Mera[3]. Esta nena tiña un ano e medio cando nace Rosalía, a cal podería ser a súa irmá de leite. Ao ano seguinte nace o seu segundo fillo chamado José, o que contribúe a alargar a lactación[4]. Este morre en 1840, cando contaba dous anos de idade[5].

Se Rosalía permaneceu en Ortoño durante o período de lactación, iso sería durante un breve espazo de tempo. O máis plausible é que se reunise desde a máis tenra infancia coa súa nai en Padrón, corroborando así as conclusións das investigacións de Andrés Pociña e Andrea López[6].



[1] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, en: Anxo Angueira , Rosalia 21, Duás achegas bibliográficas. Vigo, Xerais 2009. 17-24.
[2] Cf. Nota 10. En realidade Luís Tobio di: “vivía Carmen Martínez sobrina del capellán casada con tal Castiñeiras, dato achegado pola súa tía Minia Tubio, que resulta erróneo cronoloxicamente, xa que a tal Carmen non casaría até 1848.
[3] Cf. AHDS, Fondo Parroquial 11523 Libro VII, folio 65r.
[4] En 13 de abril de 1838. Cf. Ibíd. Libro VII 83v.
[5] O 20 de setembro de 1840.Cf. Ibíd. Libro XV f 105r.
[6] Cf. A. Pociña- A. López, Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra. Santiago de Compostela, Lailovento Ensaio 2000, 23.