viernes, 6 de agosto de 2010

Historia do Culto da Peregrina en Bertamiráns III


Esta é a terceira entrada sobre a devoción da Virxe Peregrina no lugar de Bertamiráns. As outras dúas publicámolas aquí e aquí, algún tempo despois das súa festa do ano pasado. Pero como non podía ser de outra forma, agora contamos con máis información sobre a familia que fundou a granxa e a primitiva capela da Peregrina.
Recordemos que quen realmente funda a capela foi o párroco D. Simón Antonio de Lago, que o foi de Ortoño dende 1759 ata 1797. Era compostelán, e nacera no seo dunha moi acomodada e polo que parece fidalga familia. Seu pai era o D. Manuel Antonio de Lago e Ben, parece ser que natural de Cesar en Vilagarcía. Casara con unha padronesa Dª Ynes López de Neira, e segundo a escritura de dote da súa filla Nicolasa Rita de Lago e Neira, era o tesoreiro xeral dos estados do conde de Altamira no Reino de Galicia. De feito o seu patrimonio en 1757 era acorde ca súa posición xa que lle ofrece a súa filla para casar 28600 reais de vellón; realmente unha fortuna para a época. Pero ó parecer D Manuel Antonio ademais do cargo de tesoreiro do conde de Altamira, posición que seguramente foi determinante para colocalo fillo como cura de Ortoño, xa que o conde era o seu presenteiro, combinaba este empleo con noutros. No mesmo protocolo onde está a dote da súa filla, hai documentos de arrendamento de grandes cantidades de renda de D Antonio Sarmiento e Sotomayor, conde de Mos, e marques de San Bernardo, na que el actúa como apoderado, sobre terreos do primeiro en terras da Estrada e en outros lugares.
Nesta escritura, Dª Nicolasa Rita acepta a dote para casar con un comerciante de viño de Santiago, un tal D Simón Piñeiro. Como xa se contou estes foron os pais de D. Benito Piñeiro que primeiro debeu tentar suceder a seu tío como cura de Ortoño, pero que despois acabou casando con Dª Cayetana Fernández Cordero, que era natural da cidade de Pontevedra. Serían pois estes Benito e Cayetana os que construíron a casa da Granxa da Peregrina en Bertamiráns, e con axuda de seu tío o párroco, erixiron a primitiva capela da Peregrina. Máis tarde ó morrer Benito, Cayetana casaría de novo co Dr Pedralves.

Procesión da Virxe da Peregrina a principios do s. XX.
Tiñamos especulado sobre os dominios que poderían ter sido os donos do solar da Peregrina. En principio descartaramos ó conde de Altamira porque nos bens que tiña en Bertamiráns non se incluía este solar. Sen embargo ó coñecer agora a relación dudamos. En Bertamiráns entraban moitos dominios. Tiñan bens nel o Conde de Altamira, o Cabildo metropolitano de Santiago, o colexio de Santispiritus, o mosteiro de Santo Domingo de Bonaval, o conde de Gimonde, seguramente tamén o marques de Astariz, a fabrica da Igrexa de Ortoño, e tamén un ilustre pontevedrés: o marques de Leis. O marques de Leis tiña unha grande parte do lugar de Bertamiráns por herdanza dos España.
Estes Gago Romero de Leis e España, quizais fosen amigos dos Fernández Cordero e lle deixasen case regalado unha pequena porción dos seus bens en Ortoño. Sen embargo, segundo a tradición oral da familia dona da finca semella que eran do conde de Altamira. Quizais cando se descubran novos documentos se poida botar máis luz sobre o tema.

No hay comentarios:

Publicar un comentario