domingo, 19 de mayo de 2013

A linaxe Martínez-Vioxo VIII


8. María Francisca Martínez, a madriña de Rosalía

Determinante foi Francisca Martínez, criada de Dona Teresa, e madriña de Rosalía. Ela foi quen levou a Rosalía, recentemente nada, acompañando ao médico ao Real Hospital, onde ás 3 da mañá do día 24 de febreiro de 1837 foi bautizada, e tamén lla levou sen deixala na inclusa. Primeiros datos biográficos que podemos ter por absolutamente certos.

Algúns biógrafos de Rosalía divagaran sobre a posibilidade de que esta persoa fose familiar de José Martínez Viojo, e que actuase baixo as súas indicacións, aínda que xa Caamaño Bournacell non o considerase como plausible [1]. Sen embargo, aínda que na partida de bautismo de Rosalía, apúntase como orixinaria de San Xoán do Campo, isto nunca foi obstáculo para unha posible familiaridade co capelán.

Outros antes de agora, foran procurar a súa partida de bautismo, pero non compararon os seus ascendentes cos do sacerdote de Ortoño [2]: A partida de bautismo pódese ver que foi consultada con anterioridade porque aparecen reflectidas opinións sobre o tema.

Hai que resaltar que aínda que non se reflicta explicitamente, practicamente faino, consígnase que María Francisca, aínda tendo marido a súa nai, Dominga Martínez, é filla de pai incógnito, xa que Payo de Castro estaba ausente varios anos, o mesmo apelido Martínez confírmao. Non deixamos de sinalar o paradóxico da situación se a tal María Francisca levase os apelidos da súa nai e marido: Castro e Martínez, o cal tería confundido máis aínda aos primeiros investigadores. Pero unha pequena investigación dos seus ascendentes acláranos a súa relación cos Martínez Viojo.

Así, os avós de María Francisca eran Pedro Martínez e María Sixirey veciños do lugar de Viaño Grande na mesma parroquia, e Pedro, o seu avó materno, fillo de Andrés Martínez e Antonia da Fonte da freguesía do Campo. Os pais da súa avoa eran Marcos Sixirey e Antonia de la Iglesia, veciños de Santa María de Morlán, Trazo[3].

Desta forma queda descartada definitivamente a relación de familiaridade, polo menos próxima, entre María Francisca Martínez e o capelán José Martínez Viojo, posibilidade que sempre pareceu plausible a pesar de que os seus lugares de orixe permanecían distantes.

Descoñecemos a data en que María Francisca entrou a servir na casa do Castro. Posiblemente chegase das terras de Ordes moi nova, como moitas outras persoas, que emigraban das zonas de interior aos vales en busca de oportunidades, e obrigadas polas penurias económicas. É de ter en conta, que a mesma condición de ser filla de pai incógnito, do mesmo xeito que a súa afillada, filla da señorita da casa onde servía, debérona unir aínda máis se cabe a Rosalía e á súa nai; non é por iso estraño que as serviu toda a súa vida, primeiro a Dona Teresa e despois á súa filla.

Como pode deducirse da súa partida de bautismo, é identifincada como ama de cría de Rosalía,  e quizais esta hipótese sexa tamén a de Fermín Bouza-Brey, que anunciou a publicación dunha biografía da madriña da poetisa, aínda que nunca viu a luz. De todos os xeitos, María Francisca Martínez convértese nunha das persoas clave da vida de Rosalía.



[1]           Obra citada.
[2]           Cf. AHDS, Fondo Parroquial 10608, Libro II de partidas Sacramentais de San Xoán do Campo, folio 75r: En trece de septiembre de este año de mil ochocientos y cinco; yo D. Benito Castelo Presbítero, con licencia expresa de D. Cayetano Castelo cura párroco de esta frª de S Juan del Campo y su unido San Xptobal de Liobalde, bautize solemnemente a una niña que es notorio haber dado a luz Dominga Martínez, habitante en el lugar do Raindo de dicha frª de Campo, mujer propia de Payo de Castro, ausente hay algunos años, destinado a la Villa del Ferrol; hijo de Francisco de Castro, vecino de Santiago de Nomide; y de su muger; y la referida Dominga hija de Pedro Martínez y María Sixirey su mujer, vecinos del lugar de Viaño Grande de esta nominada frª del Campo; según que con la propia niña presento Francisco Miramontes y Dominga Domínguez, mujer de Antonio Viqueira también de esta parroquia de Campo para ser padrinos que como efecto lo han sido; y se le puso de nombre /(folio 75v) María Francisca; advertí a los dichos padrinos lo dispuesto por el Ritual Romano; y se advierte que este bautismo lo hice yo D. Cayetano Castelo como tal cura; y no el D. Benito, y el haberse puesto así fue equivocación; ut supra = Cayetano Castelo (Rubricado)(á marxe esquerda): Lugar de Raindo, María Francisca hija de Dominga Martínez, mujer de Payo de Castro. (á marxe dereita, escrito con bolígrafo vermello): Madrina de Rosalía de Castro y cuidadora de la misma durante la infancia y probablemente ama de cría o madre de leche de la Poetisa Rosalía de Castro.
[3]           Pódese reconstruír moi ben a xenealoxía da madriña de Rosalía a través das partidas de bautismo dos seus tíos: Cf. AHDS, Fondo Parroquial 10608 Libro II de Bautismos de San Xoán do Campo, Folios: 3r, 9v, 13v, 16r, 25r, 32r.

No hay comentarios:

Publicar un comentario