Voltamos de novo a nosa parroquia de Ortoño
para botar luz sobre un enigma antigo que á postre resulta ter sido unha
concordia entre antigos moradores de un lugar singular.
Hai xa tempo falamos da orixe e posible nome
antigo do que supoñiamos vello lugar do Instrumento ó carón do lugar de Lapido,
e á beira do río Sar. Inducidos polo libro da cofradía de San Antonio e San
Roque de finais do s. XVII, onde aparecían varios cofrades dun descoñecido
lugar chamado Ribas de Mar, supuxemos a falta de máis novas e a coincidencia de
aqueles nomes con antepasados veciños do lugar, que aquel era o Instrumento de
hoxe. Por algunha razón o nome cambiara debido posiblemente a algunha contenda
xudicial sobre o lugar, a cal tería rematado con un documento singular ó que
despois se referirían sempre, ata chegar un tempo en que xa non se sabía o seu
significado. Hai que ter en conta que nos s. XVI e XVII, era moi común
chamarlle instrumento a calquera documento xudicial ou procesal. As sentenzas,
acordos, e outras escrituras chegaron naquel tempo a seren efectivos “instrumentos”
que tiñan unha forza enorme. Daquela ven o refrán que os papeis fan calar as
barbas.Deste xeito tamén parecía coherente pensar que
aquela suposta contenda puidera estar relacionada ca parroquia de Bugallido, xa
que hai unha parte do Instrumento de Ortoño e outra de Bugallido.
Ponte do Instrumento. Está xa na parte de Bugallido. |
Pois nin unha cousa nin a outra. Nin o
Instrumento se chamou nunca Ribas de Mar, nin sabemos de ningunha contenda con
Bugallido, nin tan sequera foi no pasado un lugar de seu na parroquia de
Ortoño, se non que sempre estibo dentro e formando parte de Lapido.
É máis, semella que no horizonte da memoria
documental ca que podemos traballar, non máis ala da primeira metade do s. XVI,
era un paraxe inculto e deshabitado do enorme lugar de Lapido, da mesma
parroquia. Sen embargo a súa orixe seguía sendo un enigma, salvo pola teoría
contada.
Pois ben parece que nun tempo antigo
indeterminado, os veciños de Lapido aproveitaron a orografía do seu lugar para
sacar auga dos cursos fluviais e así regar e facer máis fértiles as súas
terras. Sacouse auga do río Sar pero tamén do seu afluente o máis lonxano río
de Roxos, xa que o lugar testa con el. Os levadores de tan dilatados terreos de
monte non se opuxeron nin pediron satisfacción algunha, de tal forma que os demais
veciños en “satisfacción”, non soamente lles deixaron o uso de tales terras sen
ter que pagar renda algunha, se non a posibilidade de construír nelas as súas
casas. E para que puidera ser, consentiron pagarlles as rendas entre todos e
deixalos exentos.
É interesante esta situación. No pasado, e tamén
en case todos os tempos, son os poderosos os que outorgan mercedes e
privilexios. Neste caso, son os mesmos iguais os que, de forma colectiva, outórganlle
ó seu próximo algo que non poderían soñar para si: ter terra e casa propia sen
pagar impostos. E para que puidera ser cárganse eles, de forma solidaria e
proporcional, cos gastos e impostos de aqueles para sempre. ¿Onde se viu hoxe
algo semellante?. Se o traduciramos a hoxe en día, sería como os veciños dun
edificio en gratitude por algún beneficio común obrado por un deles, lle domicilian
nas súas contas bancarias a partes iguais os recibos da auga, luz, e todos os
impostos municipais,e !para sempre!
Quizais puidérase pensar que un trato deste
tipo tivo que saír dunha noite de excesos etílicos. Pero nada máis lonxe, xa
que aínda que se puidera pensar ó lado da almofada, o trato tivo que
materializarse nun documento ante notario e con todas as garantías que esixía a
lei. Aquel documento, aquel instrumento, que debeu dar que falar en toda a
comarca, pola súa singularidade e forza, foi o que ó final foille dar nome as
casas e terras dos afortunados gratificados.
Estas novas saíron dun vello preito sobre os
dominios do lugar de Lapido, onde estaba incluído o Instrumento. Unha testemuña
afirmaba cara mediados do s. XVIII que tiña catro casas e que non pagaban nada:
“....en satisfación de las presas y llevadas de agua que sus antezesores
permitieron se sacasen para el riego de los vienes de dicha aldea de Lapido
aviendo les permitido los antezesores de los posedores actuales de ellas el uso
sin pension alguna siendo monte ynculto aquella situación en donde despues
fabricaron dhas casas y reduxeron a cultura una porcion expaciosa y en esta
forma se lleva, y lo rreferido ha prezedido a mucho tiempo....”
Outro día falaremos do misterioso e
descoñecido lugar de “Ribas de Mar”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario