domingo, 19 de septiembre de 2010

Os selos II

A tipografía documental atopada en Ortoño

A tipoloxía documental de Ortoño, non debe de ser a priori diferente a de calquera outro punto de Galicia. Agora ben, quizais na Maia gárdese por parte dos particulares coleccións de documentos de moi varias temáticas, o mellor máis das que cabería imaxinar.

Non imos reseñar máis que a tipoloxía dos conservados nunha soa casa da parroquia para dar a coñecer a súa variedade e importancia.

Esta casa conserva papeis dende o s. XVI, e entre eles, cóntanse os tradicionais testamentos, partillas e compra-ventas.

Sen embargo conta tamén con escrituras de fundación de memorias pías de misas perpectuas. Ten varios documentos de prestamos, conciliacións, e un par de capitulacións matrimoniais.

Como os membros desta familia a traves do tempo estiveron ó servicio da res publica, gardaron documentación relativa a ela. Así conservan escrituras de aluguer de alcabalas das feiras de Francos, recontos e inventarios e repartimentos de impostos reais, copias de preitos dos dominios polos seus bens, nomeamentos de xuíces, notarios e maiordomos pedáneos da parroquia, encabezamentos de rendas provinciais, nomeamento de alcalde pedáneo de Ortoño, provisión de soldados milicianos para o rexemento de Santiago. Entre os seu papeis apareceron un inventario de documentos da secretaria do concello de Ames de 1844, a listaxe de impostos do axuntamento de Bastavales de 1828, que nos dan unha idea do seu valor histórico.
Título de Sagradas Ordes de D. Juan Nicolas de Campos, veciño da parroquia, outorgado polo bispo auxiliar de Santiago D. Juan Varela Fondevila no ano 1778


Dende o punto de vista persoal e familiar hai unha grande e variada representación de documentos. Cóntanse entre eles, documentos sobre a titoria de menores, protestas polo cobro de luctuosas, pasaportes e salvoconductos do s. XVIII para viaxar nas naves da real armada. Hai tamén permisos para a conducción de tabacos, xuízos militares, títulos de Sagradas Ordes e tamén títulos de patrimonio, contas de funerais, arbores xenealóxicos, inventarios dos seus propios documentos, etc.

Dende un punto de vista colectivo tamén hai documentación interesante como a división dos montes abertos, desamortizacións de bens eclesiásticos, preitos dos veciños polas rendas dun dominio, foros, prorrateos de renda, etc

Podemos especular con cal podería ser esta casa tan ben surtida de documentos tan variados e dende tan antigo, pero esa ven sendo unha cuestión que perde o seu interese ó descubir o que se garda en outras.

Deste xeito descubríronse na parroquia documentos singulares gardados polos seus donos, que van dende repartos de rendas moi antigas ata protocolos notariais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario