viernes, 4 de febrero de 2011

Sisalde III

Século XVI

O lugar de Sisalde semella ser moi antigo. Sen embargo temos que esperar ata o século XVI para ter novas del.

No apeo da Maía dos bens de Ruy Sánchez de Moscoso que fixo en 1458, ó tratar a parroquia de Ortoño, non menciona a Sisalde, e si outros lugares. Quizais fose porque daquela aínda non contaba con el entre as súas propiedades.

Plano de Sisalde


O certo é que entre aquel ano e 1563 debeu facerse con el a casa de Altamira. Porque en 1563 o apoderado do conde fai un recoñecemento del e dos outros lugares da parroquia que eran do conde.

Naquel entón atopábanse vivindo en Sisalde Pedro Vidal e Gregorio Pérez e as súas respectivas familias. Tanto Pedro como Gregorio tiñan por aquel entón trinta anos e seguramente levaban Sisalde por algún foro recente outorgado polo mesmo conde ou por un administrador, xa que non se lles fai ningún novo instrumento con motivo de este apeo. Pagaban polos bens do conde en Sisalde todos os anos 17 rapadas de centeo, ou sexa uns 51 ferrados e unha márrana cebada e dúas galiñas.

Non coñecemos o destino de estes veciños de Sisalde, pero semella que tanto eles como as súas familias foron remplazadas en vinte anos por outras xentes. Así en 1581 o novo administrador do conde, Lope de Figueroa, fai un novo foro de Sisalde polas súas vidas e dúas voces máis a Pedro de Sisalde e Antonio de Roxido, casados respectivamente con Catalina de Roxido e Catalina de Sisalde. Parece obvio que se trata de dous matrimonios entre irmáns, moi comúns por outro lado nesa época, e tamén nas seguintes. A renda a pagar anualmente pasou de 51 ferrados a 9 cargas que son 108 ferrados de centeo, ademais da marran e as dúas galiñas. Este incremento do dobre en tan só 20 anos supón unha situación peculiar con relación a Sisalde. O foro ademais non describe a situación anterior do lugar como era costume, síntoma de querer oscurecer posibles antigos dereitos de outras persoas. Parece posible que houbera unha situación de confrontación entre os administradores do condado e os antigos moradores que debeu acabar en preito e posterior expulsión destes.
Así é todo, estes novos moradores quizais non o fosen tanto debido a que xa contaban, unha das familias co apelido Sisalde, sintoma de unha vinculación previa. Quizais se tratasen de dous matrimonios novos entre irmáns que eran do mesmo Sisalde, pero non da mitade do conde, senon da outra metade. Porque Sisalde no antigo rexime estaba dividido pro indiviso entre os dous grandes dominios que había en Ortoño, o conde e o arcebispo.
Fragmento do prorrateo de Sisalde no s. XIX

De todos os xeitos, o século XVI tanto para Sisalde como para os demais lugares da parroquia é un tempo de baixa tasa de poboación. Vemos que en vinte anos segue habendo soamente dúas familias. Teremos que esperar ó século seguinte para ver subir os habitantes deste lugar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario