sábado, 2 de marzo de 2013

A linaxe Martínez-Viojo IV


4. A familia Martínez Viojo

Asentados na Casa do Castro, tiveron Miguel e Manuela oito fillos dos que soamente sobreviviron cinco: dous homes e tres mulleres.

O seu primoxénito foi Domingo, bautizado na parroquial de Ortoño o día 29 de xullo de 1792[1]. Foron os seus padriños Frei Vicente Martínez, “relixioso mercedario”, e a avoa materna Vicenta Vidal. Este neno morreu aos 6 anos de idade, sendo inhumado o 15 de setembro de 1798[2].

Seguiulle Rita Benita Cayetana María, bautizada o 13 de abril de 1794[3]. Os seus padriños foron Benito Piñeiro y Lago e María Cayetana Fernández Cordero, donos da Granxa da Peregrina do lugar de Bertamiráns[4]. Sen dúbida foron estes quen lles deron os nomes que levaría, excepto o primeiro, que era o de Rita Nicolasa de Lago, nai de Benito Piñeiro, e irmá que era do párroco de Ortoño, Simón Antonio de Lago. Á vista dos libros sacramentais, o nome de Rita e tamén o de Rosalía[5], contaban con aceptación na parroquia, sobre todo entre os veciños de Lapido.
Os seguintes foron Manuel e Juan Antonio, xemelgos, bautizados o 6 de xuño de 1796. Os padriños de Manuel foron Manuel Míguez e Josefa Bermúdez de Castro, señora viúva do veciño lugar da Condomiña. Os de Juan Antonio foron Juan Antonio Mariño e a súa muller María Vilacoba, veciños do lugar de Castrigo na mesma parroquia. Ambos os irmáns tamén morreron de nenos, Juan Antonio uns días despois do seu irmán maior, sendo enterrado o 30 de setembro de 1798 en Ortoño[6].

O quinto fillo foi José, o que se terá logo por pai de Rosalía. Recibiu o bautismo en Ortoño, do mesmo xeito que os seus irmáns, día 7 de febreiro de 1798[7]. Os seus padriños foron uns posibles familiares: Santiago Martínez e María Veiga, tamén da mesma parroquia. Na carta de Luís Tobío a Bouza-Brey, apunta o seu nome como Juan José, sendo este un dato incorrecto.

Sucedeulle a José outro Juan Antonio, este bautizado o 6 de xaneiro de 1801[8], sendo os seus padriños Juan Antonio Mariño e Juana Pampíin. Ao longo da súa vida sería coñecido polo seu segundo nome.

María Josefa Martínez, irmá dos anteriores, foi bautizada o 24 de maio de 1805[9], sendo os seus padriños Manuel Míguez, de Ortoño e Andrea de Ortas de Bugallido.

Por último a quinta filla sobrevivente de Miguel e Manuela foino Teresa, bautizada o 17 de maio de 1808, sendo os seus padriños Andrés Angueira e Dominga Ameneiro, ambos de Bugallido[10].

Tiña esta familia criados que vivían na mesma casa, como é o caso de José Abad, oriúndo da veciña parroquia de Bugallido e falecido en setembro de 1810[11].

Pouco tempo despois, a maior dos seus irmáns Rita,  a maior dos seus irmáns, casa o 25 de maio de 1816 na parroquial de Ortoño [12] con Juan Santomil, natural de Santa María de Biduido, e fillo de Alberto e Rosa Buela. Con case total seguridade Rita pasou a vivir co seu marido a Biduido.




[1] Cf. Ibíd., Fondo Parroquial, 11523, Libro V, folio 194 v.
[2] Ibíd., Libro XV, folio 199.
[3] Ibíd., Libro V, folio 209 v.
[4] Cf. Nota 29 deste estudo.
[5] Santa Rosalía é a patroa de Palermo, cidade de Sicilia e pertencente no século XVIII ao reino das Dúas Sicilias, onde a José Bernardo Gago Mendoza e Romero, foille concedido por Carlos VII de Nápoles (Carlos III de España), o 12 de maio de 1735 o título de Marqués de Leis, en atención aos servizos prestados en Orán, Ceuta e as Dúas Sicílias, como cabaleiro Mariscal de Campo e Tenente Xeral dos reais exércitos. Cf. J. S. Crespo Pozo, Brasóns e liñaxes de Galicia. Vol. III. A Gran Enciclopedia Vasca 1982-1983. Bilbao. 158.
Quizais houbese algunha relación, a través dalgúns veciños de Ortoño que puidesen acompañar ao dono das terras que tiñan en foro naquelas campañas italianas.
[6] Cf. AHDS Fondo Parroquial. 11523.  Libro XV, folio 199 v.
[7] Cf. Ibíd  Libro VIN, folio 2 v.
[8] Cf. Ibíd  Libro VIN, folio 29 v.
[9] Cf. Ibíd  Libro VIN, folio 70 v.
[10] Cf. Ibíd  Libro VIN, folio 77v.
[11] Cf. Ibíd  Libro XV, folio 7r.
[12] Cf. Ibíd  Libro XI, folio 94r.

domingo, 10 de febrero de 2013

A linaxe Martínez-Viojo III


3. A Casa do Castro de Ortoño

Cabe tamén sinalar o enorme período de tempo transcorrido entre o matrimonio de Alonso Martínez e Manuela de Orta e o do seu fillo, o presunto avó de Rosalía. O primeiro foi en 1722 e o segundo en 1791, o que fan sesenta e nove anos. Isto xustifícase sendo Miguel Martínez o último dos fillos de Alonso e Manuela[1] e que, debido aos seus estudos eclesiásticos, contraeu nupcias a unha idade madura; en realidade a piques de cumprir os trinta e oito anos. Podemos mesmo sospeitar que a mudanza de vida de Miguel debeuse máis ás circunstancias familiares que á súa predisposición pola vocación ao estado eclesiástico. Seguramente os seus pais, Alonso e Manuela, canalizárono cara ao sacerdocio co patrocinio do seu tío Frei Vicente Martínez, mais ante a imposibilidade de doarlle bens suficientes para a súa congrua[2] e unido talvez á súa pouca vocación, Miguel ficou ás portas das primeiras ordes esperando un beneficio[3]. É máis, pasado o tempo, xorde a posibilidade de contraer matrimonio coa súa curmá Manuela Viojo, herdeira dunha labranza importante, a do Castro, e despexar do todo o seu futuro. Este proceder non lles era estraño, pois o mesmo sobriño do párroco de Ortoño, clérigo de menores  ordes, abandona o estado eclesiástico para casar cara a mediados da década de 1780.[4] Esta é a explicación que cremos máis plausible para situar o novo matrimonio formado por Miguel Martínez e Manuela Viojo na denominada Casa do Castro de Ortoño.

Desta forma encontramos que, antes deste matrimonio, non existen referencias algunhas no arquivo parroquial a esta paraxe, nin a ninguén que o habitase, parecendo máis ben que estaría encadrado en Punxeiras Altas[5]. Parece claro, sobre todo vendo as partidas sacramentais dos descendentes desta familia, que viven na Casa do Castro en virtude dun arrendo, ou dun foro. Na citada carta de Luís Tobío a Bouza-Brey, insinúase algunha circunstancia especial ao prometer un segundo escrito para falar da Casa do Castro, carta que ao parecer non se escribiu.

Esta Casa do Castro, entre os séculos XVIII e XIX, era unha edificación illada, que dispuña e éralle propio todo o terreo de labor da súa contorna. Este espazo estaba e está rodeado de monte, ao norte dela sitúandose os vestixios do castro bordeado polo río Sar, a cuxo pé están os tres muíños. A casa en cuestión, ten unhas características singulares entre as demais construcións da época na zona. Aínda que exenta de ornamentación algunha, é de planta cadrada e de grosos muros de pedra, e antes da súa remodelación, estaba dividida interiormente en tres partes por grosas paredes medianeiras. As súas trazas poderían suxerir unha antiga torre remodelada. A súa localización, parece que se atopa nos límites da antiga tenencia da Condomiña, pertencente ao Cabido de Santiago[6] e os termos do lugar de Lapido, que fica cara ao leste, cuxo directo dominio era na maior parte do  conde de Altamira[7]. Na confluencia dos lugares da Condomiña, Punxeiras de Arriba, Igrexario e confíns do lugar de Lapido onde se erixía esta casa, ao pé do camiño real comezaba a se levantar un pequeno núcleo de poboación coñecido pola Tarroeira. No século XVIII variaba un pouco o topónimo, aparecendo escrito como Terroeira, e naquel entón era un monte pertencente a Punxeiras Altas[8].

O Castro e a súa casa, a teor do preito do conde de Altamira[9], de mediados do s. XVIII, non parece pertencer ao lugar de Lapido, anexo ao devandito condado, aínda que puidese estar nos seus límites, xa que o monte do Castro era do dominio do conde, segundo varias escrituras privadas. Con todo, pola proximidade a este lugar, a familia Martínez Viojo posuía herdades en Lapido, ademais de nas Punxeiras  -Altas e Baixas-  e na Condomiña. Así, Alonso Martínez, que nacera en Lapido, é un dos demandados no preito do conde por este lugar. Segundo as testemuñas, o lugar estaba dividido en seis partes iguais, que levaban determinadas persoas, parece ser en foro antigo. Uns eran labradores e veciños do lugar[10], e outros fidalgos[11] asentados en Santiago e outros lugares, bens que tiñan á súa vez subaforados.

O máis probable é que a Casa do Castro fose do dominio do Cabido compostelán e anexa ás Punxeiras dentro da antiga tenencia da Condomiña. Esta idea fortalécese ao comprobar que Alonso Martínez, o avó do capelán, aparece como un máis dos beneficiados na renovación dos foros do Cabido en 1757[12]. Posteriormente, a principios do século XX, a casa pagaba unha renda a Carlos Ucha Pardiñas Villardefrancos[13], veciño do lugar de Piñor en San Lourenzo de Agrón (Ames). É plausible admitir que a propiedade da Casa do Castro chegase a esta familia por mor das desamortizacións dos bens da Igrexa do século XIX, quizais despois de pasar por varios propietarios.

Posible relación con esta Casa do Castro poidan ter a familia dos García de Searez que xa indagara Murguía[14], cando estuda os ascendentes maternos da súa esposa, ao reparar nunha rama antiga do pazo de Arretén. Murguía atopou o expediente de ingreso como familiar do Santo Oficio de Andrés García de Seares casado con María de Castro y Bermúdez, fundadores do vínculo do pazo e antepasados maternos de Rosalía de Castro. O avó de Andrés, Alberto García de Seares y Blanco era oriúndo de Santo Tomeé de Ames, tendo máis descendentes en Santa María de Urdilde e San Martiño de Laraño. Á súa vez, outra rama da familia establécese  no século XVII en Santa María de Roo, actual concello de Noia, concretamente no lugar de Mato. Desta Casa do Mato era dono, en 1757, Domingo García de Seares, que recibe un dos foros de Maguxe, en Ortoño, na renovación que a administración do condado de Altamira fixo por aquela época[15]. Esta familia da Casa do Mato, segue a percibir rendas no lugar de Maguxe na segunda metade do século XIX. Así podemos ver como un bisneto de Domingo, Feliciano García de Seares é o perceptor das rendas de varias parcelas sitas en So  as Hortas[16].

Na renovación dos foros, previa denuncia xudicial por estar os moradores carentes de titulo e posterior expropiación do seu uso, faciíase sempre aos mesmos levadores a fin de non perturbar máis as súas facendas. O interese do condado era a renovación da súa documentación e a posta ao día das rendas. Desta forma sabemos que esta rama dos García de Seares de Roo emparentados cos de Arretén, tiñan desde había moitos anos propiedades en Ortoño nas inmediacións da Casa do Castro. De feito, o párroco de Ortoño na primeira metade do século XVIII, Ignacio Antonio Seares[17], que o foi durante case 50 anos, puido ser un membro desa familia.




[1] Foi bautizado o 14 de agosto de 1753. Cf. AHDS Fondo Parroquial, Lej 11523, Libro IV, f 152v. Deste matrimonio quedou constancia que naceron sete fillos máis en tres décadas: Domingo (1725), Rosenda (1728), Domingo (1731), María (1737), Benito (1740), Santiago (1741) e Joseph (1747).
[2] Isto sosteríase en que, aínda que a familia tivese bens suficientes no lugar de Lapido, estes non poderían ser enaxenados por reclamalos o Conde de Altamira mediante o preito de 1752. Cf. ARG Preitos da Real Audiencia 1461/17.
[3] Ao parecer, Miguel non chegaría a ordenarse de prima tonsura, xa que non existe o seu expediente de Sacras Ordes.
[4] Trátase de Benito Piñeiro y Lago, sobriño do párroco de Ortoño Simón Antonio de Lago (reitor da devandita freguesía entre 1759 a 1797). Benito era fillo de Simón Piñeiro, comerciante de Santiago e Rita Nicolasa de Lago, filla á súa vez de Manuel Antonio de Lago, tesoureiro e apoderado do conde de Altamira en Galicia. En 1774 ordenouse de prima tonsura, Cf. AHDS, Fondo: Expedientes de Sacras Ordes, Cartapacio 950/3, seguramente co obxectivo de suceder ao seu tío no beneficio de Ortoño, pero pasado o tempo a familia reconsideraría a súa carreira para casar coa pontevedresa María Cayetana Fernández Cordeiro. Este matrimonio foi o fundador da Granxa da Peregrina de Bertamiráns, hoxe rebautizada Pazo da Peregrina, e que tiveron relación coa Casa do Castro.
[5] En realidade, até finais do século XVIII non se consigna no arquivo parroquial de Ortoño ningunha paraxe, ou grupo de casas illadas. Os lugares ou aldeas teñen un territorio que lles é afín, e se existe algún veciño illado é contado con todos os do mesmo lugar. Exemplos que aparecen nesta época son: Castro, Vista Alegre, Seoane, Espiñareda, Cachela, Santo Cipriano, Tarroeira,...
[6] Cf., ARG, Fondo: Preitos da Real Audiencia, Cartapacio 421/41: El Cabildo de la Catedral de Santiago y el Dr Bravo, tenenciero de la Condomiña, con Juan Alegre, Juan Gonzalez y otros. Auto ordinario sobre los lugares de Pungeiras en S. Juan de Ortoño, 1599.      
[7] Cf. Ibíd., Fondo: Preitos da Real Audiencia, Cartapacio 1461/17.
[8] Cf., AHDS, Fondo: Parroquias, 11523: Libro III de Administración: Libro de fundacións nº 42: Fundación en 1754 de una misa sobre el solar de una casa en el paraje de la Terroira.
[9] Cf. Nota 32.
[10]Cf. ARG, Preitos da Real Audiencia, cartapacio 1461/17: “Francisco García, Andrés Álvarez, por si y como defensores de Domingo Terceado, Domingo Trenco, Joseph Barreiro, Domingo García, Manuel Rey y otro Domingo García ausente… Alonso Martinez”.
[11] Cf. Ibíd.,: “Dª Juana de España, Carlos Pérez, Bernardo Cernadas como defensores de Joseph García, Dª Juana Romero de Leis, D Joseph Bernardo Gago de Mendoza, Marques de Leis y D. Jacobo Llorente en reveldia, D. Diego Ballesteros de Luaces Pose de Leis”. Como se observa, aparecen os descendentes da rama dos España que se emparentaron co dos Gago de Mendoza e que tiñan fondas raíces en Ortoño, tanto familiares como de fandenda.  
[12] Cf. AHUS, Fondo: Protocolos de Santiago, Cartapacio 1757: Domingo Antonio Sánchez. Seis foros do Cabido de Santiago dos seus lugares de Punxeiras alta baixas e Condomiña: (123r-126r), (127r-132v), (133r-135v), (136r-142v), (143r-149r), (150r-156v) e (157r-163v).
[13] Escritura de compra-venda outorgada o 13 de marzo de 1920 ante Luciano Rei Sánchez, notario de Negreira, en poder da actual propietaria da Casa do Castro.
[14] Cf. J. Caamaño Bournacell, Rosalía no pranto da súa estirpe, Ed. Biosca, Madrid 1968.  26.
[15] Cf. AHUS, Protocolo de 1872 de Ildefonso Fernández Ulloa, folio 711 a 737, “Dación de rendas en pago de crédito, a favor de D. José Genaro Villanueva”.
[16] Documentos privados de Lucita González Romarís, unha descendente en Maguxe dos Martínez Viojo.
[17] Cf. AHDS, Fondo: Expedientes de Sacras Ordes, Cartapacio 590/86.

viernes, 1 de febrero de 2013

A linaxe Martínez-Viojo II


2. Os antepasados paternos de José Martínez Viojo

Feitos coñecidos con certeza son que José Martínez Viojo naceu na denominada Casa do Castro sita en Ortoño (Ames), e que recibiu o bautismo o día 7 de febreiro de 1798 na igrexa parroquial de San Xoán[1].

Como xa apuntamos, Luís Tobío, descendente desta familia, en carta datada en 1923 e dirixida ao seu amigo F. Bouza-Brey[2], afirmaba que o pai daquel, Miguel Martínez (suposto avó paterno de Rosalía), era coñecido por Migueliño o muiñeiro, por ter uns muíños no río Sar, no lugar de Lapido,  freguesía de Ortoño, onde moía no verán cando os outros muíños veciños xa non o facían. Ao parecer tiña un tío que era comendador da Orde da Mercé, no convento compostelán de Conxo, o cal tentou  introducilo na carreira eclesiástica  pero, ao final, Miguel abandonou aqueles estudos.

Ao non prosperar a súa carreira eclesiástica, a saída máis oportuna naqueles tempos era o matrimonio. E así o debeu entender a familia, xa que seguramente buscaron unha persoa idónea para el, que resultou ser unha parente próxima, Manuela Viojo, coa que gardaba un 2º con 3º e un 3º con 4º graos de consanguinidade, a teor da partida de matrimonio, que se celebrou o 31 de maio de 1791[3]. O matrimonio entre parentes tan próximos era algo moi común na época. Manuela era natural do lugar de Punxeiras Altas, e Miguel do lugar de Lapido, ambos próximos e pertencentes a Ortoño. Os ascendentes do pai de Manuela, Vicente Viojo, procedían do lugar de Chave de Ponte, pertencente á freguesía de San Xulián de Bastavales, hoxe concello de Brión, e pola parte da súa nai, Vicenta Vidal, eran de Punxeiras Altas[4]. Os pais de Miguel foron Alonso  Martínez e Manuela de Orta, veciños de Lapido. Alonso era natural do lugar de Framán, na veciña parroquia de San Pedro de Bugallido e a súa muller, Manuela, do lugar de Lapido[5].









O segundo con terceiro grao de consanguinidade no matrimonio Martínez-Viojo explícase ao ser Miguel Martínez e Manuela Viojo, neto e bisneta, respectivamente, de Domingo  Martínez, de Framán (lugar da parroquia de San Pedro de Bugallido). O terceiro co cuarto proviría , por seren, respectivamente, bisneto e tataraneta do matrimonio de Lapido, Juan de Orta e María de Cruces. Remontándose no tempo, esta familia ten aínda máis vínculos entre si e todos provenientes dun mesmo tronco: o dos González da Condomiña, antepasados e primeiros posuidores posibles da paraxe do Castro.

Así, María Pérez, unha das supostas tataravoas paternas de Rosalía, probablemente fose unha das fillas de Alonso Pérez de Lapido e España, e da súa muller Dominga González de Solís, mencionados en dúas informacións[6]. Dominga proviría do lugar da Condomiña e da familia dos González[7], vinculados a ese lugar desde mediados do século XVI[8]. Todos serían membros dunha extensa familia asentada nesta parte da xurisdición da Maía, que ascenderían na escala social desde o século XVI ao XVIII, pasando de labradores a comerciantes acomodados até, finalmente, vincularse coa fidalguía da zona.

Descubrimos nesta familia vínculos que os ligan con insospeitados personaxes. Cara a principios do século XVII o matrimonio formado por Gregorio González da Condomiña e Catalina Xuarez Ortiz, veciños da Condomiña e próximos ao Castro na mesma parroquia, ten varios fillos casados á súa vez con persoas relevantes no status social da época[9]. Destacan dous: unha filla chamada Isabel casada co capitán Rodrigo de Breyxo, pais do capitán Francisco de Breyxo que sería rexedor da cidade da Coruña[10]; e outra chamada Magdalena, que casaría con Antonio de Ruanova y España, pertencente á familia dos España. Este matrimonio, que posuíu gran porción de bens na parroquia de Ortoño, asentouse na lindeira freguesía de San Salvador de Bastavales sendo os seus descendentes os mMarqueses de Leis[11].
Respecto ao apelido Martínez, tamén se revela ben situado na escala social da época. Parece que ten a súa orixe nos lugares de Framán e Eirapedriña da veciña parroquia de Bugallido (Ames). Membros da súa familia, como Domingo Martínez de Eirapedriña, emparentaron, a finais do século XVII, coa do notario de número da xurisdición, ao casar con Maria Freire de Castro[12], natural de Santa María dos Anxos (Brión). O fillo dun primo do pai de José Martinez Viojo, Blas Martínez, casado no lugar de Cortes da mesma parroquia de Ortoño, contraería matrimonio cunha filla do meiriño e xustiza da xurisdición de Altamira e Barcala, María de Ponte y Andrade, natural de Santa María de Portor (véxase cadro 1). Tamén hai indicios da súa relación coa familia dos Lago, que  tivo a súa orixe en Santa María dos Ánxeles, e á que pertenceron varios cóengos de Santiago[13].

O propio Alonso Martínez, avó paterno de José Martínez Viojo, aparece ben situado na documentación conservada. Na renovación dos foros da Condomiña e As Punxeiras, é consignado xunto a Ygnacia Bermúdez de Castro, descendente dos González da Condomiña, e o mesmo  noméase cabezaleiro[14] xunto co seu irmán Domingo e o seu consogro Miguel Vidal. O seu fillo Miguel mantén o status da familia. Localizámolo, por exemplo, na protesta que fixeron os veciños da xurisdición da Maía o 24 de marzo de 1810 ao “Señor gobernador político e militar da cidade de Santiago”, pola condución de leña e cepos a Santiago, no contexto da guerra da independencia[15]. Ambos aparecen noutras escrituras como testemuñas cualificadas, dando a entender que pola súa ascendencia e posición eran considerados “homes bos”.

En canto ás relacións coa Igrexa, esta familia dos Martínez da Casa do Castro de Ortoño, tiveron certa vinculación coa Orde da Mercé. Tiña Miguel un primo natural das Punxeiras profeso en Conxo, chamado Frei Vicente Martínez, quizais o comendador do que falaba Tobiío, fillo de Domingo Martínez e Andrea Pérez, tíos de Miguel, e veciños daquel lugar. Esta relación non só se concentra nesta familia dos Martínez, tanto en Lapido, comao na liña dos tíos das Punxeiras,  senón que  en Ortoño existen vínculos importantes  co convento de Conxo . Na parroquia de Ortoño posiblemente tivese propiedades, e existen varias persoas pertencentes á súa Orde Terceira, e algún que outro veciño profesou a orde, por exemplo Frei Domingo de San Ramón Otero, tamén das Punxeiras que, en 1770, estaba no convento madrileño de Nª Sª da Mercé de Descalzos[16]. Había tamén máis persoas pertencentes a outras ordes terceiras como a franciscana. Así, Juan Pérez de Lapido, irmán da bisavoa de José Martínez Viojo, figura no ano 1708 como membro da fraternidade de San Francisco[17].



[1] AHDS: Fondo Parroquial, 11523; Libro VIN de Bautizados de San Juan de Ortoño, folio 2v.
[2] Cf. La Voz de Galicia, 18-VII-1985, 32.
[3] Cf. AHDS, Fondo Parroquial, 11523 Libro XI de Casados de San Juan de Ortoño, folio 15v.
[4] Ibíd., Folio 84v.
[5] Ibíd., Folio 1v
[6] Cf. AHUS, Arquivo Municipal de Santiago. Cartapacio 513. Letra P nº 8: Carlos Melchor Pérez de Lapido, ano 1732. Tamén nº 24: D José Pérez de Lapido e España, ano 1764.
[7] AHUS, Protocolo de Domingo Antonio Sánchez, 1757, folio 133: “Foro del Cabildo del lugar de Condomiña” mic. 422.
[8] ARG, Fondo: Preitos da Real Audiencia, Cartapacio 435/39: “El cabildo de la catedral de Santº y su tenenciero de la Condomiña, con Gregº Gonzalez y consortes, sobre reinvidicación del lugar de la Condomiña.” 1631. Tamén: Arquivo Histórico Universitario de Santiago, (a partir de agora citarémolo coas siglas AHUS), Protocolo de Domingo Sánchez de Andrade, fº 90 ano 1681, “Concordia”.
[9] AHDS,  Fondo: Parroquias, Cartapacio 11523. Libro III de Administración: Libro de Fundacións nº 24. Noticia de varias misas impuestas en el testamento del 13 de marzo de 1633 de Gregorio González da Condomiña.
[10] Ibíd., nº 7. Noticia dunha misa de fundación do capitán Francisco Breixo y Aldao.
[11] Cf. J. S. Crespo do Pozo, Brasóns e Liñaxes de Galicia, Bilbao, 1982. Tomo II, 156 ss. Exceptuando algúns erros, relata na “Linea dos Marqueses de Leis e antecesores dos mesmos” dentro do apelido España, como unha neta do Antonio Ruanova e España e Magdalena Ortiz casou con Esteban Romeu de Leis da Casa de Barro, e que á súa vez unha filla destes, Juana Romeu de Leis e España casaría co nobre pontevedrés Pedro Gago e Mendoza, sendo os pais de José  Bernardo Gago Romeu de Leis, primeiro  marqués de Leis.
[12] Cf. AHUS, Protocolo de Domingo Sánchez de Andrade, ano 1678, folio 103: “Carta de pago de Mathias Freire ssnº q dio a Antº Gz de Guitian”. Idem ano 1677, folio 149: “Arriendo de Antº Gónzalez de Guitian a Domº Martínez”.
[13] Cf. ACS Cartapacio 747. Tomo XVIII, nº 1 “Información de D. Pedro de Mahía e Lago, ano 1703. Idem: Cartapacio 767. Tomo XXXVII, nº 5: “Información de D. Juan Torrado Mariño, ano 1695.
[14] Cf. AHUS, Protocolo de Domingo Antonio Sánchez, fº 122 e ss., ano 1757 “Foros del Cabildo”.
[15] Documentación privada de María del Carmen Vilacoba Capeáns, veciña do lugar de Punxeiras Altas en Ortoño.
[16] Ibíd.
[17] Cf. AHUS. AMS. Cartapacio 918, nº 1: Padrón calle-hita de 1708.

martes, 29 de enero de 2013

A liñaxe Martínez - Viojo I


A liñaxe Martínez - Viojo e a Casa do Castro de Ortoño:
novas achegas sobre a suposta familia paterna de Rosalía.
L.V.B.
Estudios Mindonienses, nº28 (2012) 599-634.




1. Introdución

Coincidindo co 175 aniversario do nacemento da escritora e rexurdido o interese polas orixes familiares de Rosalía de Castro, logo do recente descubrimento da primeira noticia escrita sobre a paternidade da escritora[1], cremos interesante achegarnos e descubrir a aínda presunta familia paterna desta: a Martínez Viojo.

É ben coñecido que os pais de Rosalía de Castro foron Teresa de la Cruz de Castro y Abadía e, supostamente, o sacerdote José Martínez Viojo, este natural da parroquia de San Xoán de Ortoño, no concello coruñés de Ames.

Aínda que a partida de bautismo de Rosalía, inscrita no Real Hospital de Santiago con data 24 de febreiro de 1837, sinala aos seus pais como “incógnitos”, a relación de nai e filla, entre Dona Teresa e a escritora é manifesta e está sustentada polos datos bibliográficos e a documentación familiar.  Máis problemas existen, con todo, coa atribución da paternidade de Rosalía a José Martínez Viojo,  pois non existe ningunha proba documental da mesma.

Durante o século XIX tentouse silenciar as orixes da escritora pero, por mor da carta que en 1923 enviou Luís Tobío, descendente dos Martínez  Viojo, ao seu amigo Fermín Bouza-Brey, púxose nome ao posible pai de Rosalía. Esta noticia, de gran transcendencia naquel momento, influíu, entre outros aspectos, para que a fundación do Seminario de Estudos Galegos tivese como sede a Casa do Castro en Ortoño, como lugar rosaliano significativo. Desde entón, aceptouse xeralmente que este sacerdote da Colexiata de Iria Flavia natural de Ortoño, fora o pai de Rosalía, e que esta foi coidada na Casa do Castro polos seus familiares paternos até aproximadamente cumprir os cinco anos de idade, xa que en setembro de 1842 aparece rexistrada xunto á súa nai no Concello de Padrón[2]. Con todo, parece que o que en 1923 xa se esquencera, en vida da escritora era vox populi entre os seus contemporáneos e veciños[3].

Algúns autores defenderon que a hipótese da paternidade do sacerdote Viojo xurdiu dos sobriños deste, os cales, coñecedores daquelas historias que corrían por Padrón e Santiago, atribuíron a paternidade ao seu tío sen ser real[4]. Esta teoría apóiase, sobre todo, en que non era tan raro na fidalguía da época bautizar a fillos concibidos fóra do matrimonio con pais incógnitos e logo lexitimalos. Foi o que sucedeu coa curmá de Rosalía, Josefa Laureana[5], e co seu propio marido, Manuel Murguía, pero o real é que Rosalía quedou sen lexitimar. O rumor da paternidade do capelán, intencionado ou non, se el non fose o pai, poderíase entender conveniente, pois en certo xeito servía como un tabú para escurecer e silenciar este tipo de sucesos.

A nai de Rosalía, Teresa de la Cruz de Castro, era natural do Pazo de Arretén de Santa María de Iria. A súa liñaxe foi estudada por Caamaño Bournacell[6] e comeza no nobre apelido galego Bermúdez de Castro. Bouza-Brey tamén estudou o vínculo do pazo[7];, con todo, aínda hoxe carecemos dun estudo definitivo sobre a xenealoxía do suposto pai da poetisa, tal vez debido á idea de que non representaría unha grande achega. Esta condición, a forma do seu nacemento, os primeiros anos da súa vida e, sobre todo, a ausencia da figura paterna, converteron a Rosalía nunha vagabunda espiritual, perpetuamente insatisfeita, tal como a describiu o profesor Rof Carballo[8].

Procurar aumentar o coñecemento sobre a familia Martínez Viojo, vendo as coherencias ou fundamentos sobre a posible paternidade de José Martínez Viojo, así como determinar a veracidade da tradición que sitúa a Rosalía en Ortoño nos seus primeiros anos de vida,  é o obxectivo da nosa modesta investigación.

Articularemos o noso estudo centrándonos na realidade social da familia de José Martínez Viojo e na súa xenealoxía, a ascendente e, especialmente, a descendente e coetánea a Rosalía, tentando ao mesmo tempo esclarecer un pouco máis os anos de infancia que a escritora puido vivir en Ortoño.



[1] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, 16 de xullo de 1885: primeira mención do Capelán José Martínez como pai de Rosalía en: “Revista de Estudos Rosalianos” 4 (2011) 205-217.
[2] Cf. A. Pociña- A. López, Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra. Santiago de Compostela, Lailovento Ensaio 2000, 23.
[3] Cf. V. Álvarez R. de Ojeda, 16 de xullo de 1885…, a. c. 206.
[4] Cf. X. L. Mendez Ferrín,  Faro de Vigo, 16 de marzo de 2007.
[5] Cf. V. Álvarez Ruíz de Ojeda, Sobre as orixes de Rosalía de Castro: a inclusa de Santiago de Compostela e ou caso de Josefa Laureana de Castro, en: “A trabe de ouro” 39 (1999)  325-351.
[6] Cf. J. Caamaño Bournacell, Rosalía en el llanto de su estirpe, Edicións Biosca, Madrid 1968.
[7] Cf. F. Bouza-Brey, El Solar y mayorazgo de “A Arreten”, de los antepasados de Rosalia de Castro, en: Cadernos de Estudos Galegos 15 (1960) 164-190.
[8] Cf. J. Rof Carballo, “Rosalía, ánima galaica”, en: Siete ensayos sobre Rosalía, Vigo, Galaxia 1952. 111-149.

lunes, 24 de diciembre de 2012

Libro de fundacións XLII

1 de febreiro de 1754



Cuadraxésima segunda fundación.

No inverno de 1754, Domingo Martínez veciño da Punxeira, cédelle a Francisco de Gosende, a súa vez veciño da Condomiña un anaco de terreo no paraxe da Tarroeira para que constrúa unha casa. Dóallo ca obriga de unha misa perpetua pola alma del a partir de cando morra.
A Tarroeira era ata aquel momento un monte pertencente a Punxeiras altas. Ó seu carón discorría o camiño real que ía de Santiago a Noia pasando pola ponte da Condomiña. É precisamente por este tempo, a mediados do s. XVIII cando empeza a habitarse.



domingo, 9 de diciembre de 2012

Libro de fundacións XLI


Cuadraxésima primeira fundación



1 de xaneiro de 1747.

Diego Antonio García e a súa muller María Rey, din que antes de agora, D. Carlos Bermúdez de Castro, por un codicilo que fixo a favor dela, cando era criada solteira ó seu servizo compensouna con varios bens.  Entre eles legoulle unha leira de un ferrado chamada “A horta” e unha casa terreña sita nas Punxeiras de arriba. Por todo isto impoñiase unha misa rezada por defuntos.
O tal D. Carlos casara en Ortoño a primeiros do s. XVIII con Dª Melchora González de Solís, veciña da Condomiña. Sen embargo a súa muller morreulle sen descendencia e en 1718 contraeu matrimonio con Dª María Suárez de Figueroa, natural de San Lourenzo de Agrón, precisamente de onde era Diego Antonio García, que veu casar con María Reyna a Ortoño en 1727. María Rey ou Reyna seguramente era unha orfa do Real Hospital de Santiago que se tería criado na parroquia de Ortoño e de moza entrou a servir a esta xente. Deste modo, e aínda antes de casar, D. Carlos déixalle uns bens nos que poder vivir a cambio de unha misa. Misa que por outro lado habíalle facer falla, xa que na década dos 20 do s. XVIII, este era o meriño e xustiza maior das xurisdicións de Altamira e Barcala, nomeado polo conde de Altamira, e fora deposto por goberno deplorable e malversación das contas.