viernes, 4 de diciembre de 2009

Rectificación a Castrigo I

Como se expoñía na entrada a Castrigo II, onde se explicaban os seus limites, non tiñamos encontrado documentación sobre a demarcación precisa do lugar de Castrigo, debido a que nel entraban moitos dominios no lugar, e cada un emitiu documentación soamente dos seus bens.
Sen embargo, puidemos achegarnos un pouco máis neste eido a través doutro lugar que linda con Castrigo e que si ten os seus límites perfectamente marcados, aló menos contra Castrigo. Este é o lugar de Casal ou Casaliño que limita con Castrigo con un muro, segundo nos teñen contado varias persoas de Castrigo e Pedregal.

De este xeito o mapa de Castrigo que se mostraba na primeira entrada do lugar quedaría así:


Indo o muro divisorio dende o final de Goluras ou Golura, en diagonal cara o suroeste, deixando a Debesa de abaixo, a Cotaneira, o Noval de Gróns, o Agro de dentro, e o Noval do Río, dentro do lugar de Casaliño.

miércoles, 2 de diciembre de 2009

A granxa da Peregrina III

Velaquí se mostran as festas da Virxe da Peregrina en outro ano da década dos 20 do século pasado, quizais do ano 1927.


En esta primeira instantánea pódese ver como sae a procesión da capela, presidida por un personaxe vestido de branco do que non temos noticia, pero seguramente da familia Paramés García-Barros



Aquí apreciase a suntuosa ornamentación para as festas que se fixeron por aquel entón, nas que se adornou toda a eira con adornos feitos de papel, polo que parece. Aparecen un grupo de nenas vestidas de branco, veciños e outras xentes con paraugas para protexerse do sol de agosto.

Agora a procesión volve a pequena capela. Na parte inferior dereita os nenos miran a procesión, a cal vai escoltada pola garda civil seguíndolle os señores curas cos paraugas e detrás a banda de musica.

domingo, 29 de noviembre de 2009

O Petroglifo da Nave



O petroglifo da Nave, en Mourigade, parroquia de Bugallido, é unha das máis vistosas adiccións recentes ó catálogo de gravados prehistóricos na comarca da Maía.
Tratase dun único gravado, atopado polo de agora, non descartándose atopar máis. O motivo catalogado identificase por cinco círculos concéntricos con unha cazoleta central atravesada, a súa vez por un trazo radial. Quizais o gravado fose máis extenso pero a rocha atopase moi erosionadaEstes debuxos son de orixe prehistórica, podendo ter unha antiguedade de ata 3000 anos, non sabendo aínda hoxe cal foi o sentido que tiñan. Hai quen afirma que marcaban lugares de caza, e de feito este da Nave, esta en un lugar moi axeitado.

viernes, 27 de noviembre de 2009

A procesión da Peregrina.



A fotografía de arriba corresponde a procesión da Virxe Peregrina do ano 1926. A dereita do estandarte, podese ver a Daniel García García-Barros, marcado con unha cruz ós pes. Debaixo das letras "DE LA" do portal podese apreciar a Javiera García-Barros Pena, propietaria por aquel entón da Granxa da Peregrina. O lugar que mostra a instantanea é a saida da propiedade polo portal que da a carretera de Negreira.
En esta outra, posan os participantes na procesión de volta a eira da casa.



lunes, 23 de noviembre de 2009

Castrigo IV: historia

Na segunda metade do século XVI vivía en Castrigo un único matrimonio composto por: Bieito de Sanmamed e Dominga de Castrigo. Segundo o foro de 1597, e tamén o apeo de 1757, o Conde Don Lope afóralles varios bens e a vivenda que habitan, unha casa torre de 36 “cóbados“ de longo, case toda tellada, excepto unha parte que era “celeiro”. Neste foro o Conde engade outras terras compradas a Juan de Piñeiro e Catalina de Riazos, persoas que llas aforaran anteriormente ós propios Benito e Dominga.

Esta casa torre, que seguramente era a que en 1458 se lle chamaba de Tereisa Oanes, era o prototipo de casa forte dos fidalgos de acostamento do Conde. As casas dos que se apoiaba na súa confrontación cos Arcebispos composteláns. Foron o xerme dos pazos que, ó longo dos séculos XVII e XVIII, encheron a contorna. Outras casas fortes tamén as había en Leboráns, Lens, Guldrís, Salaño, Os Anxeles, A Condomiña...

Bieito de Sanmamed procedía da parroquia de Ames, e seguramente tiña relación con familias de certo ascendente na comarca, como por exemplo os Freire e os García de Seares. Non coñecemos a fondo os detalles da súa vida pero mantíñase ben relacionado coa administración local, pois en 1593 aparece como arrendatario das alcabalas da parroquia de Ortoño. Bieito e Dominga moi posiblemente tiveran descendencia pero os fillos deberon morrer antes que os pais. Sabemos que en 1605 morre Dominga, pois nese ano sácase copia do foro da Confraría da Concepción. Bieito casa en segundas nupcias con María de Lago, veciña do lugar de Tembra na parroquia de San Miguel de Boullón, e pertencente á familia dos Lago, da que, ó parecer, procedían algúns membros do Cabido da Catedral de Santiago. Deste segundo matrimonio si quedou un fillo chamado Gregorio de Castrigo.



Bieito morre o 16 de decembro de 1615, A súa viúva María casa de novo na primavera de 1616 con Domingo de Outeiro. Como froito deste matrimonio nacen sete fillos máis, finando ela entre os anos 1642 e 1643. Fixo testamento, sen sabermos cando nin diante de quen pero, polo que afirma un dos seus fillos, deixou 8 misas de fundación en Ortoño. Este fillo chámalle á súa nai Francisca pero, na información de sangue, seu neto e demais testemuñas danlle por nome María. De tódolos xeitos na información de limpeza de sangue que fixeran os sobriños do Bispo de Quito, e outros familiares, mencionábase que os unía a relación coa Casa dos Lago. Tiña por medio irmán a Alonso de Lago de San Miguel de Boullón, que comparece como testemuña no preito polos bens de Bieito de Castrigo cando morre María






Gravado das Torres de Altamira cara ó ano 1840. Capital dos estados do Conde de Altamira, onde en 1597, o mesmo Conde fixo o foro de Castrigo
**********
(Foto: Brión, historia, economía cultura e arte. Clodio González Pérez. Ed Toxosoutos 1998)

viernes, 20 de noviembre de 2009

A granxa da Peregrina II

Velaquí mostramos outras dúas fotografías da familia Paramés García-Barros, propietarios da Granxa da Peregrina. As fotografías son aproximadamente dos anos 20, e nelas podemos ver a toda a familia na eira da súa casa de Bertamiráns, hoxe o denominado Pazo da Peregrina.




Nesta primeira foto, vese a esquerda cas pernas cruzadas a José María Paramés García-Barros, que foi deputado a Cortes polo partido de Muros. Detrás del Daniel García García-Barros, primo do anterior, avogado e secretario da facultade de Medicina de Santiago. E no centro, a dereita, Domingo Paramés González, con un neno no colo, pai e tío dos anteriores.



Esta outra mostra a chegada dun dos primeiros automóbiles a parroquia de Ortoño. Esta quitada dende outro ángulo, podéndose apreciar a casa dos caseiros, a parra e a finca ó fondo co que parece millo. É tamén interesante esta foto porque mostra as primeiras plantacións de eucaliptos no monte das pateiras, ó fondo. Estes eucaliptos xa podían ter nos anos vinte uns cantos anos plantados.