De Sisalde non temos moitos datos no s. XVIII. Sabemos, iso si, que ó igual que a gran parte da parroquia os seus veciños foran denunciados a mediados de século por estar ocupando bens do conde de Altamira sen ningún título. Estes bens eran a metade do lugar, xa que a outra metade era propiedade do Cabildo compostelán.
Sen embargo a pesar de non ter chegado a atopar os novos instrumentos respecto a propiedade, sabemos que aló menos os foros do condado foron renovados cara 1757. Os do Cabildo seguramente tamén se renovaran, xa que coincidirían cos que se fixeran para os lugares das Punxeiras, tamén de aquel dominio.
Estas renovacións e aumento de renda foron seguramente as últimas feitas sobre todos aqueles bens. O réxime de foros empezou a caer, na nosa bisbarra cara o segundo terzo do s. XIX, sen ter esperado a lei de desamortización de 1926. De todos os xeitos os bens do Cabildo xa foran desamortizados cara mediados do s. XIX.
Copia de unha redención de un ben de orixe eclesiástico, con motivo das desamortizacións dos bens da Igrexa. |
Sisalde e os seus veciños son un bo exemplo neste eido, habida conta das habilidades mostradas para saír o mellor parados posible de estes procesos.
Polos prorrateos de Sisalde de 1843, o lugar estaba dividido pro indiviso entre os dous dominios, ou aló menos estaba tan partido e mesturado que as mesmas partidas aparecen en ambos repartos de renda, iso si, con unha baremación diferente para cada foro. Os veciños, pedíronlle o perito agrícola que lles confeccionou estes instrumentos, que introducise todas as casas do lugar, cos seus bens anexos, ou sexa, hortas, palletes, cortes, etc, no foro e prorrateo do Cabildo. Deste xeito asegúranse a súa adquisición e liberdade definitiva, xa que os bens eclesiásticos ó ser desamortizados poderíanse redimir como bens propios.
No hay comentarios:
Publicar un comentario