10. Deterioración económica
A
década do trinta do século XIX resultou para esta familia moi traumática. Nela
morrería o pai do capelán Miguel Martínez, do cal non atopamos a súa partida de
defunción[1].
A consecuencia diso repártese a herdanza pola que a Don José legaríaselle unha
habitación na Casa do Castro[2], por
outra banda algo moi común no pasado en que os pais defuntos deixaban ao seu
fillo clérigo un cuarto nas súas casas en previsión da súa vellez. Cuarto que
utiliza nas visitas periódicas que realiza á
casa dos seus pais, como o constata V. Álvarez Ruiz de Ojeda.
Coincide
con este feito a promulgación das leis desamortizadoras dos bens da Igrexa, que
afectarían os bens que o Cabido compostelán posuía en Ortoño: os
lugares da Condomiña e as dúas Punxeiras, onde se situaban practicamente todos
os bens da Casa do Castro, incluída ela mesma. Os bens pasaban a propiedade do
Estado, e se non eran redimidos, este poxábaos[3].
Os irmáns Martínez Viojo, herdeiros dunha casa de labranza acomodada, acusarían
esta situación debido a que os seus activos eran precisamente terras
e non diñeiro en metálico. Lembremos a fianza que lle fixeron os seus pais ao
capelán. Seguramente a casa e os bens serían comprados e revendidos ata que
acabaron en mans da familia Ucha de Piñor como xa notamos. No entretempo, a
terra seguiríanse traballando pero xa por novos propietarios que esixirían
maiores rendas anuais, e non en especie ou gran comoa
nos antigos foros, senón en metálico.
Ante
esta deterioración económica, o marido de Teresa, a irmá do
capelán, en 1842 emigra a Montevideo[4],
e con ela o seu cuñado Antonio Martínez, o irmán casado na Casa do Castro con
Segunda Mera. Do primeiro nunca máis se soubo, e do segundo sabemos que falece
na capital do Uruguai tres anos despois de chegar[5].
Posteriormente, dous dos seus fillos tamén se ven
obrigados a tomar o duro camiño da emigración: José Martínez Mera seguiu ao seu
pai a Montevideo e Santiago, o seu irmán, á Habana[6].
Este
tipo de quebrantos tamén chegan ao outro irmán, o capelán de Iria. En 1849, a consecuencia do
novo concordato entre España e a Santa Sé, suprímense todas as colexiatas que
non estean situadas en capital de provincia e, como consecuencia, José Martínez
Viojo perde o seu emprego na de Iria, que desta forma pasa a ser igrexa
parroquial.
Con
todo, en 3 de novembro de 1852 o arcebispo compostelán atendendo a que a antiga sede episcopal e despois colexiata se
trata dunha parroquia importante, concédelle ao noso sacerdote e a outros catro
máis, un beneficio nela de 3.000 reais como sustento a cambio de que auxilien
ao párroco de Iria no seu labor pastoral[7].
Esta nova situación de coadxutor, non
foi estable economicamente, xa que ao ano seguinte, tanto
Martínez Viojo como os demais beneficiados, elevan protesta ante o Prelado por
non terenlles remunerado a totalidade do seu beneficio, ao que o
arcebispo responde que ignora a causa exacta da ausencia de fondos, e que debe
investigalo[8].
[1] Ao comparar as partidas de bautismo dos seus netos, conclúese que vivía en
1831 e xa falecera en 1834. O certo é que debeu morrer fóra da parroquia.
[2] Noticia achegada por Manuela Fecha Iglesias, a propietaria actual da Casa
do Castro.
[3] Documentos privados de José García Blanco, veciño de Ortoño. Anos 1837 a 1839.
[4] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda,
Documento para a biografía de
Rosalía de Castro: testamento de José Martínez Viojo, en:
“Graal” 146 (2000). 169-178.
[5] O 6 de febreiro de 1846 realízase o seu funeral: Cf. AHDS, Fondo
Parroquial 11523: Libro XV, folio 126 v.
[6] AHUS: Protocolo de 1856 de José Ramón Araujo, folio 57:
Testamento de Segunda Mera
[7] AHDS Fondo Xeral Cartapacio 321.
[8] Ibíd.
No hay comentarios:
Publicar un comentario