viernes, 10 de septiembre de 2010

Os límites da parroquia de Ortoño II

A tradición como transmisora de información

Ó longo do tempo as distintas comunidades de persoas que nos precederon foron poñendo por escrito aqueles actos da súa vida que lles eran considerados máis importantes.

Portada o prorrateo de renda das Cortes. 1849
Sen dubida, a transmisión de bens, como a compra venda, o arrendo, os foros foron contractos que ben se coidou de poñelos en papel, facendo incluso copias, para non se perderan. A consignación destes actos fíxose invariablemente devido a importancia que tiñan, e moitos de estes documentos chegan a ser moi minuciosos, para reducir as ambiguedades e as dubidas.

Sen embargo existe ó longo do tempo unha especie de nebulosa informativa que non é nunca posta por escrito. Existen datos que se dan por supostos ó longo dos séculos. Quizais, en algúns casos, se poida saber pequenos detalles sobre un tema comparando varios documentos de distintas datas que teñen en común o fondo da cuestión. Pero son soamente pequenos engadidos, como lapsus dos seus outorgantes, datos menosprezados por ser tan comúns, tan coñecidos, que non consideran interesantes.

Pero eses datos tan comúns no s. XVI, XVII e XVIII, hoxe xa deixaron de selo: son moi pouco comúns e coñecidos ou case xa en moitos casos descoñecidos. Estes datos, que imos adquirindo a conta gotas, son os que gardaba a tradición.

A tradición, que procede do latín traditio, -onis, e a súa vez do verbo tradere (entregar), é o conxunto de bens culturais que unha xeración herda das anteriores, e que por estimalos valiosos transmite as seguintes. Considéranse tradicionais os valores, as crenzas, os costumes, en definitiva, o conxunto do saber de forma oral, non escrita. Pero a visión conservadora da tradición ve nela algo que manter e acatar, non sendo así en absoluto. A tradición depende da capacidade para renovarse cambiando de forma e fondo, e as veces moi profundamente.

Ortoño no arceprestazgo da Maía
Dentro do saber non escrito, da tradición oral, encontrábase tamén todo o que os documentos non mencionan, pero que podemos intuír. Así temos encontrado os últimos nove foros que o Cabildo de Santiago tiña feito ós moradores da Tenencia da Condomiña no s. XVIII. Léndoos comprobamos que practicamente din o mesmo en canto os terreos aforados, e sen embargo están a falar de terras distintas. Falan dos mesmos agros, pero a situación das leiras nelas omítena, porque era de sobra coñecida para os outorgantes, non precisaban poñela por escrito. ¿Como discernir agora que terreos estaban dentro de un ou outro foro? Non se pode, perdeuse esa información. É máis mudou, porque os terreos seguen estando, pero a súa división ó longo do tempo cambiou por completo.

Forma da parroquia de Ortoño
O mesmo sucede con outros límites, como os das parroquias, que o final son o conxunto das fronteiras entre lugares. Un exemplo claro de esto viría a ser a fronteira da parroquia de Ortoño no lugar de Pedregal, onde neste pasado mes de agosto ardeu o monte entre os concellos de Ames e Brión, ó lado de Bertamiráns. Ós limites das tres parroquias (Ortoño, Os Ánxeles e Brión) xa son mencionadas no s. XVIII, nun preito promovido polo conde de Altamira, e semellan ser diferentes ós que hoxe se coñecen a través da cartografía municipal. Coma este exemplo existen máis, coma os que se dan en outros lugares da parroquia limítrofes cas parroquias do lado, e dos que xa temos falado nos enclaves.

Parece como ó longo do tempo, os espacios nos que vivimos e nos movemos (lugares e parroquia como suma deles) vanse movendo e modificando, retraendo e estendéndose, buscando o seu mellor acougo rodeados por outros semellantes a eles. O mellor exemplo é o de Bertamiráns, que todo mundo cree entender que se estende ala onde chega a urbanización de edificios e rúas en torno a estrada Santiago-Noia, e nada máis lonxe da realidade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario