viernes, 24 de septiembre de 2010

As xurisdiccións antigas na Maía XI

Os cargos detentados polos antigos dominios


O arcebispo e o conde, dous tipos de funcionario

Cando falamos dos dominios que rexentaban a Maía na idade Media e Moderna e falamos das súas cabezas, que eran o arcebispo e o conde, sempre nos fixamos nas súas facetas señoriais como cúspide dos seus dominios. Sen embargo o ámbito no que se movían non era tanto o doméstico, por dicilo así, senón un máis elevado.


Pois si, porque ó igual que lle dixo Xesús a Pilato “ non terías ningún poder si non cho concederan dende máis arriba”, tanto un coma o outro, ou sexa arcebispo e conde, as súas atribucións estaban supeditadas ó poder real.

Sen ir máis lonxe, os prelados composteláns recibiron para si e a súa igrexa, a modo de xurisdicción e non de propiedade, grande parte dos seus dominios por doazón dos reis de León despois do descubrimento da tumba apostólica. A primeira doazón foi feita por Alfonso II e consistía no territorio que se estendía ó redor de Compostela nun radio de tres millas. Posteriormente este radio foise ampliando polos reis ata acadar as 24 millas no ano 915 pola concesión feita por Ordoño II.

Os bispos primeiro e, a partir de Xelmírez, os arcebispos, en virtude da súa cultura e enormes patrimonios, eran considerados persoas de grandes capacidades, xa non só como pastores das súas igrexas, senón como políticos, economistas, xuristas, etc, de forma que lles eran recoñecidos títulos e empregos ó servicio do estado.

Non hai máis que ver os encabezamentos dos escritos e diplomas que emitían. Deste xeito, no encabezamento da visita pastoral do cardeal Martín de Herrera a Ortoño en 1902, pódese ver como, ademais de ser o capelán do rei, é o notario maior do reino de León, senador, membro do consello real etc. Tan involucrados estaban as veces os arcebispos nas tarefas terrenais, que pedían se lles nomeasen bispos auxiliares para que os axudasen. De este modo soiase ordenar bispo algun monxe piadoso para que recorrese a diocese facendo visitas pastorais.
Encabezamento da visita pastoral feita ó 22 de abril de 1902 polo cardeal arcebispo a Ortoño

O caso do conde de Altamira xa é un tanto diferente pero no fondo segue a mesma lóxica. Anque a súa familia, os Moscoso, foi ascendendo á sombra dos prelados composteláns, como cabaleiros ó seu servicio, o seu maior auxe sobreveu cando se enfrontaron a estes no s. XV. Foi precisamente naqueles anos cando conseguiron o condado tan ansiado, pero ca sanción dos reis católicos.

Finalizado o s. XV e con el as loitas señoriais en Galicia o conde, como outros nobres, ponse ó servicio da monarquía, sendo empregado en aqueles menesteres que mellor se lle darían: a milicia. Deste xeito vemos ós Ossorio de Moscoso convertidos en capitáns reais. Co paso do tempo as súas atribucións foron mudando. Así coñecemos os seus empregos e honores no ano 1760 ó describilos no nomeamento de xuíz para Altamira e Barcala. Daquela o conde ademais de ter 11 títulos nobiliarios, moitos debidos ós enlaces matrimoniais dos seus antepasados, era señor das sete vilas da terra de Campos, rexedor de todas as cidades e vilas con voto en Cortes, alcalde do palacio do Bo Retiro, etc.

É máis nas loitas e querelas entre ambos dominios sempre se apelaba a sanción dos monarcas, e estes mirando tamén polos seus intereses, beneficiaban o que mellores servicios lle fixera.

Sen embargo entre arcebispo e conde hai un grande abismo. Os condes non son elixidos, sucédense no título os descendentes do primeiro que o recibeu, por tanto é unha institución familiar.

Pola contra os bispos e arcebispos non descenden de unha línaxe, senón que son a continuación da sucesión apostólica. Os bispos son ordenados por outros bispos e con autorización papal, seguindo así dende os mesmos apóstolos de Xesús. Pero aínda sen contradicir esto, e ata non hai tanto tempo, os xefes de estado de España tiñan dereito de padroado sobre as sedes do seu territorio, e por tanto eran os que propoñían os nomes dos candidatos a ocupar este ou aquel bispado. Este dereito aínda o ostentou o actual rei D. Xoán Carlos, o cal decideu prescindir del e devolvelo á Igrexa.

Ca constitución de Cádiz de 1812 acabaronse os señoríos en España. Tanto o conde como o arcebispo perderon os seus, pero non perderon a súa influencia ostentando empregos e cargos na administración do estado ata ben entrado o século XX.

Hoxe en día, e sobre todo despois do Concilio Vaticano II, o arcebispo empregase na súa tarefa xenuína que foi e é a de ser pastor da súa Igrexa particular. Sen embargo o conde xa non vive en España, nin ten cargos na administración. Actualmente vive en México e o seu patrimonio xa non ten nada que ver co que atesouraron os seus devanceiros alomenos ata o s. XIX.

No hay comentarios:

Publicar un comentario