martes, 29 de enero de 2013

A liñaxe Martínez - Viojo I


A liñaxe Martínez - Viojo e a Casa do Castro de Ortoño:
novas achegas sobre a suposta familia paterna de Rosalía.
L.V.B.
Estudios Mindonienses, nº28 (2012) 599-634.




1. Introdución

Coincidindo co 175 aniversario do nacemento da escritora e rexurdido o interese polas orixes familiares de Rosalía de Castro, logo do recente descubrimento da primeira noticia escrita sobre a paternidade da escritora[1], cremos interesante achegarnos e descubrir a aínda presunta familia paterna desta: a Martínez Viojo.

É ben coñecido que os pais de Rosalía de Castro foron Teresa de la Cruz de Castro y Abadía e, supostamente, o sacerdote José Martínez Viojo, este natural da parroquia de San Xoán de Ortoño, no concello coruñés de Ames.

Aínda que a partida de bautismo de Rosalía, inscrita no Real Hospital de Santiago con data 24 de febreiro de 1837, sinala aos seus pais como “incógnitos”, a relación de nai e filla, entre Dona Teresa e a escritora é manifesta e está sustentada polos datos bibliográficos e a documentación familiar.  Máis problemas existen, con todo, coa atribución da paternidade de Rosalía a José Martínez Viojo,  pois non existe ningunha proba documental da mesma.

Durante o século XIX tentouse silenciar as orixes da escritora pero, por mor da carta que en 1923 enviou Luís Tobío, descendente dos Martínez  Viojo, ao seu amigo Fermín Bouza-Brey, púxose nome ao posible pai de Rosalía. Esta noticia, de gran transcendencia naquel momento, influíu, entre outros aspectos, para que a fundación do Seminario de Estudos Galegos tivese como sede a Casa do Castro en Ortoño, como lugar rosaliano significativo. Desde entón, aceptouse xeralmente que este sacerdote da Colexiata de Iria Flavia natural de Ortoño, fora o pai de Rosalía, e que esta foi coidada na Casa do Castro polos seus familiares paternos até aproximadamente cumprir os cinco anos de idade, xa que en setembro de 1842 aparece rexistrada xunto á súa nai no Concello de Padrón[2]. Con todo, parece que o que en 1923 xa se esquencera, en vida da escritora era vox populi entre os seus contemporáneos e veciños[3].

Algúns autores defenderon que a hipótese da paternidade do sacerdote Viojo xurdiu dos sobriños deste, os cales, coñecedores daquelas historias que corrían por Padrón e Santiago, atribuíron a paternidade ao seu tío sen ser real[4]. Esta teoría apóiase, sobre todo, en que non era tan raro na fidalguía da época bautizar a fillos concibidos fóra do matrimonio con pais incógnitos e logo lexitimalos. Foi o que sucedeu coa curmá de Rosalía, Josefa Laureana[5], e co seu propio marido, Manuel Murguía, pero o real é que Rosalía quedou sen lexitimar. O rumor da paternidade do capelán, intencionado ou non, se el non fose o pai, poderíase entender conveniente, pois en certo xeito servía como un tabú para escurecer e silenciar este tipo de sucesos.

A nai de Rosalía, Teresa de la Cruz de Castro, era natural do Pazo de Arretén de Santa María de Iria. A súa liñaxe foi estudada por Caamaño Bournacell[6] e comeza no nobre apelido galego Bermúdez de Castro. Bouza-Brey tamén estudou o vínculo do pazo[7];, con todo, aínda hoxe carecemos dun estudo definitivo sobre a xenealoxía do suposto pai da poetisa, tal vez debido á idea de que non representaría unha grande achega. Esta condición, a forma do seu nacemento, os primeiros anos da súa vida e, sobre todo, a ausencia da figura paterna, converteron a Rosalía nunha vagabunda espiritual, perpetuamente insatisfeita, tal como a describiu o profesor Rof Carballo[8].

Procurar aumentar o coñecemento sobre a familia Martínez Viojo, vendo as coherencias ou fundamentos sobre a posible paternidade de José Martínez Viojo, así como determinar a veracidade da tradición que sitúa a Rosalía en Ortoño nos seus primeiros anos de vida,  é o obxectivo da nosa modesta investigación.

Articularemos o noso estudo centrándonos na realidade social da familia de José Martínez Viojo e na súa xenealoxía, a ascendente e, especialmente, a descendente e coetánea a Rosalía, tentando ao mesmo tempo esclarecer un pouco máis os anos de infancia que a escritora puido vivir en Ortoño.



[1] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, 16 de xullo de 1885: primeira mención do Capelán José Martínez como pai de Rosalía en: “Revista de Estudos Rosalianos” 4 (2011) 205-217.
[2] Cf. A. Pociña- A. López, Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra. Santiago de Compostela, Lailovento Ensaio 2000, 23.
[3] Cf. V. Álvarez R. de Ojeda, 16 de xullo de 1885…, a. c. 206.
[4] Cf. X. L. Mendez Ferrín,  Faro de Vigo, 16 de marzo de 2007.
[5] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Sobre as orixes de Rosalía de Castro: a inclusa de Santiago de Compostela e ou caso de Josefa Laureana de Castro, en: “A trabe de ouro” 39 (1999)  325-351.
[6] Cf. J. Caamaño Bournacell, Rosalía en el llanto de su estirpe, Edicións Biosca, Madrid 1968.
[7] Cf. F. Bouza-Brey, El Solar y mayorazgo de “A Arreten”, de los antepasados de Rosalia de Castro, en: Cadernos de Estudos Galegos 15 (1960) 164-190.
[8] Cf. J. Rof Carballo, “Rosalía, ánima galaica”, en: Siete ensayos sobre Rosalía, Vigo, Galaxia 1952. 111-149.

lunes, 24 de diciembre de 2012

Libro de fundacións XLII

1 de febreiro de 1754



Cuadraxésima segunda fundación.

No inverno de 1754, Domingo Martínez veciño da Punxeira, cédelle a Francisco de Gosende, a súa vez veciño da Condomiña un anaco de terreo no paraxe da Tarroeira para que constrúa unha casa. Dóallo ca obriga de unha misa perpetua pola alma del a partir de cando morra.
A Tarroeira era ata aquel momento un monte pertencente a Punxeiras altas. Ó seu carón discorría o camiño real que ía de Santiago a Noia pasando pola ponte da Condomiña. É precisamente por este tempo, a mediados do s. XVIII cando empeza a habitarse.



domingo, 9 de diciembre de 2012

Libro de fundacións XLI


Cuadraxésima primeira fundación



1 de xaneiro de 1747.

Diego Antonio García e a súa muller María Rey, din que antes de agora, D. Carlos Bermúdez de Castro, por un codicilo que fixo a favor dela, cando era criada solteira ó seu servizo compensouna con varios bens.  Entre eles legoulle unha leira de un ferrado chamada “A horta” e unha casa terreña sita nas Punxeiras de arriba. Por todo isto impoñiase unha misa rezada por defuntos.
O tal D. Carlos casara en Ortoño a primeiros do s. XVIII con Dª Melchora González de Solís, veciña da Condomiña. Sen embargo a súa muller morreulle sen descendencia e en 1718 contraeu matrimonio con Dª María Suárez de Figueroa, natural de San Lourenzo de Agrón, precisamente de onde era Diego Antonio García, que veu casar con María Reyna a Ortoño en 1727. María Rey ou Reyna seguramente era unha orfa do Real Hospital de Santiago que se tería criado na parroquia de Ortoño e de moza entrou a servir a esta xente. Deste modo, e aínda antes de casar, D. Carlos déixalle uns bens nos que poder vivir a cambio de unha misa. Misa que por outro lado habíalle facer falla, xa que na década dos 20 do s. XVIII, este era o meriño e xustiza maior das xurisdicións de Altamira e Barcala, nomeado polo conde de Altamira, e fora deposto por goberno deplorable e malversación das contas.


domingo, 2 de diciembre de 2012

Historia do culto a Virxe Peregrina en Bertamiráns V



Comezos do s. XIX.

En 1801 morre D. Benito Piñeiro, o fundador e primeiro propietario da Granxa da Peregrina, como xa tiñamos dito. Dende 1790 fora un grande entusiasta da pequena capela que fundara e dotara na súa casa, e naquel período de tempo sempre pideu novos permisos para o culto nela. A súa dona Dª Cayetana Fernández Cordero, pontevedresa de orixe, mantivo o interese do seu defunto marido a lo menos ó principio.
http://www.turgalicia.es/ficha-recurso?cod_rec=3414&ctre=31
Dª Cayetana herda así ó seu home, na casa de Bertamiráns, e nas propiedades e casas que tiña en Santiago, entre elas unha nas inmediacións da Porta Faxeira. E en Santiago sería onde coñeceu o seu segundo marido, D. José Pedralves. Este era un oficial médico do Rexemento Provincial de Santiago, oriúndo da cidade de Barcelona que cara 1801 contaba con 25 anos de idade. Era fillo de D. Gervasio Brendell de Pedralvez e Dª Theresa Estapez del Mas. Sen embargo habían de pasar varios anos ata que casan en Ortoño en 1807, pero xa desta relación nacera en 1803 un fillo chamado José Leandro, que foi bautizado en Santa Susana sen quedar inscrita a súa partida.
D. Cayetana deixaría preferentemente de vivir en Bertamiráns, por gardar as formas da época. Seguramente o seu sentir fora o de regularizar todas estas cousas, pero o ser unha viúva tiña que manter as formas durante un tempo. Deste xeito atopase casada en 1807 con un neno de catro anos que acaba de lexitimar ó casar ela, pero do que tampouco podía dar a coñecer. Non é si non ata 1818 cando se inscribe a súa partida de bautismo en Ortoño, á que teñen que comparecer testemuñas e disposicións do provisor do arcebispado. É normal que nestes anos se perdera un pouco o interese pola capela da súa casa en Bertamiráns.
Contrasta moito, por exemplo, co caso da prima de Rosalía de Castro, Lauréana que tamén ó nacer seus pais non estaban casados sendo ó pouco tempo lexitimada. Pasoulle o mesmo o marido de Rosalía, Manuel Murguía. Sen embargo non sucedeu o mesmo con Rosalía. José Leandro foi lexitimado os catro anos e regularizado os seus papeis cando tiña 15. É un caso máis deste tipo de situacións dadas nesa época e que xiran en torno a persoaxe de Rosalía, xa que esta familia da Granxa de Bertamiráns tivo certa vinculación ca presunta familia paterna da escritora.

lunes, 19 de noviembre de 2012

Historia do Culto a Virxe Peregrina en Bertamiráns IV


Novas sobre a fundación da capela da Virxe Peregrina, en Bertamiráns.

Velaquí un novo descubrimento sobre a capela da Peregrina, que bota un pouco máis de luz sobre as súas orixes.
Sabiamos que os fundadores desta, e do hoxe denominado pazo da Peregrina, non eran si non outros que D. Benito Piñeiro e Lago e a súa dona D. Cayetana Fernández Cordero, natural da cidade de Pontevedra de onde veu esta devoción.
Cara 1801 morre Benito e a súa dona viúva escribe ó arcebispo de entón, D. Rafael Muzquiz Aldunate, co animo de que lle manteña o culto na súa capela. Esta é a petición:


Excelentismo e Yllustrisimo Señor Arzobispo de esta Diocesis de Santiago.
Excelentisimo Sr.
Dª María Cayetana Fernández Cordero viuda de D. Benito Piñeyro y Lago, vecina de la parroquia de San Juan de Ortoño, con la debida beneración a Vuestra Excelencia expone que el Exmo. Sr. D. F. Sevastian Malvar, concedio el que pudiese celebrarse en una capilla que tiene en su casa de Bertamiráns distante cerca de media legua de la rectoral de la dicha de Ortoño, y separada por un río que en tiempos de invierno se toma el puente frecuentemente impidiendo toda comunicación por cuyos motivos la consintieron gustosos el Sr. cura párroco que fue en aquel entonces y el actual pensando aquel en hacer un anexo en este sitio para el debido socorro espiritual de que carecen en invierno una gran parte de sus feligreses, por la citada causa, por tanto y en atención citan relevantes motivos y no ser la exponente de un natural robusto para sufrir en lo demas del año los soles y las lluvias rendidamente suplica y espera de celo y bondad de Vuestra Excelencia se sirva ratificar la expresada licencia, para poder decir misa en dicha capilla en lo que recivira m. d. de V. Excª.
Su mas atenta servidora María Cayetana Fernández Cordero.

Efectivamente, en 1790, D. Benito Piñeiro doa catro ferrados de renda á Igrexa e pide que se consagre a capela, ca advocación de Nuestra Señora del Refugio, e se diga misa nela. É neste ano cando parece rematarse tanto a casa da granxa da Peregrina como a capela. O arcebispo Malvar dálle facultade o cura párroco para inspecionar a capela, consagrala e dicir nela una soa misa, e todo esto sen menoscabo do dereito parroquial. Naquel tempo o cura párroco non era si non D. Simón Antonio de Lago, o tío de D. Benito e por tanto familia del. Tanto é así, que esta familia compostelán pasaba grandes tempadas residindo co seu tío na reitoral de Ortoño. D. Benito mesmamente estudara para cura co animo de suceder a seu tío en Ortoño, pero co tempo acabou casando.
Esta familia tentou en máis ocasións aumentar as licencias sobre a súa capela. Así en 1793 conseguen que se puidera expoñer o Santísimo Sacramento despois de unha misa solemne, e repetilo ó seguinte ano.
En 1797 morre o seu protector, o párroco de Ortoño, e dous anos despois o seu sucesor  D. Vicente Duran e Varela, mantén unha posición conservadora respecto a esta capela. Da licenza a calquera cura para que diga misa nela os días festivos, pero só para que asistan a ela o propietario, a súa familia, e os seus invitados. Os demais feligreses quedáballes prohibido asistir, xa que non podían faltar á parroquial.
No mesmo ano da morte de Benito, este pide permiso para expoñer na súa capela unha reliquia que ten de San Simón apóstolo, do que posúe certificación dun cardeal de Roma. Ese permiso concedéselle en uns determinados días festivos, pero non sabemos se durante un ano ou máis tempo.
Sen embargo, a carta que lle manda Dª Cayeta

lunes, 5 de noviembre de 2012

Libro de fundaciones XL


Cuadraxésima fundación.

14 de novembro de 1740






Alberta de Lamiño, veciña do lugar de Lapido, había pouco que lle morrera o seu home Pedro Teiga. Este deixaralle os bens que tiña en Laraño, parroquia de onde seguramente procedía, a súa irmán María Teiga pola pensión de unha misa de fundación a San Pedro, ou na súa oitava.

O certo é que aínda que súa irmán María puido levar os bens de seu irmán en Laraño, quen comezou a paga foi a súa cuñada Alberta. Posteriormente entre 1773 e 1791 pagou Agustín de Tembra, veciño seguramente de Lapido, a onde aínda hoxe chegou o tal apelido.

O derradeiro cumpridor desta fundación foi Baltasar Lorenzo, que pagou ata 1827.