jueves, 2 de diciembre de 2010

A gavilla I

Introducción.

Gavilla é unha palabra castelán que ven a significar monllo ou feixe en galego. Sen embargo empregouse moito na nosa terra para denominar a banda ou conxunto de bandoleiros que se xuntaban para roubar capitaneados por un xefe máis ou menos emblemático.

Roubar é un mal que afectou a tódolos tempos, pero o fenómeno das gavillas douse especialmente no século XIX debido a unha serie de circunstancias adversas que sufriu a sociedade naquela época. Estas debéronse principalmente o estancamento económico da primeira metade do s. XIX unido a inestabilidade política ocasionada polas distintas guerras da independencia, a que enfrontou a absolutistas e liberais e finalmente as guerras carlistas e os levantamentos militares.

O resultado foi un deterioro da economía, centos de prisioneiros e unha poboación marxinada que despois de moitos anos adicada a guerrilla, o pillaxe e a non traballar botase a roubar. A esto habería que unir, sobre todo na primeira metade do século, unha grande inestabilidade xudicial a consecuencia do cambio estructural do sistema. Ademais desto, a desamortización dos bens da Igrexa, e o abandono de moitas actividades benéficas e asistenciais que non foron suplidas polo Estado non fixo máis que agravar o problema.

En definitiva a acumulación de todos estes factores e outros son os que explican as bandadas de persoas marxinadas que optan polo bandoleirismo para sobrevivir. O fenómeno das gavillas e o seu mundo na nosa terra esta moi lonxe da idea romántica de protesta social, era máis ben unha saída a marxinalidade.
Escena de bandidos de Leonardo Alenza. Museo de Bellas Artes de Bilbao: www.oronoz.com/paginas/leefoto.php?referencia=13066&usuario=

En Galicia chegou a haber moitas gavillas, e algunhas con máis de 100 bandoleiros. Na nosa bisbarra e na nosa parroquia de Ortoño actuaron algunhas que deixaron na tradición popular un imborrable recordo. Recordos que chegaron ata hoxe fundindo relatos de diversas épocas.

Cara o final da guerra da independencia surxe unha gavilla nas inmediacións de Santiago que logo é desbaratada. Tempo despois, cara 1830, destaca outra que ten o seu radio de acción entre Calo, Ortoño, Laraño, Sergude etc. Destaca nela Josefa Míguez, encargada de planear os roubos e vender o roubado.

Sen embargo a máis famosa de todas na nosa bisbarra foi a do Tasende, que comezou a actuar en 1812, e despois de uns anos de interrupción volveu cara 1834. É precisamente a deste bandoleiro do que máis recordos e contos chegaron ata hoxe, anque eso si, mesturados con outras narracións de outros tempos e contextos.

1 comentario:

  1. Noraboa polo artigo!
    Non nos fagas esperar moito -especialmente- ós que non nacimos aquí para contarnos algunhas das fechorías deste tal Tasende.
    Un saúdo,

    JL.

    ResponderEliminar