2. Os antepasados paternos de José Martínez Viojo
Feitos
coñecidos con certeza son que José Martínez Viojo naceu na denominada Casa do
Castro sita en Ortoño (Ames), e que recibiu o bautismo
o día 7 de febreiro de 1798 na igrexa parroquial de San Xoán[1].
Como
xa apuntamos, Luís Tobío, descendente desta familia, en carta datada en 1923 e
dirixida ao seu amigo F. Bouza-Brey[2],
afirmaba que o pai daquel, Miguel Martínez (suposto avó paterno de Rosalía),
era coñecido por Migueliño o muiñeiro,
por ter uns muíños no río Sar, no lugar de Lapido, freguesía de Ortoño, onde moía no verán cando
os outros muíños veciños xa non o facían. Ao parecer tiña un tío que era
comendador da Orde da Mercé, no convento compostelán de Conxo, o cal tentou introducilo na carreira eclesiástica pero, ao final, Miguel abandonou aqueles
estudos.
Ao
non prosperar a súa carreira eclesiástica, a saída máis oportuna naqueles
tempos era o matrimonio. E así o debeu entender a familia, xa que seguramente
buscaron unha persoa idónea para el, que resultou ser unha parente próxima,
Manuela Viojo, coa que gardaba un 2º con 3º e un 3º con 4º graos de
consanguinidade, a teor da partida de matrimonio, que se celebrou o 31 de maio
de 1791[3].
O matrimonio entre parentes tan próximos era algo moi común na época. Manuela
era natural do lugar de Punxeiras Altas, e Miguel do lugar de Lapido, ambos
próximos e pertencentes a Ortoño. Os ascendentes do pai de Manuela, Vicente
Viojo, procedían do lugar de Chave de Ponte, pertencente á freguesía de San Xulián
de Bastavales, hoxe concello
de Brión, e pola parte da súa nai, Vicenta Vidal, eran de Punxeiras Altas[4].
Os pais de Miguel foron Alonso Martínez
e Manuela de Orta, veciños de Lapido. Alonso era natural do lugar de Framán, na
veciña parroquia de San Pedro de Bugallido e a súa muller, Manuela, do lugar de
Lapido[5].
O
segundo con terceiro grao de consanguinidade no matrimonio Martínez-Viojo
explícase ao ser Miguel Martínez e Manuela Viojo, neto e bisneta,
respectivamente, de Domingo Martínez, de
Framán (lugar da parroquia de San Pedro de Bugallido). O terceiro co cuarto proviría
, por seren, respectivamente,
bisneto e tataraneta do matrimonio de Lapido, Juan de Orta e María de Cruces.
Remontándose no tempo, esta familia ten aínda máis vínculos entre si e todos
provenientes dun mesmo tronco: o dos González da Condomiña, antepasados e
primeiros posuidores posibles da paraxe do Castro.
Así,
María Pérez, unha das supostas tataravoas paternas de Rosalía, probablemente
fose unha das fillas de Alonso Pérez de Lapido e España, e da súa muller
Dominga González de Solís, mencionados en dúas informacións[6].
Dominga proviría do lugar da Condomiña e da familia dos González[7],
vinculados a ese lugar desde mediados do século XVI[8].
Todos serían membros dunha extensa familia asentada nesta parte da xurisdición
da Maía, que ascenderían na escala social desde o século XVI ao XVIII, pasando
de labradores a comerciantes acomodados até, finalmente, vincularse coa
fidalguía da zona.
Descubrimos
nesta familia vínculos que os ligan con insospeitados personaxes. Cara a principios
do século XVII o matrimonio formado por Gregorio González da Condomiña e
Catalina Xuarez Ortiz, veciños da Condomiña e próximos ao Castro na mesma
parroquia, ten varios fillos casados á súa vez con persoas relevantes no status
social da época[9].
Destacan dous: unha filla chamada Isabel casada co capitán Rodrigo de Breyxo,
pais do capitán Francisco de Breyxo que sería rexedor da cidade da Coruña[10];
e outra chamada Magdalena, que casaría con Antonio de Ruanova y
España, pertencente á familia dos España. Este matrimonio, que posuíu gran
porción de bens na parroquia de Ortoño, asentouse na lindeira freguesía de San
Salvador de Bastavales sendo os seus descendentes os mMarqueses
de Leis[11].
Respecto
ao apelido Martínez, tamén se revela ben situado na escala social da época.
Parece que ten a súa orixe nos lugares de Framán e Eirapedriña da veciña
parroquia de Bugallido (Ames). Membros da súa familia, como Domingo Martínez de
Eirapedriña, emparentaron, a finais
do século XVII, coa do notario de número da
xurisdición, ao casar con Maria Freire de Castro[12],
natural de Santa María dos Anxos (Brión). O fillo dun primo do pai de José
Martinez Viojo, Blas Martínez, casado no lugar de Cortes da mesma parroquia de
Ortoño, contraería matrimonio cunha filla do
meiriño e xustiza da xurisdición de Altamira e Barcala, María de Ponte y
Andrade, natural de Santa María de Portor (véxase
cadro 1). Tamén hai indicios da súa relación coa familia dos Lago, que tivo a súa orixe en Santa María dos Ánxeles, e á que pertenceron varios cóengos de
Santiago[13].
O propio
Alonso Martínez, avó paterno de José Martínez Viojo, aparece ben situado na
documentación conservada. Na renovación dos foros da Condomiña e As Punxeiras,
é consignado xunto a Ygnacia Bermúdez de Castro, descendente dos González da
Condomiña, e o mesmo noméase cabezaleiro[14]
xunto co seu irmán Domingo e o seu consogro Miguel Vidal. O seu fillo Miguel
mantén o status da familia. Localizámolo, por exemplo, na protesta que fixeron
os veciños da xurisdición da Maía o 24 de marzo de 1810 ao “Señor gobernador
político e militar da cidade de Santiago”, pola condución de leña e cepos a
Santiago, no contexto da guerra da independencia[15].
Ambos aparecen noutras escrituras como testemuñas cualificadas, dando a
entender que pola súa ascendencia e posición eran considerados “homes bos”.
En
canto ás relacións coa Igrexa, esta familia dos Martínez da Casa do Castro de
Ortoño, tiveron certa vinculación coa Orde da Mercé. Tiña Miguel un primo
natural das Punxeiras profeso en Conxo, chamado Frei Vicente Martínez, quizais
o comendador do que falaba Tobiío, fillo
de Domingo Martínez e Andrea Pérez, tíos de Miguel, e veciños daquel lugar.
Esta relación non só se concentra nesta familia dos Martínez, tanto en Lapido,
comao na liña
dos tíos das Punxeiras, senón que en Ortoño existen vínculos importantes co convento
de Conxo . Na parroquia de Ortoño
posiblemente tivese propiedades, e existen varias persoas pertencentes á súa
Orde Terceira, e algún que outro veciño profesou a orde, por exemplo Frei
Domingo de San Ramón Otero, tamén das Punxeiras que, en 1770, estaba no
convento madrileño de Nª Sª da Mercé de Descalzos[16].
Había tamén máis persoas pertencentes a outras ordes terceiras como a
franciscana. Así, Juan Pérez de Lapido, irmán da bisavoa de José Martínez Viojo,
figura no ano 1708 como membro da fraternidade de San Francisco[17].
[1] AHDS: Fondo Parroquial,
11523; Libro
VIN de Bautizados de San Juan de Ortoño,
folio 2v.
[2] Cf. La Voz de Galicia, 18-VII-1985, 32.
[3] Cf. AHDS, Fondo Parroquial, 11523 Libro
XI de Casados de San Juan de Ortoño, folio 15v.
[4] Ibíd., Folio 84v.
[5] Ibíd., Folio 1v
[6] Cf. AHUS, Arquivo Municipal de
Santiago. Cartapacio 513. Letra P nº 8: Carlos Melchor Pérez de Lapido, ano
1732. Tamén nº 24: D José Pérez de Lapido e España, ano 1764.
[7] AHUS, Protocolo de Domingo Antonio Sánchez, 1757, folio 133: “Foro del
Cabildo del lugar de Condomiña” mic. 422.
[8] ARG, Fondo:
Preitos da Real Audiencia, Cartapacio
435/39: “El cabildo de la catedral de Santº y su tenenciero
de la Condomiña, con Gregº Gonzalez y consortes, sobre reinvidicación del lugar
de la Condomiña.” 1631. Tamén: Arquivo Histórico Universitario de Santiago,
(a partir de agora citarémolo coas siglas AHUS), Protocolo de Domingo Sánchez de Andrade, fº 90 ano 1681,
“Concordia”.
[9] AHDS, Fondo: Parroquias, Cartapacio
11523. Libro
III de Administración: Libro de Fundacións nº 24. Noticia de varias misas impuestas en el
testamento del 13 de marzo de 1633 de Gregorio González da Condomiña.
[10] Ibíd., nº 7. Noticia dunha misa de fundación do capitán Francisco
Breixo y Aldao.
[11] Cf. J. S. Crespo do Pozo, Brasóns e Liñaxes de Galicia, Bilbao,
1982. Tomo II, 156 ss. Exceptuando algúns erros, relata na “Linea dos Marqueses
de Leis e antecesores dos mesmos” dentro do apelido España, como unha neta do
Antonio Ruanova e España e Magdalena Ortiz casou con
Esteban Romeu de Leis da Casa de Barro, e que á súa vez unha filla destes,
Juana Romeu de Leis e España casaría co nobre pontevedrés Pedro Gago e Mendoza,
sendo os pais de José Bernardo Gago
Romeu de Leis, primeiro marqués de
Leis.
[12] Cf. AHUS, Protocolo de Domingo Sánchez de Andrade, ano 1678, folio 103: “Carta de pago de Mathias Freire ssnº q dio a Antº
Gz de Guitian”. Idem ano 1677, folio 149: “Arriendo de Antº Gónzalez de Guitian a Domº Martínez”.
[13] Cf. ACS Cartapacio 747. Tomo XVIII, nº 1 “Información de D. Pedro de Mahía
e Lago, ano 1703. Idem: Cartapacio 767. Tomo XXXVII, nº 5: “Información de D.
Juan Torrado Mariño, ano 1695.
[14] Cf. AHUS, Protocolo de Domingo
Antonio Sánchez, fº 122 e ss., ano 1757 “Foros
del Cabildo”.
[15] Documentación privada de María del Carmen Vilacoba Capeáns, veciña do
lugar de Punxeiras Altas en Ortoño.
[16] Ibíd.
[17] Cf. AHUS. AMS. Cartapacio 918, nº 1: Padrón
calle-hita de 1708.
No hay comentarios:
Publicar un comentario