Andrés Barreyro
Moitas veces pensamos que a sociedade actual
bule de cuestións e problemas propios dela e do momento presente. E sen
embargo, a maior parte deles, sobre todo os que xiran en torno ó home son xa
moi vellos, son por decilo de outra forma intemporais. Nihil novum sub sole, non hai nada novo baixo o sol, di o
Eclesiastés.
Na introdución a esta serie de biografías de
outros curas que non foron párrocos de Ortoño pero dalgunha forma vinculados,
xa falamos das distintas motivacións e formas de actuar que se podían dar no
estado eclesiástico ó longo da historia. Pero esto sirve para calquer eido ou
medio humano, onde uns optan por facer do seu curso vital un servicio ós demais
e outros un servicio a si mesmos, e as veces un mal servicio.
Este é o caso de Andrés Barreiro, veciño da
parroquia de Ortoño, que viveu a cabalo dos s. XVII e XVIII tendo unha
biografía un tanto escabrosa.
Era fillo de Domingo Barreiro, veciño do lugar
de Maguxe, e seguramente neto de Juan Barreiro e María de Caxade, dos que xa
falamos con motivo da fundación trixésimo terceira do libro de Fundacións da
parroquia de Ortoño. Non coñecemos a data do seu nacemento, pero o máis
probable é que nacera cara 1640 ou 1641. Cara 1662 atopámolo
matriculado na universidade de Santiago cursando teoloxía. Ata ese momento non
hai outros datos, pero catro anos despois facémonos unha idea da súa
personalidade ó atopalo litigando nada menos que co xuíz eclesiástico de
Santiago.
Previamente hai que ter en conta que no antigo
réxime, os relixiosos e ordeados estaban fora da xurisdicción da xustiza civil.
Calquer cuestión ou delito tíñase que dirimir na xustiza eclesiástica, o que na practica dáballes un estatus diferente.
Parece ser que Andrés afixérase a unha vida
moi licenciosa pasando a ser practicamente criminal. Pero como xa estaba
ordeado de prima tonsura pertencía ó estado eclesiástico e nel debeu encher
moitos expendientes. En particular ó referido a noite do 20 de xullo de 1666.
Aquela noite Juana Denxo, muller de Juan
Vázquez, veciños do lugar de Pousada na parroquia de Ames, foi o muiño a moer.
Acompañábaa súa filla Isabela Vázquez e un criado mozo chamado Alberte
Fernández. Cara media noite chegan ó pe do muíño dous homes que tentan entrar
pola forza nel. Tratábase de Andrés Barreiro e un amigo e veciño seu, Alberte
de Sebe, fillo de Juan de Sebe, tamén da parroquia de Ortoño. As mulleres cheas
de medo tentan pedir auxilio, sen conseguilo. É sen embargo Alberte Fernández o
que logra escapar e chegar a aldea de Pousada para dar voz de alarma. Tropezase
con outro veciño, Roque de Lago que avisa a Juan Vázquez e con máis xente
chegan ó lugar de autos, ou sexa o muíño, que por certo era propiedade de un
tal Francisco de Enxo.
Alí atópanse a porta rompida e o tal Andrés
con un varal e unha daga a cintura e na man unha pistola e o seu cómplice
Alberte de Sebe con outro varal. Juana e a súa filla Isabel estaban dentro
queixándose e laiadose de que os intrusos lle apagaran o lume e que querían
abusar delas. Ante esta situación os dous extraños forcexearon cos veciños de tal
forma que o dono do muíño Francisco Denxo recibeu un pau na cabeza por parte de
Andrés. A cousa non debeu ir a máis pero a xente de Pousada moveronse e
deron parte a xustiza eclesiástica de Santiago. Está a traves do seu xuíz, Don
Antonio de Aguiar vai contra Andrés Barreiro, pero este alega que tiñan sido os demais os que se meteran con el e considerase inocente. Non coñecemos o final desta historia pero
ilustra o tipo de persoaxes que se movían pola bisbarra hai máis de trescentos
anos. No preito falase de que a xente tíñalle medo, xa que non soia vestir
sotana e sempre ía armado. Tiña mal caracter, e soia ser irrascible, chegando a
amenazar a varias persoas. Frecuentaba as tabernas e era adicto a bebida, andando todo
o día de un lugar para outro.
Visto o visto, era obvio que non ía progresar
máis na súa carreira eclesiástica, xa que as informacións serían negativas. Sen
embargo chegou a ser presbítero, seguramente debido ó apadriñamento de algunha
amistade, pero xa fora do ambitio do clero regular da diócese.
Esto sábese polas actas de visita dos
visitadores eclesiásticos ás parroquias. Así cara 1674, cando contaba con 34
anos vémolo investigado en secreto polos responsables diocesanos. Sabemos que
estaba suspendido, e que o 27 de setembro concedeselle licencia por catro meses
de confesión, pero o 15 de outubro elle retirada, abducindo o visitador que:
“es hombre de mal vivir, bebe mucho y es inquieto”. Cousa que xa se indica no
encabezamento do seu expediente: “ Andrés
Barreyro = clérigo mercedario, es buen estudiante pero poco modesto y muy
altivo en sus acciones, tanto que en esto todos le çensuran y a tenido algunos lançes pesados “
Seguramente Andrés non escolleu ser cura, non
era a súa vocación, se non que foi unha imposición familiar. Incluso aínda
despois de feitos como os acontecidos en Pousada, a familia tiña influencia
suficiente para conseguir que se ordeara de presbítero dentro da orde da
Merced, a través do convento de Conxo.
A derradeira nova que temos del data de 1699,
cando funda unha misa perpetua polo eterno descanso da súa avoa María de
Caxade. Non sabemos cando morreu, pero semella que co paso do tempo o seu
caracter foi mudando e acougando.
Apaixonante! Graciñas por nos achegar estas pequenas grandes historias!
ResponderEliminar