viernes, 25 de junio de 2010

Medidas de capacidade e superficie antigas


A medida de capacidade por antonomasia, non só da nosa comarca, se non de Galicia é e foi o ferrado.
Esta unidade como xa indicamos en outra entrada, víñase materializada na caixa de madeira de castaño, con forma de trapecio, que contiña pouco máis de 16 litros de capacidade, e ca que media o grao das rendas. Este volume de grao de centeo, ou de pan como se chamaba nos foros, tamén se empregaba para definir outra magnitude: a superficie.
Un ferrado, era a area na que se sementaba un ferrado de grao de centeo. Así, un ferrado na nosa bisbarra era aproximadamente 630 m2. O ferrado tiña os seus múltiplos que o eran entre outros a rapada que equivalía a tres ferrados. A rapada foi moi empregada no s. XVI e despois deixouse de empregar. A oitava foino sobre todo no s. XV e eran catro ferrados. O maior múltiplo foino a carga que viñan a ser 12 ferrados. Parece que se debía corresponder ó que un carro podería transportar, xa que os documentos antigos falan de cargas de moitas cousas, incluso de determinados peixes nos portos de mar.
A metade de una carga era una anega, e ámbalas dúas medidas a finais do s. XVI estaban igualadas cas que se tiñan de referencia na cidade de Avila. O ferrado tamén tiña divisores. O máis coñecido deles, empregado ata hoxe é o cuartillo, que ven sendo a vintecatroava parte, uns 26,26 m2. En outras comarcas de Galicia empregase tamén a cunca que é a doceava parte, ou sexa dúas veces o cuartillo.
Pero antigamente aínda había outro divisor, que quizais fose tido por unidade en algún tempo, referímonos a millaria. Temos constancia de esta unidade polas dereituras eclesiásticas aparecidas nos apeos do s. XVI, como as catro millarias que tiña a igrexa de Ortoño no lugar de Ortoño na cortiña do Loureiro, que viñan sendo un ferrado. Deducimos que a millaria era a cuarta parte do ferrado.


Podedes ver outras medidas de capacidade, superficie e outras magnitudes na seguinte paxina.

No hay comentarios:

Publicar un comentario