Miguel
Gómez Barreyro.
Tratamos desta volta con un unha persoa que
nos deixou moitos interrogantes na súa vida, dos que iremos dando conta pouco a
pouco.
Naceu no lugar das Cortes, na parroquia de
Ortoño, o día 29 de setembro de 1695, festividade de San Miguel. Coincidiu o
seu nacemento con unha visita de seu tío Juan Gómez Barreyro, que había pouco
que era párroco en Vilariño e Fefiñáns. Foi el mesmo o que o bautizou, sen
saber, si se fixo na mesma casa, por urxencia en caso de morte, ou na igrexa.
De tódolos xeitos a irregularidade tomou forma, e a súa partida de bautismo
quedou sen asentar. A todo esto, Miguel era fillo de Joseph Gómez Barreyro, un
dos rexedores da xurisdicción de Altamira e de Francisca de Castrigo, xentes
das que xa temos falado.
Dos seus primeiros anos e estudios non temos
novas ningunhas. É precisamente en 1724, cando xa lle van facendo falta os
papeis, cando vemos que se abrira un proceso para investigar o seu nacemento e
bautismo, xa que non aparecía nos libros. Entre esta data e 1730, é cando
recibe as ordes sacras. Descubrimos polos expedientes de Sagradas Ordes, que
había tempo marchara da súa terra e se asentara en San Felix de los Gallegos, bispado
de Ciudad Rodrigo, actual provincia de Salamanca. Así cara mediados da década
dos 20 pasa algúns anos nesta pequena vila onde exerce como profesor de nenos.
Sabemos polo seu testamento que incluso é cofrade penitenciario na cofradia de
Roque Amador daquela vila. Parece ser que ó cabo de tres ou catro anos volta a
súa terra e a Santiago e ordease, chegando a ordearse de prima tonsura cara
1730.
Foto:http://esphoto500x500.mnstatic.com/san-felices-de-los-gallegos-arribes-del-duero_513126.jpg Vista da praza de San Felices de los Gallegos. |
É precisamente neste ano cando temos xa máis
novas del. Daquela presenta ante o provisor de Santiago a escritura de
fundación da capela do Santo Anxo que fundara en 1708 seu tío cura. Nunca antes
fora presentada, o que nos indica que nin se erixira nin houbera ningún
capelán. Os papeis parecían estar ben e o provisor D. Antonio Fernández de
Traba, Arcediano de Olmedo, aproba a capela e noméao capelán. Así que dende
aquel momento foi o patrón de unha fundación de bens en Ortoño e en Vilariño e
Corbillón, parroquias do actual concello de Cambados, que o catapultou a unha
posición moi desafogada durante toda a súa vida.
Non o sabemos, pero quizais esta posición
tamén contribuíse a que o seu caracter e a súa relación ca súa familia e máis
veciños fose distante e quizais salpicada de certa soberbia, como iremos
contando.
Dende 1730 ata 1738 non presenta copia da
escritura de fundación na parroquia. Ata ese momento tiña que pagarlle a outro
cura para facer dicir as catro misas anuais, xa que aínda non era sacerdote.
Despois ata poucos anos antes da súa morte non temos máis novas del que nos
indicasen mais datos biográficos. Sen embargo, por varias escrituras daquel
período sabemos que tiña casa en Ortoño e tamén en Corbillón. En Ortoño vivía
xunto con unha sobriña chamada Antonia Díaz, viúva de Andrés da Vila e Andrade
escriban, e veciños de Lapido. En Corbillón vivía cos descendentes da sobriña
de seu tío Juan Gómez Barreyro, filla do irmán deste casado en San Cristovo de
Reis. Xentes estas das que se perdeu toda relación no s. XIX.
O caso é que sempre debeu ser moi independente
e non lle importaron moito os seus familiares. Abandonou o sentir de seu tío de
favorecer o solar primitivo, e mellorou a sobriños que saíron del, deixando ós
da casa matriz un pouco de lado. Tampouco lle importou deixar en suspense
herdanzas que dependían del durante décadas e crear problemas cos seus mesmos
sobriños. En 1769 acaba por amañar estes asuntos con Francisco García, seu sobriño
do Instrumento, despois de que el o denunciara en varias ocasións ante o xuíz
eclesiástico de Santiago, por terse apropiado das lexitimas das súas irmáns
defuntas. Daquela chegan a acordo, pero obriga por escrito ó sobriño a pedirlle
perdón polas formas empregadas. Crea incluso problemas futuros, ó dividir e
extraer da casa primitiva o padroado da fundación e darllo o descendente da
irmán máis vella. Este chamado Antonio Míguez, vivía a poucos metros da casa
que fora dos seus bisavós e debería cohabitar co capelán que sería seu primo D.
Pablo Martelo, o cal loitou xudicialmente para devolver e rexuntar todo o que
seu tío dispersara entre os seus múltiples familiares.
A súa posición económica permitiulle vivir
mellor que un párroco. Como contaba con liquidez suficiente adicouse, ademais
de a asistir a funerais pola bisbarra, a exercer de prestamista ou banqueiro a
todo aquel que necesitase un real. Deste xeito tiña un libro de asento no que
había xentes non soamente de Ortoño e as parroquias veciñas se non de outras
máis lonxanas como San Miguel da Costa, no actual concello de Rois ou en Santa
María de Ordoeste, no da Baña. Non creemos que el se movera tanto polo
territorio, se non que eran os seus deudores os que quizais a través das feiras
ou de outros eventos daban con el, e con outros coma el.
Así debeu trascurrir a súa vida, entre cobrar rendas
e empréstitos e enterrar defuntos. Morre o 12 de xaneiro de 1777, activándose
daquela todas as mandas testamentarias que fixera en 1771. O seu testamento é
un prototipo singular do s. XVIII en Galicia e máis concretamente na Maía do
cal daremos conta noutra entrada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario