domingo, 23 de agosto de 2009

Impostos e rendas no antigo réxime I



O Catastro do Marques da Ensenada 1752.
Catro principais tipos de rendas eran as que se pagaban no antigo réxime: as rendas derivadas do dominio da terra, as de señorío, as rendas eclesiásticas, e os impostos reais. Cobrábanse en grande medida en especia pero tamén en metálico e levaban entre a metade e as tres cuartas partes de tódolos ingresos que gañaba unha familia.
Coñecemos ben todos os impostos polo catastro que mandou facer o Marques da Ensenada, ministro de Facenda, Mariña e Guerra de Felipe V e despois de seu fillo Fernando VI. O seu nome era Zenón de Somodevilla, fidalgo da Rioxa, e axudante do infante D. Carlos, despois Rey de Nápoles e despois Rey de España. Cando chegou a ser ministro deuse conta da maraña de impostos e rendas que existía dende a idade media e que impedían o progreso do pais, e intentou reformalo en un único imposto. Os seus proxectos non chegaron a materializarse, pero si foi capaz de facer o primeiro e máis meticuloso catastro que leva o seu nome.
A través das respostas xerais a 40 preguntas que se facían por poboación coñecemos as rendas da nosa parroquia cara 1752. Estas son divididas por categorías:
1. Rendas Eclesiásticas
Son os dereitos que cobraba a Igrexa sobre a terra, e dividíanse en catro impostos: Dezmos, Primicias, Oblata e o Voto de Santiago.
Dezmo é a decima parte de todo o producido, e pagábase un ferrado por cada 10 producidos, baseábase en unha cita do Pentateuco. En Ortoño estaba repartido o seu total a medias para o cura párroco e para o Cabildo de Santiago. Así que para o ano 1752 quedábanlle ó cura 800 Ducados (1ducado = 11 reais), e o Cabildo 2100 reais pola sincura que tiña. A outra sincura era do conde, que ademais tiña o padroado da parroquia, en virtude do cal era o que designaba o cura párroco. O conde, e outros que coma el tiñan este dereito, renunciaron a el durante o apostolado do cardeal arcebispo Quiroga Palacios, a mediados do século XX.
Primicia son os primeiros froitos de tódalas colleitas, e estaba regulado por unha porcentaxe do total colleitado. Esta renda pagábase por lugares, e cobrábanse na parroquia por ano uns 120 ferrados de centeo en total e media galiña por casado, que viran sendo unhas 83. Todo esto para o párroco e outro tanto para o Cabildo.
Oblata correspondería os gastos de culto na parroquia, e pagábana en Ortoño os casados con un ferrado de centeo. Renda íntegra para o señor cura.
Voto de Santiago. Esta é unha renda que se remonta ó século X cando o Apóstolo Santiago apareceuse na batalla de Clavijo e doulle a victoria ós Cristiáns. Cobrábaa o Cabildo de Santiago en todas as terras da coroa de Castela o que lle repuxo grandes sumas que sustentaron longos períodos constructivos na catedral e no seu entorno. Esta renda pagábana, en Ortoño, os veciños que tiñan labranza a razón de 8 cuartillos de centeo (1/3 de un ferrado) por ano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario