sábado, 17 de abril de 2010

Evolución demográfica de Ortoño II

Como se pode ver a poboación segue a medrar no s. XVII, e tamén no s. XVIII vendo os datos do catastro da Ensenada. Nel non se nos dan os veciños senón os impostos de señorío da xurisdicción de Altamira en Ortoño, o dichoso real da vela que pagaba cada veciño. Pois ben o conde recadaba por 1752 100 reais, e superpoñendo os datos da cofradía de San Roque de 1696, en que o porcentaxe de veciños da xurisdicción de Altamira en Ortoño supoñían un 65% do total, tiramos uns 153 veciños e por tanto uns 612 habitantes.

Vista de Bertamiráns dende o alto da Costa do Seixo, ó pe da nova autovia. Bertamiráns é o nucleo de poboación de Ortoño que máis medrou

No s XIX temos máis fontes sobre a poboación parroquial. En 1828 en unha averiguación do arcebispado, Ortoño xa contaba con 200 veciños e 800 almas. Anque estes datos soen moi redondos D. Bernardo Zerezuelo, o párroco de entón, tiña atinado bastante ben, xa que 4 anos despois en un Diccionario Xeográfico da época dise de Ortoño que conta con 885 habitantes. Esto supoñía, erros a parte, o aumento de 20 familias en 4 anos, o que podería ser plausible tendo en conta a emigración interior de Galicia que facía que xentes de outros lugares emigraran o val da Maía en búsqueda de mellores oportunidades.
A poboación en Ortoño non para de medrar, ó igual que a de toda a bisbarra. En 1840 no Diccionario de Pascual Madoz, xa nos di que os habitantes da parroquia sitúanse nos 906, pero o número de veciños baixa a 181. Datos que poden parecer contradictorios, e o que nos indican é un aumento da poboación e tamén un aumento da media de membros por familia que pasa de 4 a 5. Quizais os movementos migratorios de xentes que viñeron a Ortoño e marcharon e outros naturais da parroquia que emigraron sexa a causa da perda de veciños.
Fáltannos datos de principios do s. XX para poder ver mellor a evolución da poboación. Sen embargo, é nestes períodos dos s. XIX e XX cando máis se acentúan os procesos migratorios tanto de saída como de entrada de xentes na parroquia.
Cara 1965 na guía do arcebispado contábase que daquela Ortoño xa tiña 2025 habitantes e 404 veciños, sendo a parroquia do val da Maía máis poboada, e con unha media de persoas por familia máis grande, por riba de Bastavales, Os Anxeles, Ames, etc. Soamente a superaba outra parroquia con 2800 habitantes que era San Xoán de Calo.
E así chegamos a actualidade onde Ortoño conta ó redor de 9000 habitantes, a meirande parte establecidos en Bertamiráns e nas urbanizacións que proliferaron nas últimas dúas décadas. Deste xeito, e tamén debido a grande urbanización promovida no concello de Ames, a parroquia de Ortoño, recibiu multitude de xentes de Galicia e outras partes que se estableceron nestes últimos anos, que traballan, estudian, e residen en torno a capital de Galicia.




Ano/Habitantes

1458/80
1563/100
1607/200
1696/480
1752/612
1828/800
1832/885
1840/906
1965/2025
2010/9000

Táboa ca evolución poboacional de Ortoño ó longo dos últimos 5 séculos

No hay comentarios:

Publicar un comentario