sábado, 10 de abril de 2010

Evolución demográfica de Ortoño I



As primeiras novas sobre poboación da nosa parroquia, atopámolas no apeo de 1458 que Ruy Sánchez de Moscoso fai das súas propiedades en A Maía. Nel, ademais de consignar as rendas e outras circunstancias, falase dos veciños que as habitan, sendo esta a primeira fonte demográfica da parroquia. Desgraciadamente é unha fonte parcial, pois soamente nómina os lugares da que, co tempo, será a xurisdicción de Altamira.

Xa observáramos, tamén a través dos foros e do apeo de 1563 do Conde de Altamira, como a media da poboación da parroquia partía, a mediados do século XVI, dun veciño ou dous por lugar, situación semellante nos mediados do século XV, facendo un total aproximado de 25 veciños cara ó ano 1560. A posible razón deste estancamento demográfico podería radicar nos revoltos anos da segunda metade do século XV, cheos de guerras e enfrontamentos entre os arcebispos e os Moscoso, e polas loitas nobiliarias que castigaban a Galicia. Outra causa, aínda que menor, eran as frecuentes pestes que asolaban a Terra de Santiago, como as de inicios do século XVI, que fixeron minguar o número de habitantes nun tempo de baixa taxa de densidade de poboación.

Nos inicios do século XVII atopamos interesantes novas difundidas polo Visitador do Arcebispado, o cóengo cardeal da catedral compostelá Jerónimo del Hoyo. Este eclesiástico, natural de Avila e que viñera para Santiago como secretario do arcebispo Juan de Austria, consignou nunhas memorias tódolos datos que recollera nas súas visitas polas parroquias da diocese. Deste xeito, sabemos que Ortoño, a principios do século XVII contaba con 50 veciños. Os veciños ou os fogos, (fuegos, nas fontes), son palabras sinónimas que fan referencia á unidade familiar, a unha casa, e que personifican o cabeza de familia; unidade que, dito de paso, tamén o era para asuntos fiscais, orixe dos primeiros censos. Por tanto, cara ó 1607, en Ortoño había 50 veciños, e multiplicando por unha media de 4 persoas por fogo danos un total de 200 habitantes na parroquia. Tendo en conta que Ortoño esta no val da Maía, un dos escenarios con máis poboación de Galicia naquel entón, indícanos a multiplicación por dous da poboación en tan só medio século.

Temos que esperar ata finais do século XVII para atopar outra fonte. Trátase do Libro da Confraría de San Roque de Ortoño que data do ano 1696. Pola lista dos confrades, sabemos que daquela Ortoño contaba ó redor de 120 veciños, uns 480 habitantes aproximadamente e repartidos por lugares como describimos no cadro adxunto:

Lugar/ Ano 1458/ 1563/ 1607*/ 1696
Castrigo 1/ 1/ -/ ≈4
Bertamiráns -/ 3/ -/ 21
Pedregal -/ 1/ -/ 7
Sisto 1/ -/ ≈2/ -
Casal 1/ -/ ≈3/ -
Carballido -/ 2/ -/ 4
Sisalde 2/ -/ 11/ -
As Cortes 2/ 2/ -/ 7
Ortoño 3/ -/ 14/ -
Maguxe 3/ -/ 11 -
Punxeiras Altas */ 1/ -/ 7
Punxeiras Baixas*/ 1/ -/ 7
Condomiña */ 1/ -/ 6
Lapido * 3/ -/ 25/ -
A Cachela* 1/ -/ 0/ -

Total veciños ≈20/ 25/ 50/ ≈120
Total habitantes≈80/ 100/ 200/ ≈480
≈ dato estimado
* non hai datos

No hay comentarios:

Publicar un comentario