A etimoloxía desta verba ven do latín, no que taberna, tiña un senso máis amplo, xa que significaba tenda de calquera cousa. Nas linguas romances como as da península veu a ser sinónimo de establecemento onde se vende e consumen bebidas alcohólicas, sobre todo viño. Hoxe tabernas hai moitas. Con distintos nomes, pero que corresponden o mesmo establecemento. A súa ubicación é importante para que teña éxito, xa que debe estar preto de onde pase a xente.
E precisamente esta calidade da taberna, é a que a nos resulta útil para definir mellor os vellos camiños. Hoxe en día proliferan os bares e cafeterías, herdeiros das vellas tabernas, en areas densamente poboadas, como as vilas e as cidades. Sen embargo no pasado, quitando a cidade de Santiago, e outras vilas, as tabernas eran escasas e debían posicionarse en determinados lugares para de este xeito atraer ó maior número de persoas, sobre todo ó termos comprobado que non eran negocios moi boiantes.
Foto: http://www.oronoz.com/album/show-midres.php?referencia=070104.jpg |
A mellor ubicación era o pe dun camiño. Mellor canto máis transitado fose, e mellor aínda si se dispoñía nun cruce con outro ou outros camiños.
Nas historias das gavillas vimos como existían tabernas no Espiño e na Escravitude, na parroquia de Santa María de Cruces. Soamente estas dúas xa describían o camiño de Santiago a Padrón. Do mesmo xeito outras fóronse posicionando o longo dos distintos camiños, o cal nos deixaron a través da documentación, pistas para seguilos.
Xa en 1830 encontramos a taberna do Santo en Ortoño, cando falabamos do asalto que sufrira por parte dun grupo de bandoleiros. Esa, ou outra, é mencionada case 80 anos antes no catastro do Marques da Ensenada, soamente co nome de Vistalegre. Este topónimo, hoxe perdido, referíase a parte do Santo, que esta no alto do cruce, xa que dende alí hai unha boa vista do val. A mediados do s. XVIII tiña Ortoño, ademais desta taberna, a da Condomiña e a de Cantalarrana.
A da Condomiña estaba rexentada por D. Manuel Suárez, marido de Dª Ygnacia Bermúdez, matrimonio que non tivo descendencia pero si afillados na casa do Castro de Ortoño. Eran descendentes dos González da Condomiña do s. XVI e XVII, dos que xa temos falado no libro de fundacións. Posiblemente fose o seu o mellor establecemento, xa que estaba o carón do camiño real de Santiago a Noia, e tamén preto dunha ramificación deste cara o sur, cara as Cortes, Sisalde, Chave, que despois seguía cara Ribasar e Padrón, e que tiña paso obrigado pola ponte da Condomiña cara o Norte do val.
A de Cantalarrana era rexentada por Jacinta de Ortas, veciña da parroquia de Ortoño, que en 1751 contraera matrimonio con Manuel Antonio Brandoñas, un santiagués que chegou a ser escriban de número da xurisdición da Maía. Os pais deste eran Roque Brandoñas, oriúndo de Viceso, e Mariana Coinago natural de San Salvador de Soutomaior xa no bispado de Tui. Descoñecendo as súas orixes, parece que foi unha familia que logrou ascenso social e económico no seu tempo. A súa taberna, estaba a saída do camiño real en dirección a Bastavales, outra ruta que tamén tiña como destino a vila de Padrón.
Da do Santo ou Vistalegre, sabemos que era rexentada en 1752 por Antonia Díaz, aínda que no s. XIX o apelido do taberneiro mudara en Fernández.
Estas tres tabernas, describen pola súa ubicación, o antigo camiño real a Noia.
Había outras tabernas que continuaban, o que semellaba unha vía ben transitada. Ó entrar nos Ánxeles xa había outra no Tremo, e de alí o camiño continuaba cara os Alqueidóns, pasando pola fonte de San Antonio. Neste lugar había outra e outra tamén no Carregal, na mesma parroquia.
Por Bastavales, seguindo a vía que partiría de Cantalarrana, e a que se unirían outros camiños, había dúas tabernas, a de Babenzo e outra en un paraxe chamado Vento, do que non temos hoxe novas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario