lunes, 19 de diciembre de 2011

Outros curas I




Prolegómenos.

Vimos máis arriba unhas poucas novas sobre os párrocos que foron da parroquia de Ortoño dende finais do s. XVI ata a actualidade. Sen embargo non hai que facerse unha idea equivocada sobre o número de sacerdotes que habitaban o longo do tempo a parroquia, aínda que soamente falemos do párroco. No pasado o estado eclesiástico era tido como unha especie de clase elevada a cal non poucos tentaban acceder. Calquera familia que se prezase, intentaba ter un membro cura. Era a garantía de poder chegar a facer estudios, consolidar un patrimonio e ter un intercesor nos asuntos seculares e espirituais. O sacerdocio non se vía tanto, en algunhas ocasións, como unha vocación cara o ministerio da Igrexa, se non moitas veces como un estatus social.
Evidentemente si había máis curas que parroquias, cousa hoxe inversa, quedaban moitos sen poder chegar a rexentar unha. Por exemplo na vista pastoral de 1902, na que nos visitou o Cardeal Arcebispo Herrera, ademais do párroco había oito veciños de Ortoño que eran sacerdotes.


Unha ordenación sacerdotal.
Foto: https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgrVVLQlxTJNGyAWk3adbA3QsSHeRzEE8ofXfO9vU61R6uoI8MZ8rYlYd8-rMiCswXDd5W5aJu8hL942i5fZI3qEsJwYBkP6CcIp142lqP8AEPduSZoHTSAIAEXJcCXgkUkZS0gcTgn86vf/s1600/ordenacion-sacerdotal-2008-88.jpg


Hoxe como é de imaxinar cambiaron moitas cousas. No pasado os aspirantes a sacerdote, despois de facer os estudios correspondentes esixíaselles ter bens suficientes para podérense sustentar por si mesmos. Xa que logo, a idea previa era a de que non existisen sacerdotes pobres que deslustrasen o seu estado. Por iso, o máis frecuente era que os proxenitores do seminarista ou algún familiar xeneroso e sen descendentes lle fixera unha doazón de bens a título de “patrimonio”, a fin de con eles obtivera o sacramento do orden. Estes bens tiñan que ser certos e seguros e esto facíase con averiguación de testemuñas e notario. Outra formula era ordenarse como capelán nunha fundación que tivese capelanía dotada con unha determinada renda. Estas capelanías eran fundacións semellantes as que imos vendo do libro de fundacións de Ortoño, nas que ademais se fundaba unha praza de capelán que dixese as misas, e outorgábaselle un soldo sobre os beneficios de determinados bens que debían quedar agregados para sempre a capelanía. En Ortoño soamente había unha capelanía e era a do Santo Anxo da Garda, fundada en 1708 por D. Juan Gómez Barreyro, veciño de Ortoño no lugar das Cortes, e párroco que era por aquel entón de San Adrián de Vilariño e San Benito de Fefiñans, no actual concello de Cambados.
A fundación de tales capelanías era un acto espiritual e tamén económico. Escollíase a advocación da devoción do outorgante e mirábase de dotar unha serie de misas para pedir polo eterno descanso dos membros da familia. No plano económico o que se facía era apartar unha serie de bens que se adirían a fundación para pagar o capelán e que se convertían en eclesiásticos de forma que escapaban a fiscalización do estado. Ademais estas capelanías o que facían era asegurar unha entrada segura o estado eclesiástico de futuros membros da familia, e seren as veces, un trampolín para outros postos.
Todas estas cousas e outras son as que engrosaban os expedientes de sagradas ordes dos antigos seminaristas. Moitos destes homes de Deus, que tiñan moitas veces os dous pes máis na terra que nos asuntos espirituais, e debido ós estudios que non fixeran os seus coetáneos e a posición alcanzada chegaban as veces a ser personaxes de algunha relevancia na súa época. Tampouco era raro o contrario, e destacar por seren ministros entregados ó Evanxelio e a seu Ministerio.

No arquivo parroquial consérvanse, como vimos, moitas referencias ós párrocos. Pero existen outros curas de Ortoño e da comarca, que chegaron a sobresaír dun xeito ou doutro e dos que fomos formando unha pequena reseña que habemos de ir contando.

No hay comentarios:

Publicar un comentario