martes, 29 de enero de 2013

A liñaxe Martínez - Viojo I


A liñaxe Martínez - Viojo e a Casa do Castro de Ortoño:
novas achegas sobre a suposta familia paterna de Rosalía.
L.V.B.
Estudios Mindonienses, nº28 (2012) 599-634.




1. Introdución

Coincidindo co 175 aniversario do nacemento da escritora e rexurdido o interese polas orixes familiares de Rosalía de Castro, logo do recente descubrimento da primeira noticia escrita sobre a paternidade da escritora[1], cremos interesante achegarnos e descubrir a aínda presunta familia paterna desta: a Martínez Viojo.

É ben coñecido que os pais de Rosalía de Castro foron Teresa de la Cruz de Castro y Abadía e, supostamente, o sacerdote José Martínez Viojo, este natural da parroquia de San Xoán de Ortoño, no concello coruñés de Ames.

Aínda que a partida de bautismo de Rosalía, inscrita no Real Hospital de Santiago con data 24 de febreiro de 1837, sinala aos seus pais como “incógnitos”, a relación de nai e filla, entre Dona Teresa e a escritora é manifesta e está sustentada polos datos bibliográficos e a documentación familiar.  Máis problemas existen, con todo, coa atribución da paternidade de Rosalía a José Martínez Viojo,  pois non existe ningunha proba documental da mesma.

Durante o século XIX tentouse silenciar as orixes da escritora pero, por mor da carta que en 1923 enviou Luís Tobío, descendente dos Martínez  Viojo, ao seu amigo Fermín Bouza-Brey, púxose nome ao posible pai de Rosalía. Esta noticia, de gran transcendencia naquel momento, influíu, entre outros aspectos, para que a fundación do Seminario de Estudos Galegos tivese como sede a Casa do Castro en Ortoño, como lugar rosaliano significativo. Desde entón, aceptouse xeralmente que este sacerdote da Colexiata de Iria Flavia natural de Ortoño, fora o pai de Rosalía, e que esta foi coidada na Casa do Castro polos seus familiares paternos até aproximadamente cumprir os cinco anos de idade, xa que en setembro de 1842 aparece rexistrada xunto á súa nai no Concello de Padrón[2]. Con todo, parece que o que en 1923 xa se esquencera, en vida da escritora era vox populi entre os seus contemporáneos e veciños[3].

Algúns autores defenderon que a hipótese da paternidade do sacerdote Viojo xurdiu dos sobriños deste, os cales, coñecedores daquelas historias que corrían por Padrón e Santiago, atribuíron a paternidade ao seu tío sen ser real[4]. Esta teoría apóiase, sobre todo, en que non era tan raro na fidalguía da época bautizar a fillos concibidos fóra do matrimonio con pais incógnitos e logo lexitimalos. Foi o que sucedeu coa curmá de Rosalía, Josefa Laureana[5], e co seu propio marido, Manuel Murguía, pero o real é que Rosalía quedou sen lexitimar. O rumor da paternidade do capelán, intencionado ou non, se el non fose o pai, poderíase entender conveniente, pois en certo xeito servía como un tabú para escurecer e silenciar este tipo de sucesos.

A nai de Rosalía, Teresa de la Cruz de Castro, era natural do Pazo de Arretén de Santa María de Iria. A súa liñaxe foi estudada por Caamaño Bournacell[6] e comeza no nobre apelido galego Bermúdez de Castro. Bouza-Brey tamén estudou o vínculo do pazo[7];, con todo, aínda hoxe carecemos dun estudo definitivo sobre a xenealoxía do suposto pai da poetisa, tal vez debido á idea de que non representaría unha grande achega. Esta condición, a forma do seu nacemento, os primeiros anos da súa vida e, sobre todo, a ausencia da figura paterna, converteron a Rosalía nunha vagabunda espiritual, perpetuamente insatisfeita, tal como a describiu o profesor Rof Carballo[8].

Procurar aumentar o coñecemento sobre a familia Martínez Viojo, vendo as coherencias ou fundamentos sobre a posible paternidade de José Martínez Viojo, así como determinar a veracidade da tradición que sitúa a Rosalía en Ortoño nos seus primeiros anos de vida,  é o obxectivo da nosa modesta investigación.

Articularemos o noso estudo centrándonos na realidade social da familia de José Martínez Viojo e na súa xenealoxía, a ascendente e, especialmente, a descendente e coetánea a Rosalía, tentando ao mesmo tempo esclarecer un pouco máis os anos de infancia que a escritora puido vivir en Ortoño.



[1] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, 16 de xullo de 1885: primeira mención do Capelán José Martínez como pai de Rosalía en: “Revista de Estudos Rosalianos” 4 (2011) 205-217.
[2] Cf. A. Pociña- A. López, Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra. Santiago de Compostela, Lailovento Ensaio 2000, 23.
[3] Cf. V. Álvarez R. de Ojeda, 16 de xullo de 1885…, a. c. 206.
[4] Cf. X. L. Mendez Ferrín,  Faro de Vigo, 16 de marzo de 2007.
[5] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Sobre as orixes de Rosalía de Castro: a inclusa de Santiago de Compostela e ou caso de Josefa Laureana de Castro, en: “A trabe de ouro” 39 (1999)  325-351.
[6] Cf. J. Caamaño Bournacell, Rosalía en el llanto de su estirpe, Edicións Biosca, Madrid 1968.
[7] Cf. F. Bouza-Brey, El Solar y mayorazgo de “A Arreten”, de los antepasados de Rosalia de Castro, en: Cadernos de Estudos Galegos 15 (1960) 164-190.
[8] Cf. J. Rof Carballo, Rosalía, ánima galaica”, en: Siete ensayos sobre Rosalía, Vigo, Galaxia 1952. 111-149.

No hay comentarios:

Publicar un comentario