viernes, 7 de junio de 2013

A linaxe Martínez-Vioxo IX

9. Rosalía e a Casa do Castro de Ortoño

A versión tradicional dada por Luís Tobío, é que o capelán Don José decatouse dos plans de Dona Teresa e impediu que a súa presunta filla ingresase na inclusa. Existía unha tradición en Ortoño, na cal se afirma que foi o propio José Martínez, quen trouxo a Rosalía á Casa do Castro, debaixo da súa sotana para que a criasen as súas irmás. De todos os xeitos, Don José non podería facer moito sen o coñecemento e o acordo con Dona Teresa, xa que foi a criada desta, María Francisca Martínez, a que conduciu á nena ao Hospital Real, e logo levouna con sigo. Parece probable, como apunta V. Álvarez Ruíz de Ojeda, que houbo unha participación conxunta entre os pais, se non só da nai[1].

Tradicionalmente veuse aceptando que Rosalía foi criada polas irmás de Don José: María Josefa e Teresa, na Casa do Castro. Con todo mostramos, do mesmo xeito que o fai a carta de Luís Tobio, que non son elas quen viven no Castro, senón o seu irmán Antonio, casado con Segunda Mera[2]. Na mencionada carta fálase de que José Martínez Viojo trouxo a Rosalía a Ortoño e a ”entrego a la mujer de un tal Lesteiro, sastre en Ortoño”, quen a aleitou e criou pasando, di, posteriormente á Casa do Castro.

Indagando nos libros sacramentais da parroquia, e grazas tamén á memoria da tradición popular, atopamos a localización desta familia. Efectivamente existiu un xastre chamado Manuel Lesteiro que habitaba na paraxe chamada Seoane, hoxe topónimo xa desaparecido. Este lugar corresponde ao conxunto de casa s do lugar de O Santo, que están na contorna do cruceiro situado á beira do actual campo da festa de Ortoño. Manuel Lesteiro estaba casado con María Mariño, natural do próximo lugar de Maguxe e era irmá de José Mariño, o marido de Teresa Martínez Viojo. Deste xeito, faise patente a relación de familiaridade do matrimonio Lesteiro co Martínez Viojo.

No tempo do nacemento de Rosalía, había na casa do xastre un neno de pouca idade lactante. Na Casa do Castro, o sobriño do capelán máis novo, de nome Santiago, que xa contaba con dous anos e medio, seguramente xa deixaría a lactación. O primeiro fillo da familia Lesteiro-Mariño foi unha nena que naceu en agosto de 1835, de nome Segunda e afillada de Segunda Mera[3]. Esta nena tiña un ano e medio cando nace Rosalía, a cal podería ser a súa irmá de leite. Ao ano seguinte nace o seu segundo fillo chamado José, o que contribúe a alargar a lactación[4]. Este morre en 1840, cando contaba dous anos de idade[5].

Se Rosalía permaneceu en Ortoño durante o período de lactación, iso sería durante un breve espazo de tempo. O máis plausible é que se reunise desde a máis tenra infancia coa súa nai en Padrón, corroborando así as conclusións das investigacións de Andrés Pociña e Andrea López[6].



[1] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, en: Anxo Angueira , Rosalia 21, Duás achegas bibliográficas. Vigo, Xerais 2009. 17-24.
[2] Cf. Nota 10. En realidade Luís Tobio di: “vivía Carmen Martínez sobrina del capellán casada con tal Castiñeiras, dato achegado pola súa tía Minia Tubio, que resulta erróneo cronoloxicamente, xa que a tal Carmen non casaría até 1848.
[3] Cf. AHDS, Fondo Parroquial 11523 Libro VII, folio 65r.
[4] En 13 de abril de 1838. Cf. Ibíd. Libro VII 83v.
[5] O 20 de setembro de 1840.Cf. Ibíd. Libro XV f 105r.
[6] Cf. A. Pociña- A. López, Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra. Santiago de Compostela, Lailovento Ensaio 2000, 23.

No hay comentarios:

Publicar un comentario